A importancia de protexer e reducir a nosa pegada dixital

 
O alumnado de 4º da ESO participou o pasado martes 7 de novembro no programa educativo "Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais", promovido pola Consellería de Educación. O programa, que ten por obxectivo capacitar ao alumnado no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), foi impartido por unha especialista da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que tamén ofreceu unha serie de ferramentas e recursos dos que poder botar man cando teñamos dúbidas sobre o uso seguro da tecnoloxía.

Festexamos o Samaín e o Magosto

O martes 31 de outubro, na véspera dos Días de Todos os Santos e dos Defuntos, invocamos a alegría, o bo humor e o compañeirismo para celebrarmos todos xuntos, profesorado e alumnado, o Samaín e o Magosto.

Entregáronse os premios do certame de Microrrelatos e Haikus de Medo convocado pola Biblioteca, o Dpto. de Lingua Galega e o EDLG, houbo tempo para os xogos populares e degustar as castañas asadas e para partillar pos unhas horas o mundo dos vivos cos seres chegados do Alén.

2023 samain e magosto

 Vídeo do festival do Magosto

Jano Sanmartin

O Samaín dos Zombis Ananos

Unha aterradora animación de zombis realizada por alumando de todos os cursos do Centro.

Escola de dramaturxía

O Taller de Teatro impartido por Chema Gómez de Lora durante dúas sesións para cada curso nos pasados 25 e 27 de outubro foi dando os seus froitos. O Equipo da Biblioteca e o Departamento de Lingua Castelá procederon á entrega de premios para os mellores traballos, que en breve estarán dispoñibles nesta páxina.

A proposta para 1º ESO xiraba en torno á cuestión “¿Quiénes lloran en casa? ¿Por qué?” e a gañadora foi Paula Brey. O segundo premio recaeu en Alessandra Illobre. Para 2º ESO a proposta creativa partía da proposta “¿Quién canta mejor en casa?” e resultou gañadora Antía Nogueira. Fíxose co segundo premio Julia Canicoba.


En 3º e 4º da ESO o alumnado traballou a partir da idea “Querida sombra”, unha proposta de escritura na que resultaron gañadoras Noa Cabaleiro e Xiana Cacho nos seus respectivos cursos. Os segundos premios foron para David Mosquera e Sara Espiño, respectivamente. Parabéns, pois, a todo o alumnado do centro, que participou activamente nesta actividade.

Diálogo entre Avelina Valladares e Rosalía de Castro

O "Recuncho da Lingua", a sección que dirixe Pilar Bernárdez no programa Mañás dos sábados de Radio Estrada, inaugurou onte, sábado 21 de outubro, unha nova tempada cun monográfico dedicado á escritora, música e xornalista Avelina Valladares, a quen lle dedica o mes de outubro no 198º aniversario do seu nacemento.

Isabel Rei Sanmartín, á guitarra, e Alejo Amoedo, ao piano, acompañaron con música da autora ás rapazas e aos rapaces dos colexios Cabada Vázquez, Pérez Viondi e O Foxo e do IES Pintor Colmeiro de Silleda, que se estrearon nos Recunchos co recitado do poema "Miña xoia".

O noso centro estivo representado por Adriana Orosa Fernández, Pablo Villamor García e Iria Cancela Fontao, que se achegaron á figura de Avelina Valladares poñendo en diálogo a súa traxectoria e a súa obra con Rosalía de Castro, a matriarca da literatura galega. Foron mulleres que compartiron unha época e unha xeografía común, a Ulla, mais sobre todo unha actitude empática e unha sensibilidade moi marcadas cara ás clases populares, especialmente as mulleres e os homes do rural: as súas duras condicións de vida, a súa cultura e o seu idioma, lingua do pobo, que elas empregaron e dignificaron nos seus versos. Foron, ademais, dúas autores que protagonizaron o Rexurdimento e plasman na súa obra o renacer da consciencia nacional e denuncian problemas estruturais do noso país, como o drama colectivo que supuxo a emigración. Tamén, na secuencia do Romantismo, compartiron a vivencia da paisaxe das comarcas do Sar e do Ulla. 

Os taboleiros de xadrez regresan á Biblioteca

Un curso máis, o Xadrez volve reunir un bo grupo de alumnos e alumnas durante os recreos na Biblioteca da man de Roberto, o profesor da actividade.

