Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Volta segura ás aulas

Volta segura ás aulas

 

DOCUMENTOS PRINCIPAIS PARA DESCARGA

VOLTA ESCALONADA ÁS AULAS

Descargar Calendario Escolar

 

  • 10 de Setembro. Comezan o curso 4º e 5º curso de Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de Educación Primaria e Educación Especial.

  • 11 de setembro. Incorpóranse o curso 6º de Educación Infantil e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.

  • 16 de Setembro. Ese día volverán ás aulas os alumnos de 1º e 2º de ESO e os de 1º de Bacharelato, 1º de FP Media e 1º de FP Superior.

  • 17 de setembro. Comezan os de 3º de ESO, de 2º de Bacharelato, 2º de FP Media e 2º de FP Superior; e finalmente

  • 18 de setembro. Volveran ás aulas o alumnado de 4º de ESO, e todos os cursos de FP Básica.

PRINCIPAIS MEDIDAS DE SEGURIDADE SANITARIA NOS CENTROS EDUCATIVOS
  • Con carácter xeral, a actividade lectiva será presencial para todos os niveis e etapas do sistema educativo, priorizándoa para o alumnado de menor idade. A suspensión da actividade lectiva presencial, unicamente se adoptará diante de situacións excepcionais.

  • Os centros educativos promoverán que se realicen de forma telemática as reunións de coordinación e outras actividades non lectivas

  • A todo o profesorado e persoal dos centros públicos realizaráselle un test previo da Covid-19

  • Cada centro educativo contará cun equipo formado na Covid-19 que será de referencia para o resto do persoal, profesorado, alumnado e familias. O equipo estará formado pola persoa titular da dirección do centro e dous membros do profesorado.

  • Os centros educativos terán un centro de saúde de atención primaria de referencia co que se poida poñer en contacto a persoa responsable do Equipo Covid do centro educativo para resolver calquera dúbida ou incidencia no centro.

  • Todo o alumnado e persoal do centro realizará unha autoavaliación diaria para comprobar que non existen síntomas de infección por SARS-CoV-2.

  • Dende a Consellería de Educación habilitarase unha canle informática, denominada “EduCovid”, de coordinación e comunicación entre os centros educativos e os responsables sanitarios.

 

FUNCIONAMENTO DA AUTOAVALIACIÓN DIARIA
  • Todo o alumnado e persoal do centro realizará unha autoavaliación diaria para comprobar que non existe síntomas de infección por SARS-CoV-2.

 

Descargar modelo de enquisa de autoavaliación diaria para persoal e alumnado

 

Persoal do centro

  • O persoal do centro educativo deberá realizar unha autoavaliación diaria, seguindo unha breve enquisa clínico-epidemiolóxica que debe realizarse cada día, antes da chegada ao centro.

  • O resultado da enquisa NON ten que comunicarse cada día aos centros educativos, senón que o afectado debera seguir o protocolo oportuno en caso de detectar síntomas.

 

Protocolo a seguir polo persoal en caso de detectar un ou máis síntomas:

  1. Non acudir ao centro educativo.

  2. Comunicar os síntomas ao centro de saúde de referencia.

  3. Comunicar a situación ao Equipo Covid do seu centro educativo.

  4. De forma preventiva, debe manterse en illamento domiciliario, ata que os facultativos correspondentes dean as indicacións oportunas.

 

Alumnado

  • O alumnado (e de ser o caso os seus pais/titores legais) deberán realizar unha autoavaliación diaria, seguindo unha breve enquisa clínico-epidemiolóxica que debe realizarse cada día, antes da chegada ao centro.

  • O resultado da enquisa NON ten que comunicarse cada día aos centros educativos, senón que o afectado debera seguir o protocolo oportuno en caso de detectar síntomas.

 

Protocolo a seguir polo alumno (ou pais/titores legais) en caso de detectar un ou máis síntomas:

  1. Non acudir ao centro educativo.

  2. Comunicar os síntomas ao servizo sanitario de referencia.

  3. Comunicar ao centro, que informará ao Equipo Covid, a ausencia do alumno (non é necesario certificado médico, so xustificante dos pais)

  4. De forma preventiva, debe manterse ao alumno en illamento domiciliario, ata que os facultativos dean as indicacións oportunas.

