II Mostra de Orientación, 28 e 29 de marzo de 2023

Os días 28 e 29 de marzo celebrarase a II Mostra de Orientación, organizada polos centros de ensino secundario e o Concello de A Estrada, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Terá lugar no pavillón principal (nº 4) do recinto feiral da Fundación de Exposicións e Congresos.

A visita aos stands será aberta e gratuíta, mentres que a asistencia ás charlas está reservada (por cuestións de aforo) ao alumnado dos centros educativos de secundaria da Estrada. 

Nesta Mostra participarán, entre outros: as tres universidades públicas galegas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Centro Superior de Hostelería de Galicia, outras universidades de fóra da comunidade, institutos de formación profesional da contorna, asociacións, etc.

Novas na prensa:

Admisión de alumnado curso 23-24

Ábrese o prazo para a solicitude de admisión de praza nos centros educativos

Poderá solicitar praza no IES Nº1  o alumnado procedente de calquera centro educativo, excepto o procedente dos centros adscritos (xa teñen asegurada a praza).

Prazo de presentación

Do 1 ao 20 de marzo, ambos incluídos.

Documentos que deberán presentar:

BOLSAS DE ESTUDO PARA O CURSO 2023-24

Abriuse o prazo para solicitar as BOLSAS DE CARÁCTER XERAL PARA O CURSO ACADÉMICO 2023-2024 para estudantes que vaian a cursar estudos postobrigatorios: Bacharelato, formación profesional de grao básico, medio, superior, etc. 

PRAZO: dende o 27 de marzo ao 17 de maio de 2023

Aínda que non saiban con seguridade qué ou onde van a estudar, deben solicitar a bolsa igualmente neste prazo.

Neste enlace poden obter mais información. 

 

A solicitude cumpriméntase obrigatoriamente online a través da sede electrónica do MEFP.

 

O Grupo de Teatro representa "Sentenza" no IES Losada Diéguez

 

 O Grupo de Teatro do Nº 1 representou esta tarde "Sentenza", inspirada na obra teatral do mestre Olimpio Arca, no salon de actos do IES Losada Diéguez. Moitas grazas pola proposta e a acollida! Ademais do noso alumnado de 1º ESO e do alumnado de 2º ESO do Losada, a peza contou cun público de excepción: as persoas usuarias do centro de día AGADEA.

Na obra participan 14 alumnos/as e as profesoras Janet e Mónica Places baixo a dirección de Cristina Andrade, actriz que seguimos dende hai anos en serie e películas, no teatro e en programas de televisión, e coa que temos a sorte de contar no noso centro para traballar co alumnado nesta actividade formativa. 

O guión foi elaborado por Cristina a partir de varios textos do propio Olimpio Arca. A xustiza (ou inxustiza), o apego (ou desapego) polo idioma, ou o respecto á paisaxe e á diversidade son algúns dos temas sobre os que a xuíza tivo que ditar "Sentenza", que foi estreada o 29 de novembro na Mostra de Teatro Escolar que organiza a Asociación Vagalumes.

Microliteratura de premio

Un ano máis, os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do noso concello convocaron o Concurso de Micropoemas e Microrrelatos DinamizaEstrada. Nesta edición, a décima xa!, participaron centos de escolares, que fixeron ben difícil o labor dos xurados, primeiro en cada centro e logo na fase final, á que chegaron 200 traballos (ver acta de resolución aquí)..
Os micropoemas e os microrrelatos debían incluír as palabras "camiño" e "espello", respectivamente, e foron escollidas nunha votación polos escolares de entre unha serie de termos recollidos na obra de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas.
Os traballos de Martín Seoane Duro, Helena Castaño Pazos, Noa Cabaleiro Ribadulla e Sara Espiño Vaamonde resultaron gañadores e formarán parte do libro que será publicado e dado a coñecer nun acto de entrega de premios que terá lugar antes de que remate o curso. Tamén chegaron á fase final Alba Moimenta, Mariña Fajundes, Julia Canicova, Jesús Pardal, Pablo García, Lucía Villar e Xiana Cacho.
Parabéns para eles/elas e para todo o alumnado participante!

Enquisa "Estudo de investigación sobre a situación da muller no mundo laboral"

Reserva de praza alumnado centros adscritos

Rematado o procedemento de reserva de postos escolares para o alumnado procedente dos centros adscritos, informamos que os postos dispoñibles en 1º ESO  no IES Nº1 da Estrada para o curso 2023/24 son suficientes para atender as solicitudes presentadas en prazo.

Volvamos escoitar… a Rosalía de Castro!

En resposta a unha nova convocatoria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega para celebrarmos o Día de Rosalía, o noso centro sumouse a esta celebración con diferentes actividades. Así, os versos de Rosalía tomaron os corredores e outros espazos comúns do centro como a Biblioteca, a cafetaría e o patio, á vez que serviron de inspiración para as creacións do alumnado, que veu traballando nas últimas semanas na elaboración de caligramas e montaxes audiovisuais. Ademais, nas aulas de Lingua Galega achegouse máis polo miúdo á súa biografía a través de presentacións e mesmo retos lúdicos. 

