Skip to Content

Dinamización lingüística

Inauguración da porta de Miguelanxo Prado

O noso instituto desenvolve un programa de salas dedicadas a persoeiros da cultura, da ciencia e da creación, polo que determinadas portas do centro son decoradas con imaxes alusivas a autores/as ou á súa obra. O pasado 11 de novembro de 2022 recibimos a visita do célebre creador de banda deseñada Miguelanxo Prado, que nos acompañou para a inauguración da súa porta, nunha actividade organizada polo EDLG en colaboración coa biblioteca e cos departamentos de Artes Plásticas e Lingua Galega, e co financiamento do programa de Actividades literarias en institutos do Ministerio de Cultura e Deporte.

Para comezar, os grupos de 3º ESO asistiron a unha charla en que o autor falou sobre o seu proceso creativo no mundo da banda deseñada. A continuación, celebrouse o acto de inauguración da porta, que no seu caso é a da cafetaría do instituto. Para finalizar, o autor visitou a nosa biblioteca e obsequiounos coa dedicatoria ilustrada de varias das súas obras.

Bo Nadal e feliz 2023!

O IES DAVID BUJÁN deséxache unhas felices festas e un ventureiro 2023 coa nadaliña gañadora  no concurso do EDLG

 

 

OUTROS GAÑADORES

Alba Prieto Rocha

Candela García Figueira

Ainhoa Pose Zamora

Emma Rodríguez-Trelles Mira

Susana Blanco Araus

Paula Morandeira Martínez

Chloé Rodríguez Fernández

 

Parabéns

Os seus diplomas dixitais

Nadaliñas 2022

Recollida das nadaliñas

O martes desta semana empregados do concello pasaron polo centro para recoller as nadaliñas que o alumando do IES David Buján elaborara. Foi unha participación entusiasta e abundante. Moitas grazas a todos e a todas. Coa vosa axuda este ano o Nadal en Cambre será máis galego.

Proximamente reunirase o xurado para decidir cales foron as nadaliñas que merecen un premio especial.   Vai ser unha decisión difícil porque había  moitas que estaban realmente ben. Sorte!!

Deixamos aquí unha mostra desta abondosa participación. A música é de Malvela.

Cinema no Buján

O EDLG, no marco do seu proxecto de dinamización da lingua galega no centro, inicia un novo ciclo de proxeccións  de cinema

O alumnado do IES David Buján asistirá a unha proxección de cinema na semana anterior ao nadal. O título escollido para este trimestre é  "A gran sedución" (2013), un filme do canadense Mckellar , versión dunha fita francesa  de dez anos antes.

"A gran sedución" ocorre nunha vila de pescadores do Canadá onde xa non se pode pescar, e búscase que instalen unha fábrica, pero para iso precisan dun médico...

Aquí deixamos un adianto

Gocemos de cine na nosa lingua

Panxoliña 2022

 

Galicia ten unha rica tradición de panxoliñas de Nadal e cantigas de Reises. Grupos de mozos saían polas rúas das aldeas a cantar panxoliñas o 24 e 31 de Nadal e tamén na tarde do día 5, previa á noite de Reis. Esta era unha tradición moi arraigada en todo o país durante o Nadal. O grupo de mozas e mozos cantaban diante das casas e agardaban despois a recibir un aguinaldo que era en forma de doces (uvas e figos pasos) ou noces e castañas ou tamén en forma de diñeiro. Sería bo non perder esta tradición tan importante para a socialización.

O Departamento de Música, Vicedirección e EDLG quere convidar a toda a comunidade educativa a participar na panxoliña  deste ano. Deixamos vídeo e letra. Precísanse moitas voces e moitos instrumentos tradicionais. O ensaios comezan o mércores 7 de decembro (segundo recreo) no salón de actos do centro.

Anímate e ven cantar conosco.

 

 

Nadaliñas

Este ano imos participar nunha  actividade proposta polo do CEIP Wenceslao Fernández Flórez. Imos facer nadaliñas para distribuir polos comercios de Cambre  para que este ano no noso concello se viva un Nadal en galego.

Cada alumno/ a pode entregar ata un máximo tres nadaliñas (técnicas libres) pero todas teñen que seguir un modelo, que se adxunta ao final desta entrada, : teñen que ser  feitas unha cartolina A4 dobrada,  na portada ten de haber unha ilustración (pode ser a que o centro fornece) e o lema BO NADAL  (no lado longo ou no lado curto, dabaixo da ilustración) e dentro ten de haber un texto en galego-mínimo catro versos- de entre os que se  achegan no documento adxunto.

