Curso 2019/20

Alumna de 2º Bac premiada

 Na tarde do sábado 21 de decembro, a nosa alumna Sandra Rodríguez Macía recollía no Corgo o primeiro premio do certame de poesía e o segundo de narrativa co texto "Un colar de cunchas", convocados pola asociación "Arumes" do Corgo, e ó que concorrían máis de 90 participantes. 
Nunha tarde de borrasca intensa e co son de fondo de chuvia e vento, o xurado entregou os premios nun ambiente especial, xa que faltou a electricidade en todo o concello e os premiados tiveron que ler as súas composicións á luz dos móbiles. A sorpresa da tarde presentouse na figura de Benedicta Sánchez, a protagonista da película " O que arde", do director Oliver Laxe, natural de Corgo, e que, ó mesmo tempo que recollía un premio entregado por ser a primeira corguesa nominada ós Premios Goya, era tamén a encargada de entregar o premio a Sandra.
Esta non é a primeira vez que Sandra recolle un premio destas características, xa que o día 14, o sábado pasado, recollía tamén o segundo premio de poesía de certame "Torre da Caldaloba" no concello de Cospeito. Premios estes últimos, entre outros moitos, que dan fe do traballo e do bo facer, asi como do xenio literario de Sandra. Moitísimos parabéns para ela.
É preciso destacar tamén o labor destes concellos pequenos que destinan parte dos seus recursos económicos e persoais a convocar certames literarios, que son moi ben recibidos polos escritores noveis, apoiando desta maneira a literatura e a lingua galega, a nosa cultura en definitiva. O documento gráfico non está moi logrado, pero a causa do forte temporal non había luz, e apañámonos  como puidemos.

Charla de Ibán López

O próximo luns, 16 de decembro, ás 20 h terá lugar no noso centro unha charla por parte do monfortino Ibán López, entrenador do equipo de fútbol feminino da Universidade de Florida. 

A charla, aberta ao público en xeral, versará sobre a "Diferencia organizativa no entorno competitivo do fútbol da NCCA(USA)" e está organizada polo Departamento de Educación Física do instituto.

 

2ª Feira de Innovación da USC

O pasado 27 de novembro alumnado de 2º Bac acudiu á II Feira de Innovación da USC, que se levou a cabo nas instalacións da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Alí puidieron asistir a una serie de charlas de variada temática , entre as que destacamos a titulada : “Intelixencia Artificial explicable: Facilitando a comunicación entre máquinas e persoas”, impartida por Alberto Bugarín, catedrático de ciencia da computación e intelixencia artificial.

Ademais o alumnado tivo ocasión para falar e aclarar dúbidas con profesorado das distintas carreiras que se poden  estudiar nas facultades da USC.Unha mañá produtiva que serviu de descanso  e desconexión ao alumnado que se atopa xa de cheo en época de exames.

 

Premio Concurso de Cartas

Sandra Rodríguez Macía, alumna de Segundo de Bacharelato, gañou o primeiro premio do XVI Concurso de Cartas Dillo a quen maltrata 2019, convocado polo concello de Lalín cunha misiva que leva por título "Amarraches a rosa, esqueciches as espiñas". O texto cumpre coa temática proposta para o concurso, a violencia de xénero, e a súa calidade excepcional e a curta idade da autora abraiaron os membros do xurado, de modo que concederon este recoñecemento por unanimidade. O galardón dotado por diploma acreditativo e unha tableta Android 10.1” 32GB foille entregado nun acto que se celebrou o pasado domingo 24 de novembro.
Dende o centro felicitamos a alumna agraciada e alegrámonos de poder ver os froitos do bo facer do noso alumnado, pois xa dicía Virxilio: "labor omnia vincit".
 
 

Máis premios para o Cabe

Premios do VI Certame de divulgación Mulleres de Lemos

Esta fin de semana, dentro da conmemoración do Día da Biblioteca e organizado polo colectivo Lemos Le, fíxose entrega dos premios do VI CERTAME DE DIVULGACIÓN MULLERES DE LEMOS: INÉS FERNÁNDEZ, ABADESA DE EIRÉ. O evento, que tivo lugar na Rectoral de Castillón, serviu para reunir aos galardoados nas dúas categorías do certame (banda deseñada e divulgación) .

Cinco alumnas do Río Cabe resultaron premiadas na categoría de Banda Deseñada. Sara Rodríguez Rodríguez  e Alicia Soto Pallares levaron o primeiro premio e un dos dous accésits (empatados) foron para Zeltia Pérez Barrientos, Claudia Pérez Barrientos e Ariadna Valdés Fernández.  Noraboa a todas elas e que sigan co seu traballo e bo facer.

