Orientación
10 marzo 2015.Visita á UTE do Centro Penitenciario de Teixeiro
O martes 10 de marzo dous grupos de 4º da ESO completaron o Taller de Prevención de Drogodependencias entre Adolescentes en colaboración coa Fundación Barrié e a Unidade Terapeutica Educativa do Centro Penitenciario de Teixeiro.
Se o programa comezou cunha visita dos internos ao noso Instituto o pasado 3 de marzo, agora tocaba devolver a visita. Desprazámonos ata Teixeiro, case ao completo, o alumnado de ESO 4º B e D.
Impresionante a entrada, as medidas de seguridade, as concertinas no alto dos altos muros...pero tamén instalacións coidadas (lonxe dos tópicos da pelis' americanas): limpeza, impresionantes murais deseñados polos propios internos, xardíns coidados por eles...
O modulo da UTE presidido por un busto en madeira de Concepción Arenal ( a pioneira ferrolana que cambiou diametralmente o modo de ver e tratar á poboación reclusa). Recíbennos cun agasallo. Unha preciosa pulseira de coiro elaborada por eles na que se pode ler o lema do programa: DI K NON
Alí un dos internos explícanos as instalacións e o funcionamento das mesmas: comedor, taboleiro de imposicións, economato...
De seguido, unha das experiencias máis impactantes. Visitamos as celas e pasamos nelas quince minutos observando, traballando e reflexionando. Para continuar, grupos de traballo que mesturan internos, titores da UTE e alumnado do Aguiar. O tema: as drogas. A novidade respecto doutros tratamentos do tema: o espazo e os protagonistas en primeira persona.
E como agasallo final dos internos interpretan dúas cancións que nos emocionan (novamente espazo e protagonistas)
Primeiro a canción "No Dudaría" de Antonio Flores
Si pudiera olvidar todo aquello que fui. Si pudiera borrar todo lo que yo vi.
No dudaría, no dudaría en volver a reír
(...)
E como remate, o que eles chaman o himno da UTE unha canción que nos fixo pensar e que leva por título "Historias de Calle"
¿Por qué será, por qué será?
Retorno ao Insti para chegar á última clase da mañá cos corazóns repletos de vivencias e experiencias.
Só resta agradecer de corazón aos internos e aos titores e titoras da UTE o seu esforzo e traballo.
28.02.2015. Xornada de orientación
Por usar a expresiva terminoloxía taurina o "permiso da autoridade" tiñámolo. De feito alí estaba en pleno o Equipo Directivo do Instituto, a xefa do departamento de Orientación, Amparo, e máis algún colaborador profesor que non pasaba desapercibido (Cheché).
O de "se o tempo o permite".... En fin, o día non axudaba nada. A choiva fina non parou en toda a noite ou mesmo arreciou nos momentos previos ao inicio da xornada. Con británicas maneras, puntuais e comprometidos foron chegando a morea de ex alumnos e ex alumnas que participaban como colaboradores da xornada. Con puntualidade máis "spanish style" foron chegando alumnos e familias . Finalmente o noso Salón de Actos enchíase .
Era o momento das presentacións: Director e Vicedirector do Aguiar daban paso aos relatores. Salvador Naya presentou as saídas no ámbito universitario. Victoriano Rodríguez fixo unha encendida defensa da opción da Formación Profesional Superior.
Logo destes relatorios era o turno dos nosos ex alumnos / as que se distribuiron polas aulas para atender a cantos lles requerían información sobre os seus estudos
Pouco a pouco alumnado e familias ía cubrindo as expectativas de información e foron marchando. Algo máis tardaron os ex alumnos que disfrutaron da charleta na cafetería, do biscoito de Guido (digo isto porque amablemente trouxo un biscoito, non porque esta como un...) e da compaña dos vellos colegas.
Na propia xornada e logo, nas redes sociais, suxestión de mellora que se agradecen: formato, estudos representados...
Agora resta agradecer.
Aos asistentes, familias e alumnado, a súa resposta.
Aos participantes a súa colaboración e apoio : Xosé Manuel, Luisa, Adolfo, Amparo, Cheché, Victoriano, Salvador, Melania... e
Aos xeniais ex alumnos e ex alumnas , o mellor capital de que pode presumir un centro de ensino.
Quedan aí como eles se presentan no seu perfil de facebook
12.II. Charla de Orientación académica para alumnado de 1º BAC
Dentro do labor que o Departamento de Orientación que dirixe Amparo Mejuto cada ano ofrécese ao alumnado de 1º de bacharelato unha charla para guiarse no curso de 2º.
