Historias

MIRAMOS OS XORNAIS

 HOXE ESTIVEMOS MIRANDO MOITOS XORNAIS E TODOS TRAÍAN A MESMA NOTICIA REDACTADA DE DISTINTA MANEIRA, DESPOÍS FIXEMOS  O NOSO TITULAR E SAIUNOS ASÍ:

UN DIA HISTÓRICO

O PRIMEIRO PRESIDENTE NEGRO QUE CHEGA A "LA CASA BLANCA"

 4 DE NOVEMBRO : OBAMA DECLÁRASE O PRIMEIRO PRESIDENTE NEGRO NA HISTORIA DE ESTADOS  UNIDOS.

PARABENS!!!

CONTACONTOS

MULLERES CIENTÍFICAS

O MARTES 21 FOMOS A SANTIAGO VER  "AS MULLERES CIENTÍFICAS ".

ERA SOBRE AS  MULLERES QUE  NON  PODÍAN IR A UNIVERSIDADE E TIÑAN Q U E   DISFRAZARSE  DE HOME.                

     
     

   ALGÚNS NENOS VESTIRONSE DE CIENTÍFICAS: BRAIS DE MATEMÁTICA, VICENTE DE BIÓLOGA...       

     

TAMÉN FIXERON EXPERIMENTOS.

FOI MOI DIVERTIDO 

 

                                                                                               

LECCIÓN DE ORTOGRAFÍA PARA OS MAIORES

MIGUEL é un novo alumno do C.R.A. de Rianxo. Ten tres anos e está escolarizado na Escola de Cruceiro. Durante estes días escoitou moitas veces de Paula, de min e  doutras profesoras o importante que é "portarse ben"  ( saber compartir, estar tranquilo, escoitar o que nos din os demais...).

YAIZA ten cinco anos e empezou en setembro o seu derradeiro curso no C.R.A. Como ós seus compañeiros de aula, gústalle moito vestirse coas roupas e complementos que temos no armario. Hoxe decidiu poñer un colar e unha elegante capa vermella reberetada con fitas douradas.

Yaiza está no patio á miña beira e acércasenos Miguel.

- E voa? E voa?. Pregúntame Miguel sinalando a Yaiza.

Eu entendinlle:" É boa ? É boa ? ", e totalmente convencida contéstolle:

- Si, é boa ! Yaiza é moi boa ! e remato dándolle á nena un aloumiño.

Pero Miguel insiste, esta vez sinalando a capa:

- E voa? E voa ?

E, xa tendo claro que non debo confundir "voa" con "boa", nin " e " con "é ", respondinlle por fin:

- Pois non, non voa !!

Hata a prosima lecion, hamigos !!

Cáspistas ! Non sei se na despedida terei algún erro ortográfico. Se vedes algún, nos deixedes de correxirmo!

Un bico. Sol ( profe de Cruceiro )

AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE E ALBA ROMPE O DÍA

    Frecuentemente nas aulas atopámonos con diversos problemas de audición e linguaxe para os que Mariña, a especialista, presta un gran apoio cun enfoque da problemática, na miña opinión moi axeitado e que eu  comparto ao cen por cen : non existen nenos problemas senón problemas que teñen determinados nenos ou nenas  aos que se lles da un tratamento lúdico do que participamos todos e todas.

     Onte o xogo ía encamiñado á discriminación auditiva das distintas vogais e a súa correcta pronunciación en concreto á diferenciación do son do e e do a.

     Traía un libro "Rimas con letra" de Gloria Sánchez e abríndoo pola rima do e preguntou :

    - Coñededes este libro? (Risas) Siiii , ese é o embigo de Vicente.

    - Home... coñecémolo de sobra dixo Anxo .

    -E esta letra?

    - Coñecémolas todas!, volveu dicir Anxo cuns olliños luminosos, mirada cómplice e sorriso picarón.

     E claro, e que as letras preséntanse nas palabras sen permiso, todas xuntas e así ímolas coñecendo pero de cando en vez facémoslle un pequeno homenaxe a cada unha delas e  entre outras cousas acudimos ao libro "Rimas con letra" para disfrutar das súas  propostas, amplialas e ás veces  tamén para criticar algún aspecto cun sentido rexoubeiro como cando a rima do u di :

 Uú  -  Uú

                             un moucho vai en autobús.

                              ...........................................

e a ilustración nolo presenta en moto. Rebélanse, aí non vai en autobús profe, que vai en moto.  Pero que é isto?, digo eu,  esta ilustradora... está un pouco despistada. E é que os nenos e nenas non pasan unha, así que ilustradores e ilustradoras poñede máis atención porque nas escolas hai unha crítica moi rigorosa.

     Ben, pois despois de disfrutar coa rima e de participar no xogo, Mariña quixo contarnos un conto que falaba dunha estrela pero xa non foi posible.

