Skip to Content

Visita ás Illas Atánticas

O día 30 de marzo a delegación canaria chegou a Boiro onde lles tiñamos preparada unha visita guiada á Illa de Sálvora, que é unha das dúas Illas da Ría de Arousa  que forman parte do Parque Nacional Illas Atlánticas,o único parque Nacional de Galicia.

Para iniciar a ruta desprazámonos ata o porto da Pobra do Caramiñal onde nos agardaban os guías do parque e o catamarán. Embarcamos baixo unha forte chuvia e  emprendemos a travesía. A medida que nos achegabamos ao exterior da Ría a situación do mar comezou a empeorar e nos atopamos en pleno temporal. Axiña quedou claro que ir a Sálvora ía resultar moi complicado, así que cambiamos de rumbo e nos diriximos cara a outra Illa do Parque Nacional, Cortegada, inzada de enormes loureiros.

Polo camiño paramos nunha batea, onde os guías nos explicaron as diferentes etapas do cultivo do mexillón e puidemos ver as cordas baixo as augas. Tamén nos lembraron a importancia dos afloramentos de augas profundas frías para aportar nutrientes ao fitoplancton e manter a enorme productividade e biodiversidade das rías.

Entre os múltiples problemas que afectan a este cultivo, salientaron dous, as mareas vermellas e a acidificación dos océanos. Relacionaron ambos co Cambio Climático. No caso das mareas vermellas, que fan que o mexillón non se poida consumir, co aumento da temperatura que favorece o crecemento dos dinoflaxelados tóxicos e a súa acumulación no interior dos mexillóns. No caso da acidificación dos océanos, que dificulta a formación da cuncha do mexillón, co aumento dos niveis de dióxido de carbono na atmosfera.

Antes de regresar, atracamos no porto de Vilanova de Arousa e nos achegamos á casa de Valle Inclán onde a guía do museo, ao mesmo tempo que nos facía un interesante relato da súa vida, transmitiunos a súa admiración polo xenial escritor arousano.

 A pesar da meteoroloxía adversa, a xornada foi emocionante e a convivencia fantástica.



page | by Dr. Radut