O xoves 12 de febreiro a 6ª hora terá lugar dita charla no Salón de Actos á que asistirán todos os alumnos e alumnas de 1º BAC. Nela recibirán información relativa aos estudos de 2º BAC e a selectividade.
Tamén coa participación do profesor do Ciclo Superior de Xestión Comercial e Mercadotecnia, Victoriano Rodríguez, coñecerán as alternativas de estudo relacionadas coa Formación Profesional.
11.XII. Charla de Orientación académica para alumnado de 2º BAC
O xoves 11 de decembro, o alumnado de 2º BAC participou nunha charla impartida pola profesora orientadora Amparo Mejuto e o profesor do Ciclo Victoriano Rodriguez.
En dita charla foron informados de cuestións relativas á proba de selectividade e ao acceso a estudos universitarios e de Formación Profesional.
Participación do IES Francisco Aguiar en tres Plans "Proxecta" da Xunta de Galicia
O 28 de novembro vén de publicarse a resolución definitiva dos centros participantes no Plan Proxecta da Xunta de Galicia .
No IES Francisco Aguiar confirmouse a nosa participación en tres destes plans:;
1.- Continuando cunha liña formativa de hai bastantes anos participaremos co alumnado de 3º da ESO no programa Quérote + dentro do Ciclo Vida Adolescente. Este ano trataranse temas arredor do núcleo: "Socializándonos" (Convivencia, uso responsable das TIC's, e fenómeno do botellón)
2.- Animados por Mª José Doporto, responsable do Espazo Xove de Betanzos, e coa colaboración de Amparo Mejuto, do noso Departamento de Orientación, catro alumnas de 1º BAC participan nun proxecto, "correspondentes 3.0" , que trata de levar información de interés xuvenil á beira dos mesmos xóvenes no noso Instituto: taboleiros de anuncios, actividades, información xuvenil, ofertas formativas.
3.- Aproveitando tamén o traballo iniciado o ano pasado co concurso "Betanzos en Detalle", José Manuel Rey Bao profesor de Educación Plástica e Visual, coordina ao alumnado de 4º da ESO no proxecto "Fotografía en curso". Quere ser esta actuación un achegamento ao mundo da fotografía e ás súas virtualidades estéticas e de formación dunha cidadanía crítica , dende unha actividade esencialmente práctica.
“Prevención de Violencia de Xénero en adolescentes".Sesión do 23 de outubro
O pasado 23 de outubro tivo lugar a segunda sesión do taller de “Prevención de Violencia de Xénero en adolescentes". Logo do traballo teórico ( día 17) de Natalia e Aroa chegaba o momento da aplicación práctica. Era o turno de Alejandro Gómez, policia nacional e experto en violencia de xénero e familiar.
Primeiro algo de teoría: a curva da violencia e os tres cerebros: reptiliano, emotivo e racional.
De seguido, a práctica. En palabras de Rosalía Doporto, alumna de 4º B: "
Hoxe fomos testemuñas dunha espléndida charla que tivo por tema "como facer fronte ás situacións de violencia". Nela ensináronos que, ante unha situación deste tipo, na que o agresor non é capaz de razoar, debemos retirarnos para non agravar máis a situación. Isto témolo que facer cuns movementos que nos ensinou o monitor e que puidemos prácticar na clase."
Coeducación e Igualdade na Xuventude: “Prevención de Violencia de Xénero en adolescentes"
Os vindeiros 17 e 23 de outubro o alumnado de 4º terá a ocasión de participar nunhas xornadas sobre "Coeducación e Igualdade na Xuventude. "Prevención de violencia de xénero en adolescentes" ( ver o programa das xornadas)A primeira sesión, o día 17 de outubro, será de carácter máis teórico e estará dirixida por Natalia Vázquez Pita, terapeuta ocupacional e ex-alumna do noso Instituto.
III Xornadas de Formación e Sensibilización sobre a Atención á Diversidade
Un grupo numeroso de institucions públicas e educativas de Betanzos promoven a que é xa a Terceira edición das Xornadas de Formación e Sensibilización sobre a Atención á Diversidade. Entre elas está o noso Instituto e a ANPA O Carregal, que agrupa a nais e pais do noso Centro.
Este ano as xornadas terán lugar os días 9 e 10 de Maio. Animamos a toda a comunidade educativa do Aguiar ( pais, nais, profesorado, persoal non docente...) a participar nelas. No programa que se adxunta atoparedes o atractivo plan de actividades e o xeito de formalizar a inscrición.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- seguinte ›
- última »