Skip to Content

Operación Quilo de Nadal 2022

Operación Quilo de Nadal 2022

Como anos anteriores, no CPI de San Sadurniño levaremos a cabo a Operación Quilo de Nadal,campaña de recollida de alimentos destinada a colaborar coa Cociña Económica de Ferrol e con Cáritas Parroquial de San Sadurniño, que terá lugar entre os días 1 e 16 de decembro. Consiste en colaborar traendo un quilo de comida ou mais para axudar á xente que máis o necesita. Para non xuntarnos cos mesmos produtos repartimos por cursos o que poden traer, e sería do seguinte xeito:

  • Infantil: Pasta, legumes, fariña.
  • 1º e 2º Primaria: Cacao, café soluble, azucre.
  • 3º e 4º Primaria: Galletas, cereais, pan raiado.
  • 5º e 6º Primaria: Conservas (peixe, vexetal, froitas), leite, fariña.
  • 1º e 2º ESO: Aceite, vinagre, leite, cereais.
  • 3º ESO: Leite, pan raiado, galletas
  • 4º ESO: Aceite, vinagre, conservas.
  • Profes: Auga (botellín de 330 ml), zumes sin azucre (200 ml), aceite, vinagre, viño branco para cociñar

                                                                                                          

Os produtos depositaránse na entrada dos edificios de Primaria e de Secundaria.

Pedímosvos desde aquí a vosa contribución; estamos ante unha ocasión de achegar o noso gran de area de axuda a aqueles que teñen dificultades para comer cada día.

Esperando a vosa colaboración, recibide un cordial saúdo

 

      “Cun pequeno xesto de cada un, podemos cambiar a difícil realidade doutros”

25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O pasado 25 de novembro celebrouse o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Desde o CPI de San Sadurniño quixemos contribuír á conmemoración desta data, e fixémolo de diferentes formas: realización de poemas e manifestos, elaboración de carteis, creación de retos para descubrir a orixe deste día... Pinchade na imaxe para ver as actividades realizadas!

Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

Votacións ao Consello Escolar

O vindeiro martes 29 de novembro terán lugar as votacións de todos os sectores ao Consello Escolar. O horario para as devanditas votacións no CPI de San Sadurniño é o seguinte:

- Sector do alumnado: de 12 a 12:25 horas.

- Sector do profesorado: de 17:30 a 18:15 horas.

- Sector de nais/pais e titores/as legais: de 10:15 a 11:45 e de 16:00 a 17:00 horas.

 

A continuación, achegamos información de interese para o proceso de elección de candidatos/as do sector de nais, pais e titores/as legais:

  • Poden votar todos os pais, nais e titores/as legais que figuren no censo do centro.
  • Os candidatos/as deste sector son os seguintes:

              - Castrodá Vázquez, Manuel Cristopher

              - Díaz Durán, Ana

              - Vega Pérez, Noelia

  • Para emitir o voto elixirase, como máximo, un candidato/a; polo tanto, na papeleta só se pode marcar un nome.
  • Para a votación é obrigatorio identificarse co DNI.
  • O lugar para a votación é a entrada do edificio de secundaria.

Agardamos a vosa participación.

Candidaturas ao Consello Escolar

No taboleiro da entrada do edificio de Secundaria atópanse publicadas as candidaturas ao Consello Escolar do profesorado, alumnado, persoal de administración e servizos e pais/nais e titores/as legais. Os días 21.11.22 e 22.11.22. estará aberto o prazo de reclamación á proclamación das candidaturas.

Día do Peón

Os ensaios son o máis importante para que o alumnado das tres etapas educativas do CPI de San Sadurniño amose as súas habilidades e destrezas co peón. Un ano máis, o 11 de Novembro, á voz de “Polo San Martiño…peóns ao camiño” bailaretes, peóns e robots bailaron ao mesmo son.

Clica na imaxe e non perdas detalle.

