Xornadas de presentación de titorías e familias

A semana próxima, o martes 4 e o mércores 5, terán lugar as presentacións cos titores/as dos seus fillos e fillas.

Trátase dun primeiro encontro na biblioteca, en que tamén estaremos presentes o equipo directivo e a orientadora, e a seguir irán co titor ou titora correspondente á aula do seu fillo/a.

Apertura da Biblioteca no novo curso 22-23

22-23 apertura da biblioteca

O pasado mércores tivo lugar a inauguración da Biblioteca para o novo alumnado de 1º ESO. De maneira simbólica, un alumno cortou a cinta que nos permitiu entrar neste espazo de encontro coa lectura. Logo de atender ás explicacións de como se organizan os libros e de facer algún exercicio de busca, o alumnado foi agasallado cunha pequena festa, na que non faltou o tradicional chocolate con churros. 

O equipo da Biblio só desexa que, a partir de agora, os alumnos e alumnas veñan con frecuencia para desfrutar de todo o material que ofrece.

ÁLBUM COAS IMAXES DO ACTO

FAITE SOCIO/A DA ANPA

Prezadas familias:

Este ano, como os pasados, poden vostedes asociarse á ANPA do IES Nº1.

É sumamente aconsellable, xa que obterán descontos nas saídas extraescolares dos seus fillos e fillas ao longo de todo o curso, á parte de estaren informados puntualmente das actividades que se organizan para as familias.

Bolsas e axudas alumnado con necesidades educativas especiais

Bolsas e axudas alumnado NEE

Remata o prazo o 30 de setembro. 

E-Dixgal

Folleto informativo 2022 no arquivo adxunto

Inicio do Curso 2022-2023

LIBROS DE TEXTO 22-23.

A relación de libros de texto para a ESO no curso 2022-2023 pode descargarse premendo nas ligazóns de cada curso.

Os de 1º e 3º de ESO son novos, adaptados ao currículo LOMLOE. Isto implica que o centro xa non dispón de libros en préstamo do seu fondo para estes cursos.

En 1º e 2º de ESO moitas materias traballarán con E-Dixgal, polo que non traballarán con libro de texto físico.

NON MERQUEN ningún libro ata o inicio de curso, en que o alumnado recibirá as instrucións de cada profesor/a.

Festa de Graduación da Promoción 2018-2022 de 4º ESO

 21-22 Festa Fin de Curso de graduación de 4º

Festa do Club de Lectura

O club de lectura retomou neste curso unha actividade xa tradicional no noso centro: a festa no Recreo Cultural!

Todos os que participastes, ao longo do curso, desas lecturas que nos fan nómades, que nos permiten viaxar por lugares e tempos... sen saírmos da casa, puidestes desfrutar dun día extraordinario grazas a Catro elefantes, grazas a Andrea e Julio, que desde o primeiro momento souberon atraparvos cunha volta aos libros deste ano, e foron tecendo e destecendo actividades, xogos para todos e todas vós.

O día foi intenso: andaina, xogos de preguntas e respostas, xogos de pistas, sopas de letras... e a procura do acougo coas acuarelas. E despois, mergullarse nas piscinas, o xantar cos amigos e amigas, e os agasallos que as coordinadoras do club escolleron para cada un e cada unha de vós.

Agora toca descansar, encherse da enerxía do sol e do verán... e vir con forzas renovadas para enfrontar o novo curso. 

Vémonos pronto... que as profes xa andan argallando novas lecturas para o próximo ano!

21-22 Festa Club de Lectura

Concurso de Xadrez

Neste curso, o IES Nº1 comezou cunha actividade nos recreos para animar os mozos e mozas a iniciarse no mundo do xadrez. Todos sabemos das vantaxes deste deporte: mellora a concentración, o pensamento lóxico e a creatividade. Pero tamén axuda a mellorar a autoestima, a gañar confianza, a superar problemas de comunicación... e mesmo parece que axuda a mellorar o rendemento académico. 

Pero tal vez o xadrez consegue habilidades máis importantes no ser humano: favorece a empatía e o respecto entre os rapaces e rapazas.

Así que no IES Nº 1 non podemos estar máis que satisfeitos por ser quen de ofrecer aos nosos alumnos e alumnas esta oportunidade de participaren, de forma totalmente gratuíta, nesta interesante actividade.

Moitas grazas a Roberto, o profesor que nos acompañou nesta andaina, e agardamos vernos de novo o próximo curso.

Entre tanto, aí tedes as imaxes do torneo que organizou os últimos días. Parabéns aos gañadores e, sobre todo, a todos os que participastes con entusiasmo. 