O resultado final debe ser curioso e esteticamente agradable, pois será empregado polas persoas que o desexen para felicitar o Nadal  aos seus achegados e amigos.  Os mellores terán premios (puntos) do EDLG. E a que resulta a gañadora entre todas as elaboradas, a ollos do xurado, será a empregada no centro para felicitar as festas.

Se tes dúbidas, pregúntalle ao profesorado de Plástica ou de Lingua Galega

Anímate e participa

Os nadais galegos

En Galicia a tradición das nadaliñas está documentada xa dende hai ben tempo. Dende a inmediata Posguerra ata primeiros dos oitenta chegou a ser común o envío de nadaliñas entre autores galegos, que escribían como felicitación das festas poemas (sobre todo panxoliñas e outros cantos natalicios), habitualmente acompañados de imaxes creadas ex professo por coñecidos pintores e, en ocasións, tamén acompañados de partituras musicais.

Foron asiduos ás nadaliñas Aquilino Iglesia Alvariño, Ben-Cho-Shey, Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, Luz Pozo Garza, Manuel Fabeiro Gómez, Manuel María, Sebastían Martínez Risco, Xohana Torres, Faustino Rey Romero, Francisco Vales Villamarín, Celso Emilio Ferreiro, María do Carme Kruckenberg, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane ou Fiz Vergara Vilariño, entre moitos outros. Unha boa mostra é a exposición que hai na entrada do noso centro e os textos que se escolleron para a actividade. Todas as nadaliñas  da exposición do centro  pertencen á colección de Sebastión Martínez-Risco.

 

Inauguración da porta dedicada a Miguelanxo Prado

11/11/2022
Atlantic/Bermuda

Conferencia do autor Miguelanxo Prado para o alumnado de 3º ESO no salón de actos, previa á inauguración da porta que lle foi dedicada.

Tradicións do Samaín: os colares de zonchos e a as almas liberadas do Purgatorio

Ritos e tradicións fúnebres

Outra tradición relacionada coa veneración ou a prevención cos mortos é a dos colares de zonchos, isto é, de “castañas cocidas coa pelica” que cunha agulla e un cordel se enfían como se fosen as doas dun rosario. Fanse para llelos poñer aos nenos nos días un e dous de novembro, especialmente no de Defuntos, para, segundo algunhas fontes, protexelos contra os espíritos con este amuleto, ou, segundo outras, porque por cada castaña agasallada e comesta sálvase unha alma. Esta tradición segue manténdose viva en moitos lugares do norte do territorio.

 Zoncho é unha das palabras que a nosa lingua ten  para designar as castañas cocidas.  Outras son mamotas, ou burgazos. Un nome como os múltiples que existen para nomear os distintos tipos de castañas, un dos produtos galegos máis importantes da gastronomía do país durante centos de anos ata que foi sendo substituída pola pataca. Con todo, a castaña segue sendo moi importante na cultura gastronómica e popular de Galicia e está asociada a moitas das nosas tradicións, entre elas, o Samaín, o Magosto ou o Nadal, os colares de zonchos, ..

 O EDLG para continuar con esta tradición ben bonita convoca un concurso de colares de zonchos. Valorarase a orixinalidade, a estética, empregar elementos respectuosos co medio, e a lonxitude do colar.

Atento ás bases que se colgarán na cortiza do EDLG e o día marcado vén co teu colar de zonchos.

Haberá premios para todos.

Xogo do Samaín

Rutas literarias polo Museo

O alumnado de 1º de ESO o pasado xoves, 13 de outubro, foi ao Museo de Lugo para participar nas Rutas Literarias polo Museo

Hai catro rutas: a de Minos, a do Astrágalo, a do Paxaro e a do Carneiro Alado. Cada unha das rutas está baseada nun relato do libro Contos de Fantasmas no Museo. Conta cunha folla de ruta que o alumnado, por grupos, debe completar xa no museo. Logo comprobarán os resultados de cada unha das catro expedicións. 

Tamén aproveitamos para ir ver o Centro de Interpretación da Muralla, a piscina arqueolóxica e para pasear polo adarve da única muralla de orixe romana que conserva íntegro o seu perímetro.

A actividade estaba organizada polo EDLG e o Departamento de Historia.

Preme no enlace para veres o álbum de fotos.

Voluntariado lingüístico

 

O EDLG do IES David Buján,  como cada ano,   gustaríalle que formasen  parte do equipo do noso centro todas aquelas persoas que  queiran a través do Voluntariado Lingüístico.

Seguro que tes moitas cousas que dicir e  moitas ideas que  achegar.

Apúntate xa!!

Manda un correo cos teus datos (nome e curso) a edlg@iesdavidbujan.gal

Distribuir contido


by Dr. Radut