Xerais do centro

Actividades feitas no centro

1º día da V Semana da ciencia e da tecnología

3, 2, 1, .......

COMEZA A Vª SEMANA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA NO AGUIAR!

O luns 11 de abril dá comezo, este curso 2015-2016, a nosa Semana adicada á Ciencia e á Tecnoloxía que porá patas arriba a todo o centro coa tolemia científico tecnolóxica que tanto nos motiva.

Para este primeiro día prevense catro actividades principais:

 

Un grupo de alumnos de 3º da ESO preparou coa axuda do profesorado de matemáticas unha xincana matemática que se irá desenvolvendo ao longo da semana cos diversos grupos de 2º da ESO.

Alumnos de 1º e 2º de BAC están dispostos a sorprendernos coa súa demostración de robótica con Scracht e Arduino.

Outro grupo de 2º da ESO  amosará unha serie de experiencias baixo o título "Avances científicos e Tecnolóxicos"

O alumnado de 4º amosará un clásico nestas Semanas da Ciencia e da tecnoloxía, as experiencias con enerxía solar.  E como novidade comezarán unha actividade na que irán participando todos os cursos ao longo da semana: a plantación de árbores froiteiras autótonas. 


Festa de entroido e concurso de disfraces. 5.02.2016

Premiados no concurso de disfraces. Entroido 2016  

 

Pintaxizes. Nadal 2015

Nova entrega de pintaxizes. Parabéns aos artistas.

 

Actividades fin de trimestre. Nadal 2015

     

Co fin de trimestre o IES Francisco Aguiar revolucionase un tanto. Será a "descompresión" logo da tempada de exames e avaliacións. Será a emoción dos días de vacación que se achegan....Sexa como sexa cada ano hai un grupo de profesores e profesoras secundados por un entusiasta elenco de alumnos e alumnas dispostos a facer do último día de trimestre unha xornada especial.

      As diversas actividades que se programan para este día levan por detrás un traballo duro de moitas profesoras e profesores.... María José, Elvira, Carmen, Xosé Manuel, Blanca, Óscar, Lucía, Diego, Carlos, Pablo, Delfina, Xosé Luis, Francisco.... e de moitos alumnos e alumnas. Eles son os responsables da decoración, pendurando carteis e mesmo ...estrelas; da presentación do festival; das actuacións; de sorprendernos con invitados estrela; de controlar as mesas de son; de organizar torneos de xadrez e fútbol, este ano tamén, exhibicións de capoeira;dunha nova edición de pintaxizes...

   Porque, pese ao que pareza, non é doado organizar a unha morea de rapaces para que xoguen cunha certa orde un campionato de fútbol. O labor organizativo da Carlos e a axuda posterior de Pepe fixeron posible que todo fose á perfección.

 

Por décimo segunda vez ( o que indica que isto non é unha casualidade) o Aguiar acolle un torneo de Xadrez. 17 rapaces e rapazas  coordenados por Óscar e a axuda de Diego enfrontáronse neste XII Torneo de xadrez. Colofón trimestral perfecto da Escola de Xadrez que cada xoves á tarde convoca entre 5 e 7 rapaces no noso instituto baixo o mestrado de Óscar García.

Pode que esta fose a última convocatoria...pero non defraudou. O pintaxizes (que coordena o noso compañeiro Xosé Manuel Rey) reuníu a un número variable (segundo o momento da mañá) de rapaces e rapazas dispostos a lixar de xiz as mans para dar a luz a magnífica reproducción que vedes na imaxe.

Case sen avisar, atopámonos cunha improvisada exhibición de capoeira. Na pista anexa ao Polideportivo varios alumnos e o profesor Pablo Sánchez amosaron as súas habilidades sorprendendo a cantos por alí pasabamos.  

O tradicional festival de Nadal contou nesta ocasión con actuacións variadas e de gran calidade: o grupo de alumnos e alumnas coordinados por María José e Óscar volveron a amenizarnos con música de Nadal; a cargo dun alumno de 1º tivemos sesión de maxia con cartas; Ánxela Novo puxo un punto de calidade e delicadeza con danza clásica; non faltaron á súa cita os raperos...  Entregáronse os premios aos concursos de Christmas Cards, Catherinettes e de Chíos(tweets) de Nadal.

