Celebracións

8M: mulleres de onte, de hoxe e do mañá

O 8M, Día Internacional da Muller, é un día de celebración mais sobre todo de reinvindicación para lembrar que "aínda queda moito camiño por percorrer" para conquistar a igualdade, como lembraron as nosas alumnas nunha nova colaboración do IES co espazo "O Recuncho da Lingua" dentro do programa Ensaiar é de covardes, de Radio Estrada.

Neste caso, as alumnas de 3º ESO Noa Cabaleiro, Ana Dorelle, Lía Expósito, Alba Moimenta e Manuela Rey falaron sobre diversas mulleres do pasado e do presente, salientando o seu labor como pioneiras en distintos ámbitos, así como as adversidades ás que se enfrontaron pola súa propia condición de mulleres: Herminia González, Exeria, Avelina Valladares, Isabel Zendal, Pepa a Loba, Rita Fernández, Irene González... Nunha segunda parte do seu traballo de investigación, que dan a coñecer neste programa, centráronse nas mulleres contemporáneas da nosa contorna e esta foi a quenda para Rosa de Cabanas, Elena Ferro, Mónica Rey Baltar, Vanesa Casal (Casal de Creación) e Mar Blanco. 

Así foi o Festival do Entroido 2024

23-24 Entroido

Un ano máis, o espírito do entroido invadiu o noso centro grazas á implicación de toda a comunidade educativa. Os disfraces, a imaxinación, a creatividade e o bo humor voltaron ás aulas e aos corredores durante as últimas semanas, nas que os diferentes grupos estiveron preparando as súas actuacións nas Titorías. E este venres pasado, 9 de febreiro, baixo a coordinación da profesora Ana Mesego e o alumnado de 4º ESO, eclosionou a festa, que tivo o seu momento máis especial no festival, no que os grupos presentaron os seus números. 

Houbo coreografías, crítica de temas de actualidade, representación de historias de sempre e fantasías, con Pablo, Iria e Carla como presentadores con moito oficio, con Hugo e compañía na parte técnica e cun xurado de profesores/as que o tivo moi difícil para resolver a difícil papeleta de elixir os mellores números do festival. 

O importante era participar e reecontrarse de forma festiva máis é de xustiza recoñecer que "O consultorio de Charo e Chari" (4º ESO A) e "Wonka" (1º ESO B) brillaron con luz propia e gañaron, ex aequo, o concurso. 

Os nosos parabéns e o agradecemento a todos e todas as participantes e até o ano que vén. Que viva o entroido!

Longa vida ao Entroido de Couso!

2024 02 11 Entroido Pontevea

Despois de 8 anos sen se celebrar, a parroquia de Couso recuperou o seu entroido tradicional. Os Encontros de Correos e Xenerais, o Coro dos Bonitos e mais o Coro dos Vellos e a danza típica do Entroido do Ulla recuperada pola asociación O Rexionalista luciron en todo o seu esplendor e cobraron toda o seu sentido no contexto onde teñen razón de ser: o entroido córrese na aldea para a aldea. 

A chuvia non desanimou os veciños e as veciñas e a comitiva percorreu as aldeas de Sequeiró, Castro, Maíndo, Couso, Barco, Fontenlo e o Souto de Vea cunha parroquia volcada na súa festa. As músicas, os vivas, as coplas entre uns e outros, a retranca nunhas regueifas que cantaron ao Festival As Nosas Músicas, ao empoderamento das mulleres ou a esa teima urbanita de querer levar o entroido rural ás vilas e ás cidades descontextualizando totalmente a festa: "Couso baila mentres o Concello chora" sentenciaba o retrouso das charangas.  

Versos amadriñados por Avelina Valladares

Un ano máis, e xa van dezasete, o Teatro Principal da Estrada acolleu o pasado xoves 14 de decembro unha nova "Festa da Poesía", que á súa vez serviu de marco para a entrega do XXVIII Certame de Poesía Avelina Valladares, que recaeu en Manuel López Rodríguez pola obra Fiotaxidermista.