MEDIDAS XERAIS DE PROTECCIÓN NA AULA

Distancia de seguridade entre persoas

 

  • De forma xeral, manterase unha distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo.

  • En educación infantil e na educación primaria, a organización do alumnado establecerase, con carácter xeral, en grupos de convivencia estable, en cuxo ámbito non se aplicarán criterios de limitación de distancia. Debe garantirse a estanqueidade do grupo de convivencia estable en todas as actividades que se realicen dentro do centro educativo

 

Uso da mascara

  • O uso da máscara será obrigatorio a partir dos 6 anos de idade con independencia do mantemento da distancia interpersoal, sen prexuízo das exencións previstas no ordenamento xurídico.

  • O alumnado (a partir do nivel de infantil) e o profesorado, así como o restante persoal, teñen a obriga de usar máscaras durante toda a xornada lectiva en todos os espazos do centro educativo, aínda que se cumpra coa distancia de seguridade.

 

Máscara de recambio

  • Será obriga do alumnado levar unha segunda máscara de recambio, así como un estoxo específico para gardala en caso necesario, como por exemplo no comedor.

 

Excepcións ao uso da máscara

  • A obrigación contida no apartado anterior non será esixible para as persoas que presenten algún tipo de enfermidade, dificultade, pola súa condición de discapacidade ou dependencia, non dispoñan de autonomía para quitarse a máscara, ou ben presenten alteracións de conduta que fagan inviable a súa utilización.

  • A imposibilidade do uso da máscara deberá ser acreditada polo pediatra ou facultativo da persoa obrigada.

 

Espazo e materiais escolares

  • Extremarase a orde no posto de traballo e nas mesas da aula, realizando a limpeza e desinfección establecidas nas medidas deste protocolo. Con anterioridade ao inicio do curso en cada unha das etapas educativas, realizarase unha limpeza e desinfección xeral do centro e do mobiliario.

 

Ventilación

  • Deberá realizarse unha ventilación frecuente nas instalacións, e por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, durante os recreos e ao finalizar as clases, sempre se sexa posible entre clases, e coas medidas de prevención de accidentes necesarias.

 

Hixiene de mans

  • O lavado realizarase cando menos 5 veces ao longo da xornada, particularmente na entrada e saída ao centro, antes e despois do recreo, antes e despois de comer e sempre despois de ir ao aseo. A hixiene deberá facerse con auga e xabón, durante polo menos 40 segundos, ou con xel hidroalcohólico, durante polo menos 20 segundos, no seu defecto. Cando as mans estean visiblemente sucias debe utilizarse auga e xabón.

 

MEDIDAS ESPECÍFICAS PARA O ALUMNADO DE EDUCACIÓN INFANTIL
  • Recoméndase o inicio da xornada con accións nas que se traballen as normas de hixiene e a concienciación presentadas como algo lúdico. Debe terse en consideración que o uso do xel hidroalcohólico en idades temperás pode supor o risco de que metan inmediatamente os dedos na boca polo que no caso dos dispensadores non deben de ser accesibles sen supervisión.

  • Reducirase o traballo de mesa simultáneo de gran grupo e asignaranse mediante sinalética os espazos que poden utilizarse.

  • Para o xogo en recantos (ambientes) delimitarase e organizarase o seu uso de xeito individual. Aconséllase eliminar xoguetes ou obxectos que non sexan estritamente necesarios.

  • A merenda realizarase de xeito individual en grupos colaborativos e en espazos diferenciados. No caso de ser posible, no patio exterior, para garantir o distanciamento sempre que o tempo o permita.

  • Nos recreos débese reforzar a vixilancia, procurando evitar o contacto ou ben organizar distintas quendas. Os elementos de xogo como tobogáns non deberían empregarse, así como areeiros en grupo xa que provoca a xuntanza entre o alumnado. A organización dos recreos poderá limitarse a un solo grupo con alternancias horarias entre grupos, a criterio da dirección do centro.

  • Os obradoiros serán adaptados a grupos máis reducidos e procurando a desinfección do material (robótica, xogos...) despois de cada uso.