Por outra banda, Brais, Adriana e Iria participaron, xunto co alumnado doutros centros educativos, nun recital que tivo lugar o pasado xoves no Teatro Principal, no que tamén se presentou o vídeo institucional do Concello Aí vai a tola soñando.

23 febreiro 2023 Recitado no día de Rosalía  no Teatro Principal

Por terras de Iria Flavia

22-23 Día de Rosalía

 Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería,
o enxidiño onde folgaba,
os rosales que coidaba
i a fontiña onde bebía.

Os versos rosalianos foron trazando as pegadas da poeta para o alumnado de 3º ESO que o pasado martes 14 de febreiro percorreu o Roteiro Rosalía de Castro. Nunha mañá fría mais soleada, o profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón foinos guiando de forma excepcional por algúns dos lugares intimamente ligados á vida e á poesía da autora.

Entroido 2023

22-23 Entroido

Encontro coa escritora Berta Dávila

Hoxe tivemos a fortuna de recibir na Biblioteca a escritora Berta Dávila.

A autora mantivo un encontro co alumnado de 3º de ESO para falar do seu libro Un elefante na sala de estar, que leran no primeiro trimestre.

Brais, Noemi e Carla foron os encargados de conducir o coloquio, achegando unhas breves notas biobibliográficas da autora e introducindo as primeiras preguntas.

Berta desvelounos algunhas das claves do proceso de escrita desta obra en que, a través de voces múltiples, se nos fala da morte, da dor, do estigma social, pero sobre todo, da supervivencia. Comentou a importancia de construírmos un pensamento propio, mesmo sobre temas tabú, como o da saúde mental, e defendeu a idea dun lector/a activo, que non procura que llo expliquen todo.

Teño da Estrada tantas lembranzas vellas!

Con motivo do aniversario do nacemento de Alfonso D. R. Castelao en Rianxo un 29 de xaneiro de 1886, un grupo de alumnas de 4º ESO participou nun programa especial do Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, que conduciu Pilar Bernárdez. 

Jessica, Irene e Uxía, acompañadas pola directora e profesora de Lingua Galega, Beatriz, encargáronse de rememorar a relación que Castelao mantivo coa Estrada a partir, nomeadamente, da carta que lles enviou aos estradenses en 1941 dende o exilio americano. Esa Estrada que foi, nas súas palabras, "o escenario en que se desenrolaron as máis punxentes esceas do meu pasado vivir", foi evocada nos paseos de Alfonso Daniel con Virxinia Pereira, na lembranza do malogrado fillo, nos encontros co amigo e compañeiro da causa galeguista Losada Diéguez ou no multitudinario mítin pro-Estatuto de 1936.

Ademais, Uxía explicou como se xestou a idea e como elaborou unha versión para monicreques de Os vellos non deben de namorarse, na que contou coa axuda da familia e que podedes ver aquí.  

COMUNICADO DO IES

 A comunidade educativa do IES Nº1 lamenta a perda dun dos seus exalumnos, Diego Montes Vaamonde, acontecida esta pasada madrugada.

 Queremos expresar as nosas sentidas condolencias á súa familia por tan irreparable perda. Sempre estará no noso recordo polo seu entusiasmo, cordialidade e humor.

 

O infinito conmóveme e vivo na túa morte
a ledicia de non perderte
para sempre
mentras a herba medre
mentras a herba medre.

                    Olga Novo, Feliz Idade

Laboratorio de Fotografía e Identidade - Fuco Reyes

O Laboratorio de Fotografía "O Espello de Claude" de Fuco Reyes co alumnado de 3ºB de Plástica do Ies Numeroun e patrocinado por Afundación Abanca xa ten os seus primeiros frutos.

Pedazo de fotos !!!!

Agardamos polo traballo de 3ºA, que comeza hoxe mesmo. Verémolo dentro dun mes.

Parabéns a Fuco Reyes e a todo o alumnado, non só polos resultados senón sobre todo -e máis importante-, pola súa actitude fronte á creación artística.

22-23 Laboratorio Fuco Reyes

Cross 22-23

O pasado 12 de xaneiro celebrouse na Estrada o Campionato zonal de Campo a través, no que participaron alumnos e alumnas dos centros de secundaria e de primaria da Estrada (IES Nº1, García Barros, Virxe de Lourdes , Cabada Vázquez, Villar Paramá, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, Pérez Viondi e CEIP de Figueroa), de Cuntis (Don Aurelio), de Moraña (Santa Lucía) e de Valga (Ferro Couselo).

A proba foi organizada polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra, coa iniciativa da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

O alumnado do IES Nº1 participou nas categorías infantil e cadete, tanto masculino como feminino, conseguindo un total de 3 medallas e 7 diplomas.

Parabéns a todos e todas!