     Á pregunta de sabedes onde están as estrelas? sucederon unha serie de intervencións cargadas de lirismo en medio do bulicio.

- "AS ESTRELAS VIVEN NA NOITE" (RAÚL)

- "SI, E ALBA ROMPE O DÍA, E CANDO O SOL VAI TRABALLAR A LÚA TENSE QUE DEITAR" (ANXO).

- "E RAÚL ABRE A NOITE" (ALBA)

Esta intervención de Alba producíu un segundo de desconcerto antes de darme conta de que o dicía porque cando xogamos cos nomes RAÚL lido ao revés di LUAR, e facíalles gracia escoitar que RAÚL tiña unha RA que croaba no LUAR e que LUAR era unha noite de LÚA , así que claro, RAÚL ABRE A NOITE.

     En fin, que cando os nenos e nenas están enfariñados, rebozados e cociñados en poesía de cando en vez e cando menos o esperas deixan escorregar a súa salsa, destilan lirismo, e así acabou a hora con Mariña e nese estado tan poético e bulicioso, que ás veces van da man,   dispuxémonos a seguir co regalo para O DÍA DA NAI, que non vou desvelar porque aínda non chegou o día e malia que seguramente ao saír da escola xa non aguantaran máis sen decirlle que era, naquel momento devanábanse os sesos pensando onde o ían agochar e que lles ían dicir.

CARLOTA : "Eu voulle dicir a miña nai : mamá, vas limpar estes días, antes do día 4, do domingo, do día da nai, debaixo da cama?. E se me dí que non, o deixo alí e se me di que sí o meto nun caixón ou noutro sitio onde non o vexa".

RAÚL : "Eu tamén, debaixo da cama"

ANXO: "Eu tamén, debaixo da cama"

PEDRO : "Pofe, mía, eu vouno esconde debaixo da pama".

ALBA : "Eu debaixo da almohada".

     En fin, xa sabedes onde non podedes facer limpeza nin mirar estes días.

 

 

A PEDRA ENCANTADA

Preto da aldea de Carballal, no Araño, alá onde o río Te toma o nome de río Grande, hai unha pedra encantada.

 Veunolo contar Isabel, a mamá de Eva, e a ela contáronllo os seus avós cando era unha meniña.

 A pedra ten uns buraquiños na súa superficie nos que, segundo din, unha galiña puxo uns ovos de ouro. Nos tempos de antes, a pedra e a galiña dábanlle moito medo á xente. Sobre todo á xente que tiña que moer no muíño do río toda a noite. Dis que vían cousas estranas !

 Tamén Isabel papou moito medo unha tardiña na que foi lavar unhas prendas ó río. Tiña doce anos. E cando estaba alí cerca da pedra... viu a galiña!!. Talmente era a galiña máxica, coas súas plumas amarelas. Chegou correndo a casa, co medo no corpo !

 Só se puido tranquilizar cando lle contaron que a unha veciña enfermáralle unha galiña e a deixara ceiba pola beira do río.

 Todos nos queremos ir á casa de Eva para que a súa nai nos ensine a pedra encantada e quizais poidamos ver algunha galiña !

Iván, Lía, Eva, Joel, Alex, Tania, Laura, Yaiza, Desi, Irene e Sol

LA VOZ DE GALICIA

" A páxina ( web ) do Colexio Rural  Agrupado de Rianxo tamén ofrece enlaces a outras páxinas con información interesante para os pais, como poden ser as axudas por fillos menores de tres anos. Ademais cabe destacar a colaboración existente entre os alumnos na actualización de contidos e outras informacións de interese, comentando as actividades que realizan ou as fotos que os seus docentes colgan en Internet ".

La Voz de Galicia. 23/ 4/ 08

GUSTANOS  QUE FALEN DE   NOS NO PERIODICO.Joel

CANDO  ESCRIBIMOS    NOTICIAS NO PORTAL NOS TAMEN SOMOS PERIODISTAS .Laura

SE QUEREDES OS PERIODISTAS DO PERIODICO PODEDES VIR A ESCOLA E FALAMOS.Desi

TAMEN NOS PODEDES ESCRIBIR EN INTERNET.Irene.

Grazas a Rosa por traernos o recorte da prensa coa noticia!

 

NÓS TAMÉN FACEMOS POEMAS

    Miña naiciña!, hoxe ao chegar á escola tiñamos unha mesa cheíña de libros de Antonio García Teijeiro. (Xa vos poñerei a foto para que a vexades; hoxe non podo porque me quedou a máquina na escola).

     Sabedes? Había un libro titulado "Aloumiños", que tiña un poema que lle dedicamos a Borja , porque era como unha canción de berce e é que Borja está moi contento porque hai uns días enterouse de que vai ter un irmanciño; tamén llo adicamos a Pedro porque xa a ten, e a todos e a todas nós porque ainda que non teñamos irmáns pequenos tamén  nos gustan os bebés.

"DURME, MENIÑO FERMOSO

QUE TE ESTÁ CHAMANDO O SONO

DURMETE, MEU QUERIDIÑO

PECHA TRANQUILO OS TEUS OLLOS.

DURME, LUCEIRO DA ALBA

QUE O TEU PAI CHEGA DO MAR.

DÚRMETE, MEU QUERIDIÑO.

¡HAILLE QUE DAR DE CEAR!

Había outro libro titulado "Trazos, trozos e retrincos", que tiña trabalinguas moi difíciles de pronunciar. Hai que practicar moito para que saian, pero son moi divertidos.

     En fin, de todos eles limos ao longo destes días alomenos un poema e claro, xa imos tomando carrreiriña e os poemas vánnos saíndo axiña.

     Velaí, collendo prestados os primeiros versos das cinco estrofas  do poema de "AS CATRO ESTACIÓNS" fomos  armando un poema de moita risa.

Aquí o tendes :

TRÚA DÚA TRIPE TRAPO

POLA RÚA

ANDA UN GATO.

TERA PERA SERA LERA

VAI COMENDO

UNHA PERA.

TAN TARANTÁN TARANTÁN

VAI DETRÁS

O CAPITÁN.

TON TORONTÓN TORONTONO

VAI TAMÉN

O TÍO MANOLO.

TERNO CUTERNO TERNÓN

LEVA POSTO

UN CAMISÓN (ou tamén)

UN MANDILÓN.

    Que vos parece.? Probade vós a facer outra. Seguro que García Teijeiro estará encantado de prestarnos os seus versos para que xoguemos con eles.

     Acordádevos de Frederick?, das cousas que levaba para a súa casiña para cando chegaran os fríos días do inverno?

     Pois Carlota dixo:

   "EU LEVARÍA PARA MIÑA CASIÑA

       O OLOR DAS FLORES BRANQUIÑAS". 

  E noutro momento, facendo un debuxo do conto que hoxe saíu votado "OS TRES PORQUIÑOS", nos enganchamos con esa palabra tan difícil TRES e cando eu estaba dicindo que se en lugar do E levara un A diría    TRAS, e se levara un I, diría TRIS. Entón Carlota, que hoxe se sentía chea de ideas, con moita vivacidade interrompe e di : "XA SEI PROFE, XA SEI FACER OUTRA POESÍA".

- A ver.

- Mira :

TRAS

TRES

TRIS

TROS

TRUS

AZOUTIÑAS

NOS TEUS CUS.

En fin, como vedes, a poesía revoa por todas partes e fai a súa aparición onde menos o esperas.

     Só lamentar que unha vez máis non puidemos ver os traballos e as recomendacións poéticas que nos fan os nenos e nenas de Cruceiro porque na nosa escola seguimos tendo problemas no acceso a Internet, así que as familias que teñan acceso na casa ou posibilidades de acceder na casa dalgún amigo ou familiar facédeo en compañía dos nenos porque é bonito ver os traballos que se fan nas outras escolas así como ler os comentarios que nos fan aos nosos.

     Non vos esquezades de ler moita poesía e de visitar á biblioteca o sábado.

A PIZARRA DIXITAL

PABLO E LORENA AXUDARONNOS A TRABALLAR COA PIZARRA.

LORENA E MOI DIVERTIDA.

GUSTOUNOS MOITO.

DESI, IRENE E IVAN. 4 e 5 anos.

SAÍDA Á RIANXO

OS NENOS DE CRUCEIRO MAÑA IMOS A RIANXO.Laura.5 anos.

IMOS A BIBLIOTECA E O MUSEO DO MAR. Irene. 4 anos

NA ESCOLA ESTAMOS INVESTIGANDO OS OFICIOS.Tania.5 anos

O MEU AVO VEU A ESCOLA A CONTARNOS A HISTORIA DE CANDO ERA PEQUENO. Eva.5 anos.

ESTAMOS COMPARANDO OS 0FICIOS DE ANTES E DE AGORA. Alex.5 anos.

MAÑAN IMOS SEGUIR INVESTIGANDO. Joel.5 anos.

XA VOS CONTAREMOS MAIS OUTRO DIA. Lia. 5 anos

 

O estudo dos oficios desenvolvido na aula o curso pasado complementouse este ano realizando unha recompilación máis exhaustiva de datos relacionados cos oficios dos pais e nais.

A visita dun avó nos ofreceu ademáis un novo tema de investigación. Ó contarnos como era a vida en Rianxo e Taragoña cando él era novo, decatámonos de que moitos dos oficios que teñen os nosos pais non existían daquela, e outros que eran frecuentes naqueles tempos case desapareceron na actualidade.( CHE, GRAZAS POLA TÚA CONVERSA ).