Despedida - Homenaxe no Río Cabe

O pasado venres 18, máis de sesenta compañeiros e excompañeiros do Río Cabe reunímonos a xantar para homenaxear a tres compañeiras que se xubilan despois de moitos anos de servicio no centro.

Trinidad Álvarez, do departamento de Matemáticas , Mª José Fajardo e Pilar Fernández, do servizo de limpeza, comezan una nova etapa sabendo que, aínda que non andarán polo instituto a diario, para sempre serán Riocabenses de pro e ben seguro levarán consigo  miles de recordos do seu paso polo centro  á vez que, e por méritos propios,  permanecerán para sempre nos nosos corazóns. A comunidade educativa do Cabe deséxalles a mellor das sortes e que sigan compartindo connosco moitos momentos de lecer.

HORARIOS ENSINANZAS DE ADULTOS 2019/2020

A continuación, facendo click no curso correspondente, podedes descargar o horario do mesmo:

 ESA I-II      ESA III-IV A      ESA III-IV B

 

1º BAC      2º BAC

 

CS Turismo

 

Respecto ao horario do CUALE, as ensinanzas do idioma inglés desenvolveranse no seguinte horario:

A1

Martes e Mércores: 16:30 a 17:45 horas

B1

Xoves: 17:15 a 18:30 horas

Venres: 16:00 a 17:15 horas

O horario do idioma Francés B1 é:

Xoves: 16:00 a 17:15 horas

Venres: 17:15 a 18:30 horas

Castelán e galego para estranxeiros:

Castelán: Mércores de 16:00 a 16:50 horas

Galego: Mércores de 16:50 a 17:40 horas

Por último, as clases do Nivel II de Fútbol impártense os Luns, Mércores e Xoves pola tarde. O Mércores os módulos correspondentes ao Bloque Común e o resto dos módulos os outros dous días da semana.

Reunións Familias - Titores

 

REUNIÓNS DAS FAMILIAS COS TITORES/AS

 

mércores, 9 de outubro, terán lugar

as reunións das familias cos titores/as, no salón de actos do

centro, co seguinte horario:

 

18:00 horas Familias do alumnado de 1º e 2º de ESO

18:30 horas Familias do alumnado de 3º e 4º de ESO

19:00 horas Familias do alumnado de 1º de BAC

19:30 horas Familias do alumnado de 2º de BAC

 

Posteriormente, ás 20:30h, a ANPA do centro se reunirá coas familias do alumnado dos distintos cursos.

Comida de Benvida ao alumnado de 1º BAC

Un ano máis celebramos no Río Cabe unha comida de benvida ao alumnado que comeza novo ciclo de estudos. Alumn@s novos e outr@s veteráns no centro son recibidos cun xantar de confraternización para que se poidan coñecer e compartan momentos fóra do ámbito escolar.

Así o fixemos o día 26 de setembro no Clube Fluvial de Monforte, onde profesor@s e alumn@s compartimos un agradable xantar e sobremesa.

Presentación Ensinanzas de Adultos

O pasado día 23 de outubro tivo lugar,no salón de actos do IES Río Cabe, a presentación das Ensinanzas para persoas adultas que se poden cursar no noso centro.

O director, Carlos Parada, e demais membros do equipo directivo deron a benvida aos alumnos e alumnas que comezan este novo ano e animáronos  e felicitáronos pola decisión de ter elixido unha traxectoria non sempre doada  xa que se trata, en moitos casos,  de alumnos que ademais de estudar, traballan e teñen familias ao seu cargo .

Posteriormente a Xefa de Estudos de nocturno, Patricia Barrientos, fixo unha exposición sobre  as  distintas ensinanzas que o centro oferta,  como son a Secundaria e o Bacharelato (semipresencial) para persoas adultas,  así como os ciclos medios de Fútbol e  superior de Turismo, o Programa Cuale de Inglés e Francés e como novidade este ano Castelán e Galego para estranxeiros.

Un grupo de ex-alumnos deu unha emocionada e agradecida visión do seu paso polo Río Cabe, contando como lles fixeron medrar, persoal e profesionalmente, os estudos retomados tras anos de alonxamento dos libros,  e animou  ao alumnado que agora comeza a ser constantes e a non abandoar a “aventura” académica.

Houbo tamén un sentido recordo  para Ramón Rodríguez, alumno de Turismo, que tristemente nos abandoou o pasado verán, e que  sempre permanecerá na nosa memoria pola súa inmensa valía persoal, xenerosidade e profesionalidade. 

 

A súa titora, Sol González, foi a creadora do cartel que  na súa memoria permanecerá exposto na aula de Turismo.

Distribuir contido