Historias

NOVO ACTO DE GAMBERRISMO NA ESCOLA DE CUVIDE

Xa non esperaron á fin de semana para actuar. Hoxe venres nada máis chegar, despois de aparcar o coche, un veciño comentoume que onte estivera unha pandilla golpeando e rompendo o tellado do tren do patio. Chamoulles a atención pero non lle fixeron caso. O Concello debería de actuar e poñer as medidas necesarias para que día tras día non teñamos que vivir con estes altercados que en nada axudan á formación dos nenos e nenas. Sei que non é doado, pero o que é desexable e necesario, por forza ten que ser posible, e se non o é e porque non facemos o suficiente. Ao entrar na aula pregunteilles aos nenos que poderíamos facer nós para que estas persoas tan incívicas e tan irrespectuosas deixaran de facer tanto mal. - Podemos facer carteis, dixeron. - E que lles dicimos?

PEDRO : "Poñer unha cabaza na ventá para asustalos".

BORJA : "Facer un cartel de prohibido pasar".

ANXO : "Facer un cartel que diga que coidaran as plantas e o patio".

RAÚL : "Que non nos rompan as plantas"

CARLOTA : "Por favor, non nos destruades o noso colexio ".

MANUEL : "Que non nos rompan as plantas e que non nos caguen os cans no areeiro". ALBA : "Que coiden a Natureza".

JORGE : "Poñer unha cabaza con dentes e con lume para que asuste aos nenos malos" Estes foron os seus comentarios e quedamos en facer uns carteis despois da sesión de contacontos que tiñamos hoxe . Por certo, o conto que saíu votado para ser narrado foi "Nadarín" ese fantástico conto de Leo Lionni que é un canto á intelixencia,á necesidade do silencio para poder pensar con tino, á apreciación da beleza, ao traballo en equipo para fortalecer o valor , superar a adversidade e vivir con alegría, atrevéndose a a descubrir toda a fermosura que hai no mundo aínda que haxa que enfrontarse con perigos ENOOOORMES. Os carteis fixéronos na hora do recreo: sacamos unha mesa ao porche e alí por quendas fóronos facendo. Só deu tempo de rematar dous e colocalos no cristal da porta de entrada. Nas fotos podemos observar, en primeiro lugar, os destrozos do tren e en segundo lugar, como se axudan á hora de elaborar os carteis : decorar e colorar, como se poñen de acordo á hora de decidir como se escriben as palabras e como tratan de ler o que escribiron.

 

 

 

 

 

 

OS RUMANOS SON OS HABITANTES DE RUMANÍA

Hai uns días, María, a profe de Cuvide colgou no portal as reflexións xurdidas a partir dos comentarios dalgúns nenos da aula sobre os rumanos.
Na escola de Cruceiro, aula de 5 e 4 anos, levamos falando todo o que vai de curso dos rumanos. Pola información que traían algúns nenos, ó principio semellaba que os rumanos son xente mala, que ata poden chegar a roubar nenos. Pero parecíanos un pouco raro e decidimos investigar.
Así, descubrimos que os rumanos son xente que naceu en Rumanía, que é un país non moi lonxano ó noso,onde hai unhas fermosas paisaxes, a xente viste roupa similar á nosa
( ata hai roupa parecida á que usamos nós para bailar, tocar a pandeireta e a gaita )e teñen unha música...!! Se escoitades algunhas das súas pezas musicais seguro que vos sentides tan alegres que vos dan ganas de bailar. Escoitade, escoitade...
Tamén lembramos que en Taragoña, en Rianxo, en Santiago, en Madrid,... hai algunha xente
" mala " ( coma a que nos roubou o ordenador da escola ), pero só unha pouca. Case todos intentamos ser agradables, compartir e axudar ós demais. En Rumanía tamén sucede así. E os rumanos non son máis que xente nacida en Rumanía.
Asinado: aula dos " maiores " e Sol.

PABLO CHEGOU Á NOSA ESCOLA

ESTA SEMANA VEU PABLO. ME ENCANTA ! IVAN 5 ANOS Chulo

ESTOU CONTENTA PORQUE VEU PABLO.  IRENE 4 ANOS Chulo

ESTOU FELIZ PORQUE VEU PABLO.    DESI 4 ANOS Burla

PABLO é un profesor en prácticas, é o segundo curso que comparte con nós e estamos todos encantados. Sol, trillentos anos Sonriente

UNHA PEQUENA REFLEXIÓN : "DE COMO OS RUMANOS SE FAN PRESENTES NA NOSA AULA"

Hai uns días ao chegar á escola, a pechadura da porta estaba obstruída. Alguén quixo boicotear a entrada. Isto ocorreu dous luns consecutivos. O segundo, cando despois de hora e media de espera o operario do concello cambiou a pechadura, entramos na aula e xa acomodados en círculo no cortizo, ocorréuseme preguntar :

- Quen faría isto?

Comezaron a falar atropeladamente :

- Foron os malos

- Foron os ladróns

- Foron os "trasa".

Eu non entendía a que se referían con esa palabra.

- Que é iso dos "trasa"?. Non sei a quen vos referides.

-  Os "trasa"!, repetían cheos de razón.

- Explicádemo porque eu non sei quen son os "trasa".

- Sí profe, son os rumanos que fan mal e rouban.

- Por que dicides iso? . Quen os viu?.

- Sí, eu o sei porque ao meu tío, un día entráronlle no almacén  pola noite e roubáronlle as porquerías.

- Como? . A que porquerías te refires?.

- Sí, non sabes? Os gusanitos, os chicles - dicía - mirándome con cara picarona.

Deume un ataque de risa. Claro, a Educación para a saúde e a alimentación en particular, preocúpame de xeito especial e fago moito fincapé en que coman froitas e verduras e que deixen de comer "porquerías" dese tipo.

Tiven que disculparme e aclarar que as chucherías non é que foran porquerías, que era un falar para facerlles ver que non era bo comer moitas lambetadas para evitar que se nos picasen os dentes, engordáramos demasiado, etc. etc.

Volvendo ao tema pregunteilles :

- Quen son os rumanos?

- Son os ladróns

De xeito espontáneo identificaron rumanos con ladróns.

Saquei un mapa de Europa e vimos que alí había moitos países. Un deles, de cor amarelo, era Rumanía; estaba moi lonxe. Os habitantes dese país eran rumanos e rumanas como os habitantes de Galicia somos galegos e galegas.

Fomos facendo un camiño co dedo  polo mapa e observamos que para chegar aquí tiñan que facer un longo percorrido. Viñan buscando traballo porque no seu país non o atopaban.

Aquí xurdíu toda a problemática do abandono:das súas casas, dos seus amigos, dos seus xoguetes.....

O mapa suscitou moitísimo interese e armouse un pequeno alboroto porque todos querían saber os nomes daqueles cachiños de cores que eu lles dixera que eran países e cales eran as bandeiras respectivas.

Despois dun anaco de efervescencia, que me rebordaba, conseguín reconducir a situción cara o tema que motivara a aparición do mapa en escena.

- Pensaban que estaba ben acusar a alguén de facer algo malo sen telo visto?. Ao mesmo tempo que llelo preguntaba dábame conta de que coa miña actitude estaballe inoculando unha lección de "moralina". A miña boca dicía palabras que o meu interior rexeitaba; así non se fan as cousas -pensaba-,e  inmediatamente tratei de modificar a actitude introducindo un pequeno xogo socioafectivo coa finalidade de que poideran ter a oportunidade de vivenciar o feito de ser rexeitados e de falar de como se sentiran.

Estabamos sentados en círculo : achegueime a un neno e en voz baixa díxenlle ao oído :

- "Anxo é un ladrón, non imos xogar con el". Dillo en baixiño a Carlota. Carlota llo diría ao que tivera ao lado e así sucesivamente ata que todos tiveran esa "información", agás Anxo.

Levantándome animeinos a xogar:

- Vinde! Imos xogar a un xogo moi bonito!. Facede unha roda!

Cando Anxo trataba de incorporarse comecei a dicirlle :

- Ti non Anxo, que es un ladrón e non queremos que xogues con nós!. Animei ao resto a que se posicionaran do mesmo xeito. Así  o fixeron.

A situación durou un minuto escaso, o suficiente para que Anxo estivera a piques de chorar. Entón sentámonos e pregunteille :

- Anxo, como te sentiches?

- Mal

- Es un ladrón?

- Non!

- Claro que non.

- Daquela, como cres que se sinten os nenos rumanos cando a xente lles di que son malos e que rouban?

- Mal!

Esta resposta estaba cargada de sentido; a súa cariña así o confirmaba.

Repetimos esta pequena simulación con varios nenos en tempos moi breves pero todos acusaban o malestar que lles producía o feito de ser rexeitados.

Penso que en moitas ocasións o profesorado co afán de conquerir hábitos respectuosos entre o alumnado, dicimos e dictaminamos o que está ben e o que está mal, coa mellor intención do mundo , dámoslle feito o concepto moral do que  é bo e do que é malo sen ofrecerlles a oportunidade de ir descubrindoo. Sen embargo, cando se vivencia unha situación hostil, se sente na propia carne a través dun pequeno xogo, estamos permitindo que afloren as emocións das que logo se poderá falar, e creo que deste xeito se lles da a oportunidade de sentir e modificar comportamentos. Quizás este sexa o camiño de brindarlles a oportunidade de ir construindo unha moral cada vez máis autónoma. Todo isto require tempo, moito tempo, e non sempre estamos pola labor, apremiados en moitos casos por obter resultados aparentemente máis rendibles.

Non sei, son elucubracións mentais que eu me monto e que quero compartir con aquelas persoas que lean este texto que xa se vai facendo  algo longo.

Non obstante , o acontecido da que pensar que na nosa sociedade, dunha maneira máis ou menos implícita, existe un caldo de cultivo xenófobo, de hostilidade cara aos de fóra, pero ¡OLLO!, esa hostilidade non vai dirixida cara todos os de fóra : son os máis desfavorecidos, os pobres, os marxinados os que están no punto de mira.

É un problema que hai que combatir e que algunhas mensaxes electorais coma as que se están escoitando últimamente en nada contribúen a fomentar unha convivencia harmónica e respectuosa cara aos excluídos doutros pobos.

Que nenos e nenas de 3, 4 e 5 anos, ante un incidente como o comentado fagan espontaneamente unha correspondencia  rumanos / ladróns, é algo que debería poñernos en alerta.

 

Distribuir contido