Ademais da lectura de dous dos textos deste poemario a cargo do seu autor, polo escenario pasaron rapaces e rapazas de diferentes centros educativos da Estrada. En representación do IES Nº 1, Fátima Oubelkhir, Danna Rivas, Roque Castaño, Rosalía Mazás e Nora Diéguez recitaron "A miña relación máis longa", poema extraído de Materia, de Yolanda Castaño, que podedes escoitar na voz da poeta. 

Educar en Igualdade para erradicar a violencia contra as mulleres

23-24 Scape-room 25N

Con motivo da conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participou nun escape-room coordinado pola escola de tempo libre Anacos Educativos e promovido polo Centro de Información á Muller do Concello da Estrada. 

 

 

Na procura do Día das Letras Galegas para Manuel García Barros

   

O alumnado dos colexios Pérez Viondi, Cabada Vázquez e do Foxo, xunto con Alba, Ana e Germán do noso centro, protagonizaron onte, sábado 25 de novembro, un novo “Recunchos da Lingua” do programa Mañás do sábado de Radio Estrada, dedicado desta volta a Manuel García Barros, baixo a coordinación da mestra Pilar Bernárdez. O obxectivo? Homenaxear e seguir a divulgar a obra e a traxectoria de compromiso coa lingua, a cultura e o país do escritor de Berres, que se fai merecedor dun Día das Letras Galegas.  

Ana e Alba reconstruíron as vivencias e os traballos do autor a partir de diferentes episodios aos que Germán puxo voz lendo as propias palabras que escribiu García Barros na obra Os meus recordos (Galaxia, 2001). 

Coma sempre, recomendámosvos profundizar nesta figura da man do propio alumnado. O noso participa no primeiro tramo do programa, pero paga ben a pena escoitar este monográfico completo. 

Festexamos o Samaín e o Magosto

O martes 31 de outubro, na véspera dos Días de Todos os Santos e dos Defuntos, invocamos a alegría, o bo humor e o compañeirismo para celebrarmos todos xuntos, profesorado e alumnado, o Samaín e o Magosto.

Entregáronse os premios do certame de Microrrelatos e Haikus de Medo convocado pola Biblioteca, o Dpto. de Lingua Galega e o EDLG, houbo tempo para os xogos populares e degustar as castañas asadas e para partillar pos unhas horas o mundo dos vivos cos seres chegados do Alén.

2023 samain e magosto

 Vídeo do festival do Magosto

Jano Sanmartin

O Samaín dos Zombis Ananos

Unha aterradora animación de zombis realizada por alumando de todos os cursos do Centro.

Regresa a Revista Viva. Nós de Nós. De Nós para Vós.

Regresa a Revista Viva na súa 7ª edición. A anterior celebrouse en 2019 e, tras a paréntese da pandemia, chegou o momento de recuperala.

Revista Viva "Nós de Nós", un instituto vivo. Unha comunidade educativa aberta, dinámica, activa, comprometida co ensino público.

Revista Viva. Teatro, música, lingua, literatura, recoñecementos varios para dentro e para fóra. De Nós para Vós.

Revista Viva. Teatro Principal da Estrada. Martes 20 ás 16:30. Estades convidad@s!

Revista Viva. Deseño de Rosa de Cabanas.

Os ríos na Estrada

Excursion a Ximonde. 22-23

Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o pasado luns 5 de xuño o alumnado de 1º ESO particicipou na actividade Os ríos na Estrada, que promoveu o Departamento de Bioloxía en colaboración co Concello e baixo a supervisión e guía de Tesouros Novos, empresa de xestión cultural.

