Horto escolar, colleita 2022

Despois do éxito do horto escolar do curso pasado realizado no CIFP Portovello en colaboración co seu profesorado e alumnado, este ano voltamos a realizar a nosa pequena plantación de produtos hortícolas no espazo que nos acondicionaron para dita actividade nas instalación do centro.

Antes de ir ao horto, realizamos na aula a listaxe das plantas que iamos mercar no viveiro de Agrolimia e do material que precisabamos para realizar o traballo. Unha vez rematada a listaxe, dirixímonos ao viveiro do barrio para mercar ditos produtos. Entre todos e todas fomos recollendo as plantas coa colaboración dos responsables de Agrolonia que tan amablemente nos atenderon.

Rematada a compra, calculamos nos o importe da factura e pagámoslle ao encargado a cantidade xusto que coincidiu exactamente co que puña na factura. A nosa sorpresa foi que nos fixeron rebaixa  polo ben que nos portamos na tenda. Con ela mercaremos algunha vianda para degustar o próximo día que veñamos regar.

A continuación dirixímonos ao Horto escolar do CIFP Portovello, situado no seu patio exterior, para realizar a nosa plantación:

  1. Preparamos a terra do horto, sacándolle pedras e herbas.
  2. Abonamos a terra, e removemos o abono con ela para que se integrara mellor.
  3. Plantamos os tomates, as leitugas, as cenorias, as cebolas e as fresas.
  4. Acondicionamos, outra vez, o terreo da plantación.
  5. Por último, regamos as plantas ao carón do seu pé.

En principio, temos programado ir regar ao noso horto unha vez á semana e de paso comprobar como evoluciona o crecemento das plantas.

Xa só nos falta esperar a ter froitos para degustar na nosa aula.