Visita ao PACC de Campo Lameiro

O alumnado de 1º de ESO visitou o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, nunha saída organizada polo departamento de Xeografía e Historia. Alí puideron coñecer de primeira man un dos xacementos máis importantes da prehistoria galega.

A visita comezou cunha pequena andaina, para ir observando unha das pegadas máis interesantes que deixaron os nosos antepasados: os petróglifos, eses pequenos gravados nas rochas con deseños xeométricos e naturalistas.

A seguir, o alumnado visitou a recreación dun poboado da Idade de Bronce; e, xa para rematar a experiencia, participaron nun obradoiro de cerámica. Por unhas horas, convertéronse en oleiros para comprender o proceso de creación de pezas neolíticas.