21-22 Concurso de Xadrez

Andaina Fin de Curso. Xirimbao - Pontevea

Rematou o curso, e logo dese longo camiño percorrido, quixemos poñer o ramo cun camiño moito máis breve, cunha fermosa andaina desde o Xirimbao até a Praia fluvial de Pontevea. 

As imaxes dan conta de que foi unha idea feliz: os rostros alegres anainándovos na ponte colgante, os risos que se adiviñan nas vosas facianas, o rumor do río e o troupelear nas pedras puxeron o punto e final a este curso.

Formades parte da comunidade do IES Nº1: estamos orgullosos e orgullosas de contar con vós.

Moitas grazas pola vosa actitude nese día de despedida! 

21-22 Andaina fin de curso. Xirimbao-Pontevea

PRESENTACIÓN DO LIBRO A MAR AMAR

O pasado xoves, 16 de xuño, un grupo de alumnas e alumnos do IES nº 1 acompañáronnos ata a Capela Real, no Hostal dos Reis Católicos, para representar ao centro na presentación do libro de Xosé Luna, A mar, amar. 

Alí, nese lugar máxico e sobrecolledor, (onde, por certo, foi bautizada Rosalía de Castro, o 24 de febreiro de 1837) recitáronse algúns poemas do autor, coa particiación de diversos centros educativos da Estrada, entre os que se incluía o noso IES. 

Aquí deixamos algunhas imaxes do acto, e o enlace á noticia do Correo galego.

MATRÍCULA CURSO 22-23

Se pican no correspondente enlace, poderán consultar e descargar a información necesaria para a matriculación dos seus fillos e fillas neste próximo curso, así como os impresos necesarios que deberán traer cubertos.

RECOMENDACIÓNS LECTURAS VERÁN

Agora que chega o desexado verán, non se nos ocorre mellor plan que descansar e deixarte levar pola maxia dos libros. Pica neste enlace e seguro que atopas algo entre todo este feixe de recomendacións lectoras que argallaron para vós as coordinadoras da Bibliotecas dos tres IES da Estrada.

Veña, anímate e pasa pola Biblio para encheres a mochila de lecturas!

LECTURAS DE VERÁN

CALENDARIO FIN DE CURSO

Se premen no enlace, poderán consultar o calendario resumo de fin de curso:

CALENDARIO DE FIN DE CURSO

DinamizaTV Nº1

DINAMIZATV é un proxecto de colaboración entre a concellería de educación do Concello da Estrada e a agrupación Dinamizaestrada, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego no audiovisual. O proxecto consiste na gravación, e posterior emisión, dun NOTICIEIRO por parte de cada centro educativo do concello. 

Neste primeiro ano, cheo de dúbidas para todos os participantes, chegou o momento de presentar os primeiros resultados. Nesta ligazón podedes acceder á PLAY LIST onde se irán engadindo os vídeos dos centros educativos, que se irán publicando nestes días, facendo a estrea de cada vídeo novo, ás 12h:

Maio: 20 - 23 - 25 - 27 - 30

LIBROS DO FONDO SOLIDARIO E AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR

 

A Orde do 29 de maio de 2022 (DOG do 18 de maio de 2022) regula o procedemento para solicitar os LIBROS DO FONDO SOLIDARIO E AS AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR para o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria.

 

Orde DOG Mércores, 18 de maio de 2022 (xunta.gal)

 

1.    O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o 19/05/2022 ata o 22/06/2022, ambos os dous inclusive.

 

ADAPTACIÓN PROTOCOLO COVID

Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022, versión do 20/05/2002.

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/37051

 

 

ADMISIÓN DE ALUMNADO CURSO 22-23

 

Todas as solicitudes presentadas para o curso 22-23 foron admitidas.

Dende o 31 de marzo poden consultarse no taboleiro do centro a listaxe de reservas admitidas e a listaxe provisional de solicitudes de admisión admitidas.

 

 

 

O IES Nº1 participa no Correlingua

Por fin o Correlingua recuperou o formato presencial, e os nosos alumnos e alumnas puideron corricar pola Estrada enarborando a bandeira do orgullo pola lingua. 

Foron 9 os centros participantes, entre primaria e secundaria, e xuntáronse máis de 1300 estudantes, fachendosos do galego, o idioma dos nosos devanceiros que cómpre, máis que nunca, reivindicar.

Sigamos a estela de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta das Letras deste ano,  respectuoso co patrimonio cultural que os seus pais lle inculcaran. Porque el, que se criou na súa aldea natal, Córgomo, pero tamén fóra, e que logo se viu obrigado a exiliarse en México, sempre mantivo o amor pola terra e polo idioma.