 

MEDIDAS ESPECIFICAS PARA ALUMNOS CON NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECIAIS
  • Na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais recoméndase o uso das máscaras dentro e fóra da aula. No caso de non poder facer uso da mesma optarase polo uso de pantallas e mamparas, establecendo grupos de convivencia estable formados polo alumnado do mesmo grupo docente e aula.

  • O persoal que preste atención a este alumnado poderá usar pantallas/viseiras no caso de que o alumnado non poida usar máscaras e a súa atención requira non respectar a distancia de seguridade.

  • No caso de que o alumnado non teña autonomía, organizarase o acompañamento deste nas entradas, saídas, traslado polo centro e no momento do recreo, así como na hixiene de mans nos momentos de entrada ao centro, cambio de aula e de actividade, despois de ir ao baño, tras esbirrar ou tusir, antes e despois de comer e naqueles casos que sexa preciso, dando sempre marxe ao desenvolvemento da súa autonomía.

  • Asignarase un aseo no centro no que se intensificará a limpeza e a desinfección como medida de prevención de risco.

  • O departamento de orientación colaborará co equipo Covid na identificación das necesidades de protección e hixiene que este alumnado precisa para a súa atención. No caso dunha escolarización combinada, coidarase adoptar as mesmas medidas co fin de facilitar a comprensión e asimilación das mesmas por parte deste alumnado. Os centros de educación especial contarán cun protocolo específico de incorporación e escolarización para o seu alumnado.

COMEDORES, TRANSPORTE ESCOLAR E RECREOS

 

Transporte

  • Poderán ser utilizadas todas a prazas coa obriga do emprego de máscara. Os/As acompañantes da empresa de transporte aos que lle corresponda a vixilancia do alumnado velarán por que todos os ocupantes do vehículo leven posta a máscara durante todo o traxecto e que cada usuario/a ocupe o seu asento en todo momento.

  • Asignaranse asentos fixos ao alumnado para todo o curso escolar para unha realizar unha mellor trazabilidade dos contactos., salvo que, en base á situación epidemiolóxica, as autoridades sanitarias determinen un uso máis restritivo do mesmo.

 

Comedor

  • O uso do comedor escolar, tanto de xestión directa como indirecta, con independencia de quen preste o servizo, quedará limitado á capacidade suficiente para ter ao alumnado separado por 1,5 metros de distancia sentados en oblicuo e sempre que non estean encarados.

  • O alumnado que conforme grupos colaborativos ou grupos estables de convivencia no ensino infantil e no de primaria pode comer agrupado sen respectar a distancia anterior separando os grupos por 1,5 metros un do outro. Asignaranse postos fixos durante todo o ano para o alumnado e garantirase a estanqueidade.

  • As medidas a adoptar nos comedores por orde de prioridade ou combinadas, serán as seguintes:

  • Aumentar o número de quendas para reducir o aforo do comedor en cada momento da comida. As quendas estableceranse (incluíndo a flexibilización da última hora de horario lectivo) en función da capacidade horaria do transporte escolar, e do persoal dispoñible para atender aos comensais que será o adecuado á rateo dos comensais que coman en cada quenda.

  • Utilizar espazos colindantes ao comedor con mobiliario do que dispón os centros de xeito que se cumpra a distancia de 1,5 metros.

  • Instalar mamparas ou separacións de cando menos 0,60 cm de altura colocadas directamente sobre o mesado que separen alumnos encarados ou acaroados polo que non será preciso respectar a distancia de 1,5 metros.

  • Na medida do posible, o alumnado sentarase no comedor agrupado por aulas, de xeito que se manteña a continuidade do grupo de pertenza, sen prexuízo do establecido para os grupos colaborativos. Será necesario o rexistro dos lugares que ocupan cada un dos nenos, co obxectivo de facilitar a localización dos contactos en caso de brotes.

  • O persoal colaborador respectará as rateos que correspondan ao número de alumnos/as presentes en cada unha das quendas. O persoal colaborador será o mesmo en cada unha das quendas.

 

Recreos e tempos de lecer

  • Os equipos directivos establecerán o aforo posible de cada un dos posibles espazos que sexan susceptibles de utilizar como espazos de recreo, podendo incluír, de ser o caso ximnasios, pistas cubertas ou polideportivos.