Os rapaces e rapazas, acompañados polos profesores Jorge e Jano, participaron na ruta didáctica orientada ao coñecemento dos ecosistemas fluviais dos ríos Ulla e Liñares e fixeron a ruta entre  o couto de Ximonde e a Ponte Sarandón. Grazas a esta actividade, coñeceron diferentes métodos de vixilancia e monitorización da diversidade biolóxica e cumprimentaron unha ficha de diagnóstico da calidade da auga.

 

Orgullos@s do noso

Orgullo Galego. Letras Galegas 22-23

"Seremos quen de xuntar 10.000 seguidores nun ano publicando contidos galegos no Facebook?". Corría o ano 2016 cando os creadores de Orgullo Galego se fixeron esta pregunta, que axiña tivo resposta, porque en apenas un mes superaron esa cifra e en 6 meses xa contaban nada máis e nada menos que con 70.000 seguidores. Dende entón, Orgullo Galego non parou de medrar até aglutinar máis de 420.000 persoas nas redes sociais (FB, IG, Twitter, Twitch, TikTok, Sportify, Ivoox, Telegram ou Mastodom), unha web na que publican contido propio, tenda en liña e milleiros e milleiros de post publicados. Este labor vén de ser recoñecido co premio Rosalía de Castro á Normalización Lingüística 2023 que concede a Deputación da Coruña, na categoría de "Entidades" por representar "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas". 

II Mostra de Orientación

O alumnado do IES Nº1 participou na II Mostra de Orientación, que se celebrou o 28 e 29 de marzo no recinto feiral do Concello da Estrada. Mediante charlas informativas e visitas aos stands, agardamos espertar vocacións, intereses e inquietudes e contribuír, dalgún xeito, á toma de decisións educativas e profesionais dos nosos alumnos e alumnas.  

22-23 3ª Mostra de orientación

Volvamos escoitar… a Rosalía de Castro!

En resposta a unha nova convocatoria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega para celebrarmos o Día de Rosalía, o noso centro sumouse a esta celebración con diferentes actividades. Así, os versos de Rosalía tomaron os corredores e outros espazos comúns do centro como a Biblioteca, a cafetaría e o patio, á vez que serviron de inspiración para as creacións do alumnado, que veu traballando nas últimas semanas na elaboración de montaxes audiovisuais e caligramas que foron expostos na entrada da Biblioteca. Ademais, nas aulas de Lingua Galega achegouse máis polo miúdo á súa biografía a través de presentacións e mesmo retos lúdicos. 

Por outra banda, Brais, Adriana e Iria participaron, xunto co alumnado doutros centros educativos, nun recital que tivo lugar o pasado xoves no Teatro Principal, no que tamén se presentou o vídeo institucional do Concello Aí vai a tola soñando.

23 febreiro 2023 Recitado no día de Rosalía  no Teatro Principal

Entroido 2023

22-23 Entroido

Teño da Estrada tantas lembranzas vellas!

Con motivo do aniversario do nacemento de Alfonso D. R. Castelao en Rianxo un 29 de xaneiro de 1886, un grupo de alumnas de 4º ESO participou onte (28-01-23) nun programa especial do Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, que conduciu Pilar Bernárdez. 

Jessica, Irene e Uxía, acompañadas pola directora e profesora de Lingua Galega, Beatriz, encargáronse de rememorar a relación que Castelao mantivo coa Estrada a partir, nomeadamente, da carta que lles enviou aos estradenses en 1941 dende o exilio americano. Esa Estrada que foi, nas súas palabras, "o escenario en que se desenrolaron as máis punxentes esceas do meu pasado vivir", foi evocada nos paseos de Alfonso Daniel con Virxinia Pereira, na lembranza do malogrado fillo, nos encontros co amigo e compañeiro da causa galeguista Losada Diéguez ou no multitudinario mítin pro-Estatuto de 1936.

Ademais, Uxía explicou como se xestou a idea e como elaborou unha versión para monicreques de Os vellos non deben de namorarse, na que contou coa axuda da familia e que podedes ver aquí.  

Foliada de Nadal 2022

2022 12 foliada

Despois de 3 anos, onte, 22 de decembro, puidemos retomar a foliada que Tequexetéldere organiza dende hai dez anos cos tres institutos da Estrada para que as mozas e os mozos poidan poñer en práctica o aprendido ao longo destes dous meses de clases.
A todo o profesorado que colaborou, especialmente aos seminarios de Educación Física e sobre todo as mozas e mozos do IES García Barros, Antón Losada Diéguez e Nº1, moitas grazas.
Dá gusto rematar así o ano. FELICES FESTAS!!!

 

Magosto 2022

22-23 Magosto

Día das Bibliotecas Escolares co alumnado de 1º ESO: actividade A Ruleta das Letras

O martes 25 pola tarde os alumnos e alumas de 1º ESO, para celebraren o Día das Bibliotecas, gozaron da actividade lúdica e cultural A Ruleta das Letras.

Dirixidos pola Asociación Anacos, o alumnado dividiuse en diferentes grupos que, para poderen xirar a Ruleta (que ofrecía diversas posibilidades: gañar un comodín, perder quenda, conseguir puntos...) debían contestar axeitadamente a unhas cuestións sobre a lingua e a literatura.

Deste xeito ían conseguindo vogais e consoantes coas que encher os paneis, que agochaban o nome de autoras e títulos de obras como As malas mulleres de Marilar Aleixandre, recentemente galardoada co Premio Nacional de Literatura. 

22-23 Ruta das Letras

Día das Bibliotecas Escolares co alumnado de 2º ESO: Taller "Eu vou comigo"

22-23 Actividades da Biblioteca

Esta semana conmemoramos o Día das Bibliotecas Escolares cos alumnos e alumnas de 2º de ESO. Para iso, no IES Nº1 desenvolveuse un taller a cargo de 4 Elefantes, titulado “Eu vou comigo”.

Tomando como punto de partida a lectura de dous breves libros da autora e ilustradora Raquel Díaz Reguera (Eu vou comigo e Eu son), o alumnado reflexionou sobre aspectos relacionados coa autoestima, as súas expectativas (e as dos demais), a aceptación de si mesmos, a etiquetaxe social, o sentido de pertenza a un grupo etc.

Logo de traballar a comprensión lectora, a imaxinación e creatividade, a capacidade de empatizar cos demais, as actitudes positivas para previr conflitos... chegou o momento de elaborar o traballo grupal, entre todo o alumnado de 2º ESO: a creación dun Mural Collage.

Festa de Graduación da Promoción 2018-2022 de 4º ESO

 21-22 Festa Fin de Curso de graduación de 4º

Festa do Club de Lectura

O club de lectura retomou neste curso unha actividade xa tradicional no noso centro: a festa no Recreo Cultural!

Todos os que participastes, ao longo do curso, desas lecturas que nos fan nómades, que nos permiten viaxar por lugares e tempos... sen saírmos da casa, puidestes desfrutar dun día extraordinario grazas a Catro elefantes, grazas a Andrea e Julio, que desde o primeiro momento souberon atraparvos cunha volta aos libros deste ano, e foron tecendo e destecendo actividades, xogos para todos e todas vós.

O día foi intenso: andaina, xogos de preguntas e respostas, xogos de pistas, sopas de letras... e a procura do acougo coas acuarelas. E despois, mergullarse nas piscinas, o xantar cos amigos e amigas, e os agasallos que as coordinadoras do club escolleron para cada un e cada unha de vós.

Agora toca descansar, encherse da enerxía do sol e do verán... e vir con forzas renovadas para enfrontar o novo curso. 

Vémonos pronto... que as profes xa andan argallando novas lecturas para o próximo ano!

21-22 Festa Club de Lectura

Andaina Fin de Curso. Xirimbao - Pontevea

Rematou o curso, e logo dese longo camiño percorrido, quixemos poñer o ramo cun camiño moito máis breve, cunha fermosa andaina desde o Xirimbao até a Praia fluvial de Pontevea. 