 

Calendario electoral Consello Escolar 22-23

A Xunta Electoral, reunida o 4 de novembro, acordou establecer o seguinte calendario electoral:

DO 4 AO 13 DE NOVEMBRO (ambos os dous inclusive)

- Exposición dos censos electorais de nais/pai/titores legais, profesorado, alumnado e persoal de Administración e Servizos. Durante este período poderanse presentar reclamacións aos mesmos. Os censos estarán expostos no taboleiro de anuncios da entrada do centro no edificio de Educación Secundaria.

DO 7 AO 14 DE NOVEMBRO (ambos os dous inclusive)

- Prazo de presentación de candidaturas ao Consello Escolar. O prazo remata o 14 de novembro de 2022 ás 14 horas.

Son electores e elixibles todos os membros da comunidade escolar. Para a presentación da candidatura e reclamacións ao censo farase un escrito dirixido á directora do centro.

9 DE NOVEMBRO

Sorteo público, ás 12 horas, na dirección do centro, para a designación dos/as integrantes da Mesa Electoral (sectores do profesorado e alumnado) para a votación.

15 DE NOVEMBRO

Reunión da Xunta Electoral na que se procederá á/ao:

- Proclamación das candidaturas, aprobación definitiva de censos electorais e modelos de papeletas.

- Publicación de candidaturas.

- Sorteo público das mesas electorais de nais/pais ou titores/as legais e Persoal de Administración e Servizos. As persoas que resulten designadas nos sorteos para formar parte da Mesa Electoral serán informadas por escrito coa suficiente antelación.

Aos membros das mesas Electorais e os electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas, seralles de aplicación o artigo 117 da Lei 2/2015, do 29 de abril (DOG do 4 de maio) do emprego público de Galicia.

- Apertura do prazo de reclamacións á proclamación das candidaturas (días 21 e 22.11.22.).

29 DE NOVEMBRO

Votacións para todos os sectores. O horario está pendente da decisión da Xunta Electoral e será publicado cando sexa decidido.

Censos electorais

Desde o día 7 de novembro ata o día 13 de novembro de 2022, ambos os dous inclusive, estarán publicados no taboleiro da entrada do edificio da ESO os censos electorais de nais/pais/titores-as legais; profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos do CPI de San Sadurniño. No caso de existir algunha reclamación ao censo, esta debe realizarse durante o período sinalado.

Sorteo para a designación dos membros da Xunta Electoral

O próximo 2 de novembro de 2022 terá lugar, ás 12:00 horas, na dirección do centro, o sorteo público para a designación dos membros da Xunta Electoral.

Instrucións para o pagamento do comedor escolar

O pagamento realizarase entre o 1 e o 20 do mes seguinte ao da prestación do servizo.

A liquidación dos prezos públicos entenderase efectuada para todos os efectos o día 5 de cada mes.

As formas de pagamento serán as seguintes:

  • Pagamento nas entidades autorizadas pola Consellería de Facenda: os centros poñerán a disposición dos suxeitos pagadores os impresos de pagamento. O ingreso das cantidades correspondentes realizarase nas entidades autorizadas. Os pagadores deben conservar os xustificantes do “pagamento para o interesado” e presentar no centro, nos 20 primeiros días de cada mes, os xustificantes de “pagamento para a Administración” debidamente validados.
  • Pagamento a través do Espazo Abalar: os impresos de pagamento atópanse dispoñibles directamente na aplicación. Se se utiliza esta opción, non é necesario presentar xustificante algún no centro educativo.
  • Pagamento a través da Oficina Virtual Tributaria: os pagamentos poden realizarse a través da seguinte ligazón http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/confeccion-impresos de xeito telemático. Débense presentar no centro os xustificantes de pagamento, nos 20 primeiros días de cada mes.

Os incumprimentos no pagamento dos prezos públicos de cada mes impedirán a utilización ao mes seguinte do comedor escolar, mentres non se proceda á oportuna regularización dos pagamentos, para a cal contarase cun prazo máximo de 2 meses.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut