Diálogo entre Avelina Valladares e Rosalía de Castro

O "Recuncho da Lingua", a sección que dirixe Pilar Bernárdez no programa Mañás dos sábados de Radio Estrada, inaugurou onte, sábado 21 de outubro, unha nova tempada cun monográfico dedicado á escritora, música e xornalista Avelina Valladares, a quen lle dedica o mes de outubro no 198º aniversario do seu nacemento.

Isabel Rei Sanmartín, á guitarra, e Alejo Amoedo, ao piano, acompañaron con música da autora ás rapazas e aos rapaces dos colexios Cabada Vázquez, Pérez Viondi e O Foxo e do IES Pintor Colmeiro de Silleda, que se estrearon nos Recunchos co recitado do poema "Miña xoia".

O noso centro estivo representado por Adriana Orosa Fernández, Pablo Villamor García e Iria Cancela Fontao, que se achegaron á figura de Avelina Valladares poñendo en diálogo a súa traxectoria e a súa obra con Rosalía de Castro, a matriarca da literatura galega. Foron mulleres que compartiron unha época e unha xeografía común, a Ulla, mais sobre todo unha actitude empática e unha sensibilidade moi marcadas cara ás clases populares, especialmente as mulleres e os homes do rural: as súas duras condicións de vida, a súa cultura e o seu idioma, lingua do pobo, que elas empregaron e dignificaron nos seus versos. Foron, ademais, dúas autores que protagonizaron o Rexurdimento e plasman na súa obra o renacer da consciencia nacional e denuncian problemas estruturais do noso país, como o drama colectivo que supuxo a emigración. Tamén, na secuencia do Romantismo, compartiron a vivencia da paisaxe das comarcas do Sar e do Ulla. 

Recomendámosvos vivamente que escoitedes todas as achegas escolares deste programa especial. O noso alumnado intervén entre os minutos 25'20" e 33'15".