As imaxes dan conta de que foi unha idea feliz: os rostros alegres anainándovos na ponte colgante, os risos que se adiviñan nas vosas facianas, o rumor do río e o troupelear nas pedras puxeron o punto e final a este curso.

Formades parte da comunidade do IES Nº1: estamos orgullosos e orgullosas de contar con vós.

Moitas grazas pola vosa actitude nese día de despedida! 

21-22 Andaina fin de curso. Xirimbao-Pontevea

Acción de Verán - CAMPAÑA DE VERÁN 2022

A Xunta de Galicia ofrece a posibilidade de que a xuventude galega empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo, etc. Para iso, cada ano preséntase a Campaña de Verán, unha iniciativa ambiciosa que non só é unha actividade de ocio para os mozos e mozas galegos, senón que tamén é un recurso de conciliación da vida familiar e laboral.

Baixo o lema O verán que queres contar, a Campaña de Verán de 2022 da Xunta de Galicia recupera a normalidade tras a Covid-19 e oferta, durante os meses de xullo, agosto e setembro, as seguintes accións:

  • Campamentos en Galicia.

  • Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

  • Programas de intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.

  • Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración.

  • Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades.

Mans de Muller - 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora

O día 8 de marzo foi o Día da Muller. O IES N1 súmase á celebración, con diversas actividades que tratan de inculcar no alumnado os valores da igualdade, a equidade, a xustiza, en que participan os departamentos de Biblioteca, Extraescolares e Dinamización.
Pero tamén, desde a sensibilidade artística, poñemos de manifesto o empoderamento da muller, con este fantástico traballo do departamento de Plástica, que parte da ollada sensible cara ás mulleres que nos rodean. Son as nosas nais, avoas, irmás ou veciñas. Son mans e rostros que arrastran historias pasadas para facelas presente. Son mans e rostros de luz, para a celebración da Muller. 
  Mans de muller

dia da muller traballadora 720

O IES Nº1 en Radio Estrada

O sábado, día 26 de febreiro, Alba Moimenta (1º ESO), Lía Expósito (1º ESO) e Marta Pedreira (4º ESO), alumnas do IES Nº 1, participaron, convidadas por Isabel Durán e Pilar Bernárdez, nunha  sección  especial de “Recunchos da Lingua” no programa Mañás do sábado, con motivo da celebración do Día de Rosalía.

Ademais do IES Nº 1, tamén acudiron á convocatoria o IES Losada Diéguez e os CEIP Cabada Vázquez, O Foxo e Pérez Viondi.

 DÍA DE ROSALÍA EN RADIO ESTRADA - Google Fotos

Entroido 2022 - Concurso de Mecos

 

Volveu o Entroido ao IES Nº 1! Por fin recuperamos esta festa tan querida polo noso alumnado. 

Volveron as vosas actuacións, volveron os disfraces e volveu a irreverencia propia desta festividade, en que se relaxan os costumes e se invirten os roles! 

Parabéns a 1º C e 2º C, os grupos gañadores desta edición, segundo o fallo do noso xurado máis popular: as Tanxugueiras, que nos visitaron no Centro e logo dunha sesuda deliberación, decidiron os triunfadores desta edición.

Ademais retomamos un concurso de mecos, e vós mesmos escollestes o gañador: O Ulla!

Parabéns a Breixo, Pedro, Éric e Brais, que argallaron ese fantástico meco.

E moitísimas grazas a profes e persoal non docente, que cos seus mecos contribuíron a adornar o noso IES. Non puideron participar no concurso, pero sen dúbida terían tamén agasallo. 

 

 

WhatsApp Image 2022-03-04 at 7.03.44 PM

WhatsApp Image 2022-03-04 at 7.26.52 PM

 WhatsApp Image 2022-03-04 at 7.05.46 PM

 

Distribuir contido