  • Na medida do posible limitaranse espazos para que un grupo de 30 alumnos poida estar distanciado polo menos 1,5 metros, independizando espazos do mesmo aforo.

  • Unha vez calculado o aforo unha proposta de “horas de recreo” e “grupos en recreo” que permita minimizar concentracións elevadas de alumnado en corredores e escaleiras.

  • No período de recreo extremarase a vixilancia do alumnado, o equipo directivo poderá prohibir o uso de elementos comúns de xogo ou a utilización de obxectos e xoguetes que poidan ser compartidos.

 

 

MEDIDAS RELATIVAS ÁS FAMILIAS E ÁS AMPAS

 

  • A realización de actividades extraescolares fóra da xornada lectiva dentro do recinto do centro educativo, sexan organizadas pola ANPA do centro ou polos concellos, está condicionada á aprobación dun protocolo. Asignaranse postos fixos ao alumnado para todo o curso escolar co obxectivo de mellorar de realizar unha mellor trazabilidade dos contactos.

  • Nos programas de madrugadores seguirase o protocolo ordinario co engadido das prevencións en materia de consumo de alimentos. No caso dos momentos de descanso deitados coa separación de polo menos 1,5 metros entre colchóns ou colchonetas, no caso de alumnado de educación primaria será obrigatorio o uso de mascara, e recoméndase o seu uso para o alumnado de educación infantil, sempre que exista boa tolerancia.

  • As actividades das ANPAs celebraranse preferentemente por medios telemáticos.

  • Os Consellos Escolares celebráranse preferentemente de xeito telemático.

  • Nas reunións de titoría e nas comunicacións por outros motivos coas familias priorizarase a comunicación por teléfono ou vídeo chamada. Porén cando a xuízo do titor/a ou da dirección do centro sexa preciso a titoría presencial realizarase esta coas debidas medidas de protección.

  • Utilizarase como mecanismo de comunicación xeral coas familias a páxina web do centro.

  • Recoméndase non realizar eventos ou celebracións con grande afluencia de persoas. No caso de ter que realizarse cumpriranse estritamente as medidas de prevención (usos obrigatorio de máscara) e aforo (50 por cento da capacidade) sempre que se permita manter a distancia de seguridade de 1,5 metros entre persoas.

 

Traballador/a especialmente sensible

O servizo sanitario do  SPRL debe avaliar a presenza de persoal traballador especialmente sensible en relación á infección de coronavirus SARS- CoV-2, establecer a natureza de especial sensibilidade da persoa traballadora e emitir informe sobre as medidas de prevención, adaptación e protección. Para iso, terá en conta a existencia ou inexistencia dunhas condicións que permitan realizar o traballo sen elevar o risco propio da condición de saúde da persoa traballadora.

Coa evidencia científica dispoñible a data 18 de maio de 2020 (Información científica-técnica sobre a COVID-19, do Ministerio de Sanidade; ECDC; CDC), o Ministerio de Sanidade definiu como grupos vulnerables para COVID-19 as persoas con enfermidade cardiovascular, incluída  hipertensión, enfermidade pulmonar crónica, diabetes, insuficiencia renal crónica, inmunodepresión, cancro en fase de tratamento activo, enfermidade hepática crónica severa, obesidade mórbida (IMC>40), embarazo e maiores de 60 anos.

Solicitude para o estudo da vulnerabilidade fronte á COVID-19

Como serán as entradas e saídas do centro?
  • Nos centros educativos onde sexa posible habilitaranse diferentes entradas para o alumnado das diferentes etapas educativas. Tamén se poderán establecer quendas de entrada distanciadas no tempo.

  • A dirección do centro ten a posibilidade de establecer o número de profesores de garda precisos para facer efectiva a entrada e saída ao recinto en condicións de seguridade.

  • Poderase permitir en todos o niveis superiores ao ensino infantil a entrada do alumnado con anterioridade á hora de inicio da actividade lectiva dentro da aula que teña asignada

  • No nivel de ensino infantil o alumnado poderá chegar ao centro acompañado dun familiar e agardar nun espazo diferenciado para a entrada a aula. Os acompañantes deberán usar máscara.

  • O centro establecerá horarios específicos para a atención das familias non coincidentes con horarios de entrada e saída nin con intercambios de clase ou recreos.