A pasármolo de medo polo Samaín e o Magosto!

Aí vén o Samaín, e xa logo o Magosto, e para festexármolo o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca, en colaboración co Departamento de Lingua Galega, convocan un Concurso de Microrrelatos e Haikus... de medo!

Podedes consultar as bases da convocatoria e os materiais de apoio na Aula Virtual, pero non vos despistedes xa que o prazo de entrega remata o mércores 25 de outubro. Haberá agasallos.

Presentación dos Clubs de Lectura e do Grupo de Teatro

23-24 Presentación Clubs de Lectura e Teatro

O martes 10 de outubro presentáronse ao alumnado o Grupo de Teatro e os Clubs de Lectura "A Carballeira", coa presentación dos primeiros títulos do curso.

Por unha banda, da man de Rosario, a profesora de Xeografía e Historia, as participantes lerán Locura, un elogio de la diferencia, de José Valenzuela e Alfredo Borés, unha porta aberta para coñecer e descubrir máis sobre a saúde mental e a vontade de  saber por que existe tanta confusión arredor deste tema.

Por outro lado, o Departamento de Orientación, con Patricia e Lourdes, guiarán o que xa é un clásico da banda deseñada, María y yo, que nos achega o autismo a través dunha ollada delicada, sensible e divertida coa que o autor, Miguel Gallardo, nos mostra  a relación feliz que mantén coa súa filla María.

Ademais, no pavillón a nosa profesora de teatro, Cristina Andrade, presentou a actividade ante un nutrido grupo de rapaces e rapazas, algúns que recuncan no grupo e outros que comezan expectantes e con moita ilusión tras asistir como público ás representacións que se fixeron no curso pasado.

"O espello de Claude", de Fuco Reyes, leva o noso alumnado ao Museo do Pobo Galego

Dende o 4 de outubro, o Museo do Pobo Galego recolle as obras finalistas do 17ª edición do Premio Luís Kasado de Creación Fotográfica. A serie gañadora foi "O espello de Claude", de Fuco Reyes.

Esta colección forma parte dun proxecto documental que o fotógrafo levou a cabo durante o último ano en diferentes institutos de Galicia, entre eles o Nº 1 da Estrada, no que traballou co alumnado en obradoiros específicos. Na mostra podemos ver retratos de varios alumnos e alumnas do noso centro nunha iniciativa que partiu do Departamento de Educación Plástica e Visual e o profesor Jano Sanmartín.

Paga a pena achegarse ao MPG!!!

Obradoiro de escritura teatral

23-24 Obradoiro de escritura para teatro

Esta semana o alumnado de todos os cursos do centro asistiu a un “Taller de teatro” organizado polo Departamento de Lingua Castelá e pola Biblioteca a cargo do profesor de Secundaria e autor de textos dramáticos Chema Gómez de Lora. 

Presentación da biblioteca para o novo alumnado

23-24 Apertura da Biblioteca

Este mércores o alumnado de 1º ESO coñeceu a Biblioteca do centro nun acto de acollemento no que os rapaces e rapazas recén chegados ao instituto coñeceron como se organizan os libros a través de explicacións e dun xogo de pistas, no que deron atopado un exemplar, que souberon identificar nunha ficha descritiva. Ademais do equipo da biblioteca, representado polas profesoras Ana, Mónica Mato, Beatriz e Patricia, a poeta Dores Tembrás deulles a benvida por medio dun suxerente vídeo. Por suposto, non faltou o tradicional chocolate con churros servido por Rosa.

Xornadas de presentación

O martes 3 e o mércores 4 de outubro terán lugar as presentacións cos titores/as dos seus fillos e fillas.

Trátase dun primeiro encontro na biblioteca, en que tamén estaremos presentes o equipo directivo e a orientadora, e a seguir irán co titor ou titora correspondente á aula do seu fillo/a.

Horario de inicio de curso 2023-24

O próximo luns 11 de setembro comeza o Curso 2023-24.

Todo o alumnado do IES Nº1 poderá vir e marchar en transporte escolar, con normalidade.

No centro organizaremos as presentacións dos diferentes cursos, que poderán consultar no arquivo adxunto xunto coas instrucións para este primeiro día.

O martes, 12 de setembro, as clases desenvolveranse en horario habitual, tanto de mañá como de tarde.

 

Feliz regreso ás aulas!

Listaxe de alumnado beneficiado do fondo solidario de libros de texto

Debido á Lei de protección de datos non se poden facer públicas as listas de alumnado beneficiado do  fondo solidario de libros de texto.

Se desexan consultar esta información, poden facelo no propio centro, no taboleiro de información da planta baixa, ou ben chamando por teléfono.

Libros de texto 23-24

Nos ficheiros adxuntos figura a listaxe de libros de texto para o vindeiro curso 23-24.

Aconséllase non mercar ningún libro ata iniciado o curso en setembro, cando se resolva a convocatoria de fondolibros e o reparto de libros do fondo solidario de libros de texto do centro.

O curso 23-24 incorpórase 3º ESO ao programa E-Dixgal polo que os libros de texto para o alumnado de 1º ESO, 2º ESO e 3º ESO nalgunhas materias serán dixitais. O alumnado destes tres cursos non poderá acollerse á convocatoria de fondolibros pero si ao fondo de libros solidario do propio centro.

 

Faite socio/a da ANPA!

Xa se poden asociar á ANPA do IES Nº1.

É sumamente aconsellable, xa que obterán descontos nas saídas extraescolares dos seus fillos e fillas ao longo de todo o curso, á parte de estaren informados puntualmente das actividades que se organizan para as familias.

Para facelo, deben xuntar o xustificante do pagamento da cota anual única:15 €.

Datos da conta:

- ABANCA

Admisión a Ciclos Formativos de Grao Medio

Dende o 23 de xuño ao 5 de xullo está aberto o prazo para solicitar a admisión nun ciclo formativo de grao medio para o alumnado que obtivo o título da ESO ou superou a proba de acceso.

Dita solicitude realízase a través dunha aplicación web que xera un impreso con instrucións individualizadas para cada alumno/a.

Toda a información no seguinte enderezo web

Calquera dúbida, no Departamento de Orientación do centro.

 

Graduación da Promoción 2019-2023

22-23 diplomas 4º

Arroupados polos seus compañeiros e compañeiras, polo profesorado e as familias, este mércores 21 de xuño celebramos a Graduación da Promoción 2019-2023. O acto foi conducido por Irene, Jéssica, Uxía e Pilar e interviñeron a titora Maite e Bea, a directora, que lembraron o seu paso polo centro nestes catro anos e transmitiron unha serie de consellos e desexos para a nova etapa que agora comezan. Noraboa a todos/as e moita sorte!

"Graduación", de María Lado

A Revista dunha comunidade educativa viva

22-23 Revista Viva

Este martes 20 de xuño vivimos o regreso da 'Revista Viva. Nós de Nós', unha gala na que o teatro, a música, o idioma e a literatura serviron de fíos condutores para repasar as actividades e os proxectos do curso que remata. 

Beatriz, a nosa directora, puxo en valor o traballo da comunidade educativa e animounos a traballar man a man para fortalecela e proxectala no futuro. 

Rubén Servide e o seu Combo e o grupo formado polos alumnos Marcos, Carla, Germán, Ainoa e Elier, coordinados polo profesor Lolo, puxeron a música. Un luxo.

Sara Espiño, Uxía, Irene, Jéssica, Noa Cabaleiro, Lía, Andrés, Alexandre, Yuriana, Alejandro, Noa Mendoza, Antonio, Mónica e Janet mergulláronos na maxia do teatro baixo a batuta da profesora, a actriz Cristina Andrade. Que gran traballo!

Marcos Borrageros, ex-alumno que volveu ao noso centro para dar aulas este ano,, compartiu con nós historias que nos cativaron. Deixaches unha fonda pegada en nós!

Helena, Martín, Sara Espiño, Uxía e Noa Cabaleiro forxaron con palabras versos e microrrelatos premiados dentro e fóra do centro. Parabéns!

Festa de despedida de curso dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro

Festa dos Clubs de Lectura e do Grupo de Teatro 22-23

Onte, derradeiro día do curso 22-23, celebramos a festa de despedida dos Clubs de Lectura e o Grupo de Teatro no Recreo Cultural. Tiñamos que festexar un ano de moitos libros, de ensaios, de representacións...