Estivemos tamén a ver imaxes antigas de Rianxo e descubrimos distintos aspectos da vida na vila fai 50 ou 60 anos.

A visita ó Museo do Mar aportounos aínda máis información sobre como se realizaban distintos oficios relacionados co mar.

Sol Beiroa.

A HISTORIA DE PACO PACOLO

XESTACIÓN DUNHA HISTORIA DE MONECAS DE MILLO

Iniciado o curso 07-08, a aula de 5-4 anos da escola de Cruceiro empeza a recoller as aportacións que van realizando os pais e que nos van permitir manter longas conversas e lembrar e aprender tantas cousas.

Á escola van chegando uvas, castañas, ourizos, figos,... e unha boa variedade de mazarocas de millo.

Nunha das conversas mantidas en torno ó millo, lembramos o divertido xogo de levantar castelos cos carozos, que tanto nos gustou aprender dos avós o curso pasado, e volvemos falar das monecas que tamén antigamente se lles facían ós pequenos da casa aproveitando a mazaroca, as barbas e o casulo do millo.

O interese dos nenos da aula é enorme, de tal xeito que queren ter unha moneca para eles ( o curso pasado, 4-3 anos, o tema sen embargo pasara case desapercibido ). Aproveitando as barbas e o casulo dunha mazaroca, improvisamos unha moneca, arrolámola no noso colo ( “ a miña nena pequena, heina de levar á escola...” ) e comprometémonos a preguntarlle ás avoas se de pequenas elas tamén xogaban coas monecas de millo e se saberían facer unha para nós.

Ó longo de varios días sorprendémonos, rimos e xogamos con distintos tipos de monecas que nos van facendo as avoas e os papás. E todas as monecas, todas, queren que lle poñamos nome ( María, Carolina, Lucía, Juanita,...) e que as arrolemos con agarimo no colo.

Unha mañá, despois da sesión de biblioteca, pregúntolles ós nenos se queren inventar un conto coas monecas de millo. Non o dubidan, como tampouco dubidan o feito de escoller como protagonista ó único exemplar masculino das monecas : será a historia de Paco.

- Paco...que?

- Paco Papán. Di un neno.

- Non, Paco Papán é o protagonista dun conto que xa existe. Ten que ser outro Paco.

- Paco Pacolo !!

- Ben, e...que lle pasou a Paco Pacolo ?

... E vai xurdindo a historia de Paco Pacolo quen, de tódolos amigos posibles, atopou primeiro a Juanita.

- Meu pai cántame: “ Juanita banana, mexa na cama...”.

E a cantiga que o pai canta entra na historia de Paco Pacolo, como entran algúns dos xogos populares cos que tanto nos divertiamos o curso pasado, e entran a noite e a treboada que nos lembran o seguro que podemos sentirnos na nosa casa, e, como non, entran tódolos colos nos que arrolamos as nosas monecas de millo.

“ E aquí acaba a historia de Paco Pacolo que cando ía para casa ía cantando:

Paco Pacolo, vai para o colo !

Porque a súa mamá ía durmilo no seu coliño ”.

Sol Beiroa.

 

HISTORIA DE PACO PACOLO

Érase unha vez unha mazaroca de millo que se chamaba Paco Pacolo.

Paco Pacolo quería xogar con amigos. Un día atopouse con Juanita e xogaron moito ó " pilla-pilla ", e despois foron dar un paseo. Mentras camiñaban ían cantando :

" Juanita banana,

mexa na cama "

 

Paseando atopáronse con Lucía, que estaba peiteada cunhas trenzas longas. Xogaron ás " escondidas " e despois foron pasear. Mentres camiñaban ían cantando :

" Lucía, Lucía,

mexa de día "

 

Camiñando, atopáronse con María, que estaba peiteada cunhas trenzas máis curtas. Xogaron moito ó " gato que pilla ó rato ". Despois foron pasear e ían cantando :

" María, María,

xoga de día "

 

Atopáronse cunha nova amiga, Carolina, e xogaron moito á " roda-roda ". Cando foron pasear ían cantando:

" Carolina, Carolina,

vai á piscina "

 

Atopáronse con Pepa e xogaron á " pita cega ". Pero a Pepa non lle cantaron nada porque era moi tarde e había que marchar, xa era de noite e empezaba unha treboada.

E aquí acaba a historia de Paco Pacolo que cando ía para casa cantaba:

" Paco Pacolo

vai para o colo "

...porque a súa mamá ía durmilo no seu coliño.

 

Aula de 5 e 4 anos.

 

 

...e se este conto vos gustou non vos perdades...

 

" HISTORIA DE PACO PACOLO. A PELÍCULA "

PRÓXIMAMEMTE NOS MELLORES PORTAIS EDUCATIVOS

Distribuir contido