  • Nos accesos ao centro, sempre que sexa posible, habilitarase unha porta para entrada e outra para saída. Nos corredores estableceranse sentidos de entrada e saída diferentes en ambas marxes do corredor.

  • Na entrada e saída da aula e nos momentos de retorno do recreo o profesorado velará pola orde dos movementos e fluxos do alumnado.

  • Para a saída do centro ou para o inicio do servizo de comedor poderase flexibilizar o horario dentro da última hora lectiva.

  • O profesorado a quen corresponda a última hora lectiva previa á saída velará porque o material está recollido polo alumnado

  • A dirección do centro determinará o número de profesores/as suficientes para ordenar as saídas e evitar a formación de agrupacións de alumnado no recinto, así como para velar por que o alumnado non forme agrupacións na vía pública fóra do recinto escolar.

  • Nas comunicacións verticais o uso do elevador quedará limitado as persoas que o precisen por motivos de mobilidade. Cando sexa posible pola distribución do centro, utilizaranse preferentemente un núcleo de escaleiras de subida e outro de baixada.

 

Como será o uso de aseos?
  • O uso dos aseos estará limitado a unha simultaneidade non superior a un terzo do seu aforo. O alumnado deberá hixienizar as mans á saída do mesmo.

  • Durante os recreos e nas entradas e saídas do centro haberá profesorado de garda vixiando o aforo dos aseos e garantindo que se cumpre a distancia nas ringleiras de entrada e saída.

  • O público en xeral que non teña a condición de persoal do centro ou de alumnado unicamente poderá usar un dos aseos máis próximos á entrada do centro.

Material escolar e espazo e equipos comunitarios
  • Extremarase a orde no posto de traballo e nas mesas da aula, realizando a limpeza e desinfección establecidas nas medidas deste protocolo. Con anterioridade ao inicio do curso en cada unha das etapas educativas, realizarase unha limpeza e desinfección xeral do centro e do mobiliario.

  • O alumnado non compartirá material de uso propio con ningún dos seus/súas compañeiros/as. Nas aulas ou no propio pupitre deberá existir un espazo diferenciado para o material de cada alumno de xeito que non permita ser manipulado por outros compañeiros.

  • Os equipos de traballo (ordenador, monitor, teclado, rato, mesa, teléfonos ou material de oficina) deberán ser usados só pola persoa titular do posto e, de non ser posible, o novo usuario realizará unha correcta hixiene de mans.

  • As ventás, portas, persianas, contras, dispositivos de funcionamento da iluminación, os proxectores, e as restantes ferramentas pedagóxicas serán unicamente usadas polo profesorado ou o persoal non docente, coas medidas de seguridade e hixiene que procedan.

Deben os alumnos e alumnas levar luvas?

 

  • O uso de luvas limitarase ao persoal de limpeza, o seu uso será obrigatorio.

Que pasa se alguén do alumnado ou o persoal non quere usar máscara?
  • Teñen consideración de condutas leves contrarias á convivencia os supostos de incumprimento polo alumnado do uso da mascara nos tempos e lugares que sexan obrigatorios e o incumprimento das instrucións do profesorado en aplicación do presente protocolo. Polo que se respecta ao profesorado e persoal non docente estarase ao previsto na súa normativa.

Que se fai cando aparece un caso confirmado nun centro?
  • No suposto da aparición dun caso, ou dunha sospeita, de coronavirus nun centro educativo tanto do alumnado, profesorado ou persoal do centro, a persoa coordinadora do equipo formado na Covid-19 incluirá na aplicación informática a información prevista do eventual afectado, dos compañeiros afectados e do seu profesorado, así como dos que sexan contacto máis próximos que estean vencellados ao centro educativo.

Que ocorre ante un gromo?
  • A autoridade sanitaria, en función do número de contaxios, poderá ordenar a corentena dun grupo determinado de contactos estreitos do centro escolar, o peche dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro educativo na súa totalidade de conformidade co previsto no protocolo e de acordo coa situacion epidemioloxica.

Que ocorre se un alumno ou alumna ten síntomas no centro educativo?
  • Ante a detección de síntomas compatibles con infección por SARS-CoV-2 nun alumno/a, durante a estancia no centro ou á chegada ao mesmo, contactarase coa súa familia ou persoa de referencia que deberá presentarse no centro á maior brevidade.