E aquí podedes observar as imaxes da festa, da festa pola lingua!

 

Acción de Verán - CAMPAÑA DE VERÁN 2022

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

Baixo o lema O verán que queres contar, a Campaña de Verán de 2022 da Xunta de Galicia recupera a normalidade tras a Covid-19 e oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:

  • Campamentos en Galicia.

  • Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

  • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.

  • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.

  • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades.

Unha alumna do IES, gañadora nun concurso de videopoemas

O pasado sábado a alumna de 4º de ESO Hiba Lajouad Dyani veu de gañar con este vídeo o concurso de videopoemas organizado pola Casa-Museo Manuel María, que vai xa pola V edición. O xurado seleccionou o seu traballo para a fase finalista de entre máis de 80 presentados, que representaban a alumnado de ESO, bacharelato e ciclos de centros de toda Galiza. 

21-22 premios manuel maría Rosalía

A xornada final, que se  celebrou este sábado, comezou ás 11 horas co visionado dos videopoemas finalistas e finalizou coa entrega dos premios aos dous traballos gañadores, entre o que se atopaba o da nosa alumna Hiba. 

O acto foi moi emocionante, e para nós rematou do mellor xeito posible. Ademais, as persoas asistentes a esta actividade tivemos a posibilidade de facer unha visita guiada á Casa-Museo e descubrir a figura de Manuel María e o seu acervo.

 

 

Así que o IES Nº1 agradece, unha vez máis, o traballo do noso alumnado e anima a todos e todas a seguir potenciando o seu talento.

 E neste enlace podedes ver tamén o outro traballo gañador, dunha alumna do CPI de Xanceda: (40) Parte miña - YouTube

 

Intercambio Courel - Canón do Sil

 O 28 e 29 de abril o alumnado de 2º de ESO participou no INTERCAMBIO COUREL-CAÑÓN DO SIL dentro das actividades complementarias da materia de Paisaxe e Sustentabilidade, grazas ao patrocinio do PROXECTO TERRA, co que colaboramos.

O xoves 28 visitamos o Museo Xeolóxico e o Museo Etnográfico de Quiroga, e xa á tardiña fixemos o roteiro cara á Lagoa de Lucenza - Fervenza de Vieiros.

O venres 29 disfrutamos dunha visita guiada ao Mirador de Campodola e á Alvariza da Granxa en Santa Eufemia e achegámonos ata a falla de Santa Eufemia, singular punto de interese do Xeoparque.

Pola tarde, dirixímonos á Ribeira Sacra, ao embarcadoiro de Doade, para percorrer o Canón do Sil en catamarán.

 Unha excursión estupenda que o alumnado disfrutou!!!

Agradecemos especialmente o labor de Guillermo e Iván, os dous magníficos guías de COUROLEANDO. Con eles aprendimos as singularidades do noso territorio, disfrutamos desa contorna con magníficas paisaxes e pasamos uns agradables momentos, combinando o lecer coa aprendizaxe.

 

21-22 Excursión de 2° a Courel - Ribeira Sacra

Excursión ao Museo do Pobo Galego e ao Museo de Historia Natural

Este martes tocou saída para o alumnado de 1º de ESO. As aulas trasladáronse á cidade de Santiago de Compostela, e alí, con guías especializados, fixeron un curso intensivo de ciencias naturais, de historia e de galego. 

Comezaron no Museo de Historia Natural, onde aprenderon a valorar a biodiversidade, a entender os perigos do cambio climático e a recoñecer o xénero e a especie dos distintos animais. Foron dúas horas que pasaron rapidamente, porque as actividades eran moi didácticas e o museo preséntao todo dunha maneira tan visual, que as explicacións entraban "polos ollos". E o comportamento do alumnado... fantástico!

 

De aí marchamos a pé cara ao Museo do Pobo Galego (algo de chuvia, camiñata cos amigos e un tempiño para o descanso e recobrar forzas). No Museo puidemos aprender algo da súa historia e ver as magníficas salas que amosan os modos de vida da sociedade galega; é importante coñecer o pasado para entender o presente... Alí, organizados en grupos, resolvemos un xogo de pistas e... camiñata de novo.

Xa case eran as tres cando chegamos para xantar. Comida, tempiño de lecer... e volta ao IES. 

 

21-22 Excursión ao Museo da Ciencia e ao Museo Galego

Cambios na promoción, titulación e calendario de fin de curso

Poden consultar a Orde enteira neste enlace: Orde DOG Venres, 11 de febreiro de 2022 (xunta.gal)

A seguir teñen un resumo:

 

Distribuir contido