En todo isto foi vital o traballo de Elvira e María José coa colaboración de moitos outros profesores e profesoras. A axuda de Raquel, Irene e Isa aos mandos da mesa de son. De Jorge e Laura presentando con gracia a raudais.  

O festival contou tamén cunha grata sorpresa . Nesa mesma mañá un grupo de alumnos do Aguiar daban un concerto de Nadal no veciño colexio Vales Villamarín. A sorpresa para os asistentes ao noso festival foi que, de seguido, unha morea de pequenos músicos agasallábannos cunha actuación no que se sumaban  as orquestas do Aguiar e do Vales.

No medio de tanta actividade houbo tamén ocasión de facer unha parada para charlar cos amigos, botar unha "pachanga", ou improvisar unha partida de xadrez...

MIL GRAZAS!

Porque demostrades co voso esforzo e entusiasmo o que somos capaces de facer se traballamos xuntos poñendo cada un o mellor de si mesmo. Porque alumnado e profesorado amosadenos nese día cualidades e habilidades insospeitadas que a rutina diaria das aulas mantén agachadas  para a maioría.

 

Feliz Nadal para todos e todas!

 

 

Aguiar, o Instituto laranxa (O.L.A)...e as Catherinettes


Se foi mera casualidade..., se foi debido a que a pintura para portas estaba aquel día de oferta ou se era a cor preferida do arquitecto...iso non o saberemos posiblemente nunca.

O certo é que no Instituto Francisco Aguiar pódese atopar por onde queira que vaias a cor laranxa: na barra da cafetería e nas mesas que ateigamos cada recreo, nas portas de clases e despachos, os propios rodapés... todo a xogo coa proposta que para o 25 de novembro nos fai a ONU: pintar de laranxa este día para reivindicar o fin da violencia de xénero. 

Nós tivemos coñecemento da proposta ao fío da magnífica exposición de sombreiros de Catherinettes que se atopa na nosa Biblioteca "Sebastián Buedo Jiménez" . Por tal motivo a consigna para o día 25 tiña que ser en francés. Palabra clave : O.L.A   ("Oranger le Aguiar")

Así que hoxe 25 de novembro reivindicando o final da violencia de xénero o "Instituto laranxa" completará o seu tinxido coas nosas vestimentas: camisetas, xerseis, panos, puchas, foulards, bufandas laranxas van encher neste día andeis e corridores a xogo con portas e rodapés.

 

Parellamente, na biblioteca,  disfrutaremos da exposición de Catherinettes. Da man do Departamento de Francés repasamos unha vella tradición francesa á que damos a volta, como se dunha luva se tratase, para facer dela unha reivindicación festiva e divertida da anceio por unha sociedade onde non haxa desigualdade por sexos e, menos aínda, violencia de xénero. 

O Aguiar participa na "Estratexia Galega para a Convivencia Escolar 2015-2020 - Educonvives.gal",

Nestes días a comunidade do IES Francisco Aguiar ao completo está a participar nunha recollida masiva de datos relativos á convivencia escolar.

Trátase dunha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que ten por obxecto ” detectar cal é o clima escolar da nosa comunidade e guiar as accións de mellora que cumpran”. Pretende dispoñer dun "instrumento de diagnose inicial que permita identificar os puntos fortes e febles na xestión da convivencia e na resolución de conflitos".

O instrumento elexido para esta recollida masiva de datos é unha ferramenta informática en liña,  a aplicación ConvivenciaXestion,que permite un tratamento “automatizado e totalmente anónimo”.

Por iso dende hoxe, venres 13, e durante a vindeira semana o alumnado do noso instituto adicará unha sesión de clase a completar a enquisa nas aulas de informática do Instituto. Asemade, profesorado e familias recibirán unha folla na que se lles informa da iniciativa, proveeselles dunha clave de acceso á aplicación que sen perder o anonimato evite que persoas alleas ao centro poidan intervir na consulta e solicita a súa colaboración.

Anticipando a celebración do Día das Bibliotecas. Libropiruleteando.

 

Deseño dos carteis: X.M. Rey Bao

O venres 23 de outubro o IES Francisco Aguiar adiántase con doce ledicia á celebración do Día das Bibliotecas.

Este día pasarse pola Biblio', seguir as pegadas que enchen andeis, corredores e patios... ten doce premio "libropiruletil".

Distribuir contido