22-23 cross

Fase de reserva de prazas en centros de adscrición

 Inicio do procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso 2023/2024

 

O  16 de xaneiro abriuse o prazo para presentar as solicitudes de reserva para cursar 1º ESO no noso centro o vindeiro curso, coas seguintes particularidades:

Suspensión do transporte na tarde de mañá, martes 17 de xaneiro

 

Ante a alerta laranxa de meteoroloxía sinalada para mañá, a Comisión de Alerta Escolar decidiu a

Suspensión do transporte escolar en horario de tarde do martes 17 dos centros educativos situados nos concellos das zonas de predición do interior da Coruña, interior de Pontevedra, centro de Lugo, sur de Lugo, noroeste de Ourense, sur de Ourense e Valdeorras.

 

Máis información, neste enlace:

Alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por vento e acumulacións de neve | Consellería de Cultura, Educación e Universidade (xunta.gal)

Cine en versión orixinal

 

cinema
O alumnado de Lingua Francesa de 2º, 3º e 4º da ESO achegouse este venres ata os Minicines Central da Estrada para ver o filme "Le grand bain" ("O gran baño") en versión orixinal (tráiler).
"Le grand bain", con 10 nominacións nos Premios César 2018, é unha divertida historia que pon a proba os estereotipos de xénero cun peculiar grupo de homes que atravesa a crise dos 40 e decide formar o primeiro equipo nacional masculino de natación sincronizada.
Á proxección, organizada polo Departamento de Francés, tamén asistiron alumnas e alumnos do IES Losada Diéguez.

PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR

Recentemente publicouse a convocatoria para as probas de acceso a ciclos de grao medio e superior.

O prazo de inscrición para as probas de GRAO MEDIO abrangue dende o 27 de febreiro ao 10 de marzo.

A proba realizarase o 25 de MAIO. 

Amplía información no seguinte enlace ou a través do departamento de orientación.

Premio no "I Concurso de vídeos Perdidos e Achados" para os alumnos Pedro Souto e Brais Tato

Pedro Souto e Brais Tato veñen de gañar, co seu traballo Forra, o Premio á Calidade Técnica e Creativa do I Concurso de vídeos Perdidos e Achados convocado pola Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG) coa colaboración da Deputación da Coruña. O xurado destacou os elementos innovadores do seu traballo no plano audiovisual e a súa orixinalidade.

O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP dos centros galegos tiñan que recoller e explicar palabras empregadas na súa zona que fosen tamén utilizadas na lingua portuguesa. Pedro e Brais escolleron o termo "forra", que explican moi ben neste vídeo que vos convidamos a ver. Moitos parabéns!

Noraboa, así mesmo, para Noemi, Carla, Helena, Antón, Pablo, Desirée e Gabriel, alumnos/as de Lingua Portuguesa de 3º ESO, por participaren tamén cos seus traballos, que se poden ver na nosa conta de Instagram.

X Concurso de Microrrelatos e micropoemas DinamizaEstrada 2022-2023

06/01/2023 13:25
Xa está en marcha o X Concurso de Microrrelatos e Micropoemas DinamizaEstrada 22-23. Todo o alumnado pode consultar as guías, elaboradas polo Departamento de Lingua Galega, para escribir os micropoemas e microrrelatos na Aula Virtual, curso Biblioteca-Dinamización.
Lembrade o máis importante das bases, que podedes consultar completas máis abaixo:
1.- Micropoemas: mínimo 4 versos e máximo 8, que deben incluír a palabra ESPELLO.
2.- Microrrelatos: máximo 100 palabras, que deben conter a palabra CAMIÑO.
Ide preparando os vosos textos porque á volta das vacacións haberá que entregalos.

Participación en Radio Estrada

Radio Estrada

O sábado, 17 de decembro, os alumnnos de 3º de ESO Pedro Souto e Brais Tato participaron nun programa especial das Mañás de Sábado, de Radio Estrada.

Dirixido por Isabel Durán e por Pilar Bernárdez, foron convidados os centros educativos co obxectivo de pór en valor o patrimonio inmaterial da cultura galega, en especial o referido aos contos, lendas e mitos de tradición oral. 

Acompañados pola profesora do IES Mónica Mato, os mozos leron cadansúa lenda, que recolleran previamente nas súas casas, por boca de familiares.

Podedes escoitar o programa premendo aquí ou dándolle ao play directamente no reprodutor (a súa intervención comeza a partir do 08'50'').

Parabéns aos rapaces pola súa fantástica intervención.

Foliada de Nadal, 2022

2022 12 foliada

Campionato de Xadrez

 O xoves, 17 de decembro, tivo lugar a celebración do último día do campionato de xadrez organizado na Biblioteca.

Logo de varias partidas disputadas por cada un dos participantes, resultaron gañadores os alumnos Rodrigo Folgar, Iván Hermida, Junior Riveiro e Alexandre Núñez.

Parabéns especiais para eles e a todos os participantes. 

2022 12 Premios de Xadrez

Xornada fin de trimestre

Hoxe desenvolvemos unha xornada especial, para despedir o trimestre:

  • Saída ao cine, onde vimos a película de Tim Burton A lenda de Sleepy Hollow;
  • Torneo de xadrez
  • Foliada no pavillón da Feira do Moble.

Graciñas pola vosa colaboración

Distribuir contido