Foi un ano de lecturas compartidas dende a perspectiva da diversidade, da integración, da igualdade e da memoria e que, unha vez máis de forma excepcional, Javier e Laura de Catro Elefantes souberon transformar en intensos xogos dinámicos e creativos que requiriron toda a nosa atención e volver transitar polas páxinas dos libros de todo o curso (ver materiais nos ficheiros adxuntos), aos que lles sumamos para esta ocasión a lectura de Os seres invisibles, de Emma Pedreira, e O diario violeta de Carlota, de Gemma Lienas. 

Despois, houbo tempo para o xantar colectivo, o primeiro mergullo do verán nas piscinas e os merecidos libros de agasallo que as profesoras Mónica, Patricia, Lurdes e Bea repartiron entre os rapaces e rapazas que forman parte de dúas das actividades máis gratificantes e enriquecedoras que se desenvolven no centro da man do Equipo da Biblioteca. 

Gozade das vacacións e dun verán lector. Vémonos á volta!

Criterios de Promoción e Titulación e calendario de fin de curso

23 xuño de 2022: Entrega e publicación cualificacións. 

  • Entrega de boletíns e do consello orientador ás 11:00 horas. NON HABERÁ TRANSPORTE ESCOLAR

28 e 29 de xuño: Revisión e reclamación cualificacións; decisión promoción/titulación

Matrícula do Curso 2023/2024

No seguinte cadro presentamos o calendario de matrícula para o curso2023/2024 

CURSO

DATA

Nova entrega de DinamizaTV, o informativo que estabamos a agardar

Chega unha nova entrega de Dinamiza TV, a serie de noticieiros nacidos da colaboración do Concello da Estrada e Dinamizaestrada, o colectivo de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello, co obxectivo de fomentar o uso do idioma no audiovisual e na mocidade.

Hoxe é a nosa quenda así que, sen máis dilación, quedades con Adriana e Anxo, que irán dando paso aos seus compañeiros e compañeiras. Recomendacións lectoras, actividades complementarias, celebracións, espazos de divulgación, o día a día no centro, entrevistas... Dentro vídeo!

Na Estrada para o Porto

"Na Estrada para o Porto" é a crónica en imaxes da excursión que o alumnado de portugués fixo en abril á cidade invicta. Tamén é unha humilde guía de viaxe que queren compartir con tod@s vós. Para o ano, máis.

Fiquem à vontade!

Contra todas as violencias

Cemiterio de barcos, de Francisco Castro, foi a lectura escollida para pechar o curso polo Club de Lectura o alumnado de 3º e 4º ESO no martes 6 de xuño. Tres foron os temas que tratamos nesta sesión do club: a Guerra Civil, o machismo e as drogas. Léronse diferentes textos do libro nos que se reflectían estes temas. 

A partir das diferentes intervencións, decidiuse elaborar uns vídeos nos que buscarían testemuñas no seu contorno que lles falasen dos caciques, os golpistas, da posguerra…, ou calquera outra historia que acontecese a algún antepasado relacionado cun dos temas do libro: o legado que aínda pervive.

Pastelería Mimela, Premio IES-G polo apoio e promoción da lingua galega no comercio estradense

Premio IES-G 23

O xurado, composto polo alumnado de 4º ESO, valorou o uso normalizado da língua que fai este negocio familiar aberto dende 1984.

O recoñecemento entregarase na gala Revista Viva. Nós de Nós, que terá lugar no Teatro Principal o martes 20 a partir das 16:30.

O Premio IES-G que entrega o IES Nº 1 da Estrada chega á súa 8ª edición, tras o parón provocado pola pandemia, para sumar a Pastelería Mimela á nómina de comercios recoñecidos por empregar a lingua galega no seu día a día demostrando que o idioma engade un valor positivo nas relacións comerciais, que facilita a comunicación e achega confianza á clientela.

En concreto, o xurado formado polo alumnado de 4º ESO valorou o seu uso na atención oral á clientela, na cartelería interna e externa do establecemento, así como, especialmente, nas campañas de publicidade que realiza periodicamente e nos contidos publicados nas redes sociais, onde se percibe un uso coidado, rigoroso e de calidade do idioma.

Distribuir contido