  • Unha persoa da familia solicitará consulta telefónica co seu facultativo que valorará a pertinencia dunha consulta presencial e a solicitude dunha proba diagnóstica.

  • Habilitarase, desde o inicio do curso, un espazo específico de uso individual no centro para illar a aquelas persoas nas que se detecten síntomas mentres non se xestiona o seu traslado. Este espazo contará con ventilación adecuada, solucións hidroalcohólico, papeleira de pedal e panos desbotables.

Que repercusión terá o alumnos se falta a clase por razóns relacionadas coa covid?
  • Para os efectos do protocolo para a prevención e control do absentismo escolar e do número máximo de faltas de asistencia permitidas, as ausencias derivadas da aplicación das anteriores medidas consideraranse sempre xustificadas, non sendo preciso o xustificante do facultativo para a súa acreditación.

 

Formación en Prevención de Riscos vinculados á Covid-19.

Iníciase un Plan de Formación en Prevención de Riscos vinculados á Covid-19. Todos os cursos dentro deste Plan de Formación realizaranse de forma 100% na rede. Estes cursos teñen unha duración de 8 horas, das cales ata 3 terán día e hora determinado (con quenda a elixir de mañá e tarde) e as 5 restantes poderán realizarse no horario de dispoñibilidade de cada persoa. O contido versará sobre riscos e prevención Covid-19, con especial atención aos protocolos e orientacións no contexto educativo.

Debido á grande demanda que están a ter decidiuse a ampliación do período de matrícula ata o día 30 de marzo de 2021.
Os cursos darán comezo o día 8 de abril e terán unha duración prevista de 3 semanas.

  • Os 8 cursos dirixidos a persoal docente están dispoñibles en fprofe e son os seguintes:
  • G2002132-Formación específica no contexto da Covid-19 na atención de audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica
  • G2002133-Formación específica no contexto da Covid-19 en FP e tecnoloxía
  • G2002134-Formación para a xestión da aula de educación Infantil no contexto da Covid-19
  • G2002135-Formación para a xestión da aula de secundaria no contexto da Covid-19
  • G2002136-Formación para a xestión de centros no contexto da Covid-19. Equipos directivos e equipos Covid
  • G2002137-Formación específica no contexto da Covid-19 nas ensinanzas musicais
  • G2002138-Formación para a xestión da aula de educación primaria no contexto da Covid-19
  • G2002139-Formación específica no contexto da Covid-19 na educación física e ensinanzas deportivas

Ademais tamén haberá 5 cursos dirixidos a persoal non docente que estarán dispoñibles na seguinte plataforma
https://formacion-cultura.xunta.gal/ . A oferta de cursos para persoal non docente é a seguinte:

  • PND1-2020 Formación específica no contexto da Covid-19 para persoal de limpeza
  • PND2-2020 Formación específica no contexto da Covid-19 para persoal administrativo e subalterno
  • PND3-2020 Formación específica no contexto da Covid-19 para persoal de comedores e cafeterías
  • PND4-2020 Formación específica no contexto da Covid-19 para persoal de transporte escolar
  • PND5-2020 Formación específica no contexto da Covid-19 para persoal de atención á diversidade

Nestes cursos poderá participar todo o persoal non docente independentemente da súa vinculación laboral co centro (persoal da consellería, de concellos, de empresas de servizos...) sempre que a dirección do centro verifique que desenvolven o seu labor en centros educativos. A tal fin as persoas directoras dos centros deberán achegar ao correo servizodeprevencion@edu.xunta.gal a folla de cálculo que recibiron mediante correo electrónico cos datos das persoas interesadas en matricularse. Aqueles centros que xa remitiran unha folla de cálculo e que conten con novo persoal interesado poderán enviar unha nova folla na que conste unicamente o novo persoal a matricular. O día 7 de abril achegaranse ao correo facilitado para cada participante os datos de acceso á plataforma.

A certificación dos cursos para o persoal de función pública recibirase a través da Escola Galega de Administración Pública. A certificación dos cursos de persoal docente corresponderá á rede de formación do profesorado. A certificación do persoal fóra destes ámbitos realizarase desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.