Orgullos@s do noso

Orgullo Galego. Letras Galegas 22-23

"Seremos quen de xuntar 10.000 seguidores nun ano publicando contidos galegos no Facebook?". Corría o ano 2016 cando os creadores de Orgullo Galego se fixeron esta pregunta, que axiña tivo resposta, porque en apenas un mes superaron esa cifra e en 6 meses xa contaban nada máis e nada menos que con 70.000 seguidores. Dende entón, Orgullo Galego non parou de medrar até aglutinar máis de 420.000 persoas nas redes sociais (FB, IG, Twitter, Twitch, TikTok, Sportify, Ivoox, Telegram ou Mastodom), unha web na que publican contido propio, tenda en liña e milleiros e milleiros de post publicados. Este labor vén de ser recoñecido co premio Rosalía de Castro á Normalización Lingüística 2023 que concede a Deputación da Coruña, na categoría de "Entidades" por representar "unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas". 

Onte, martes 30 de maio, no marco do programa Letras Galegas 2023, visitounos Borxa González, un dos creadores de OG, que nos explicou a evolución do proxecto e nos deu a coñecer máis claves do estado da lingua e da creación de contidos en galego na internet. Entre outras cuestións, soubemos que neste ámbito tamén se dan os comportamentos diglósicos, xa que as persoas que usan maioritariamente o galego no seu día a día non o fan tanto cando interaccionan nas RRSS, feito que non acontece coas persoas castelanfalantes, que non mudan de idioma. Tamén entendemos por que os produtos e os contidos que se venden en galego non están ben posicionados nos buscadores e redes, e é que Youtube ou Google non utilizan o galego como lingua interna nos seus algortimos, o que invisibiliza o galego. 

Con todo, o alumnado de 3º e 4º ESO puido ver que hai sinais que nos fan ser máis optimistas, como o feito de que, segundo o Barómetro dos Idiomas do Mundo do Ministerio de Cultura francés, o galego se sitúe como 37ª lingua con máis peso a nivel mundial; que o galego sexa un dos poucos idiomas que conta con dominio propio (.gal); ou que a presión social faga avanzar o galego en plataformas como Twitter e Twitch ou en produtos como Siri ou Alexia. 

Finalmente, Borxa mostrounos un abano de creadores e creadoras de contidos en galego, ferramentas e sitios web, que Orgullo Galego non cansa de visibilizar e difundir, como GZMúsica, a Galipedia, iFala ou as 600 referencias musicais en galego que recolleu OG no seu Spotify.

Xa sabedes, para coñecer este universo rico, vizoso e en galego que agarda por nós nas redes non tedes máis que seguir a Orgullo Galego. 

AdxuntoTamaño
Orgulho Galego.pdf276.48 KB
Descritor_campañas_normalizadoras.pdf155.72 KB