Skip to Content

O Nadal chegou ao Wenceslao

Coincidiremos todos e todas, que unha vez que nos convertemos en pais e nais, vivimos ó
Nadal dun xeito máis parecido ó da nosa infancia, aínda que nunca igual, as lembranzas chegan con
moito sentimento. Compartimos cos nosos fillos e fillas esa ilusión das primeiras veces... as
panxoliñas en familia, a árbore cos seus coloridos adornos e chispeantes luces; o Nacemento coas
figuriñas, o Portal, o musgo, a Estrela de Oriente e o río de papel de aluminio; o turrón cos seus
entrañables anuncios, o canturreo dos nenos e nenas de San Idelfonso atopando o Gordo... os turnos
entre as familias para pasar a Noiteboa nunha casa ou noutra... os atragantamentos cas uvas en Fin
de Ano.... a Cabalgata ca chuvia de caramelos e as rúas cheas de xente moi abrigada; a noite de Reis
chea de nervios e expectación... o Roscón coa súa sorpresiña sen querer dar aínda as festas por
rematadas... A peniña que da quitar a árbore, sinal de que o Nadal alá vai, e hai que retomar de novo
a rutina das presas e as obrigas... en fin... a escalada da ben nomeada costa de xaneiro...

Coma mestra son moi afortunada de ver chegar o Nadal ó colexio, onde o ambiente a finais
de novembro comenza a cambiar, vas polo corredor e podes escoitar a Nuria a de música, a Mila a
de inglés ou a Ana García de 2º A coma nas aulas están ensaiando algunha panxoliña, oense en
varios idiomas que para iso somos un colexio plurilingüe... e lembras unha vez máis o ben que te
sentías cando estabas en EXB cantando cos teus compañeiros e compañeiras todos unidos e unidas
por unha canción que só se escoitaría eses días e despois quedaría gardada ata o próximo Nadal.

Se vas a conserxería, verás a Fernando atarefado entre fotocopias de sumas e restas, con
outras do Rei Baltasar co seu turbante aínda sen colorear. Na sala de profes alguén fala de que xa
estamos en tempo de encargar a lotería e na secretaría a goma eva e os papeis ouro e prata van
minguando...

Xa van uns cantos anos que Susana Vázquez e Isabel López da ANPA, veñen pola tarde a
poñelo Nacemento, este tan bonito que vedes aquí abaixo, que para ninguén pasa desapercibido e
menos para os nenos e nenas que o ollan sen perder detalle e desfrutando do cariño que poñen cada
unha delas colocando cada peza, buscando o que pode facer de montículo, medindo o papel para
tapar o oco que deixa a mesa pola parte de abaixo, sin escatimar co fixo para que non caia a
primeira de cambio, espallando as virutiñas con xeito... para que vexamos un lugar acolledor que
nos conduce a unha humilde corte ca mula e co boi, chea de esperanza e vida.

Nacemento

En Relixión sempre preparamos unha obra de teatro cos alumnos e alumnas de sexto,
empezo con tempo e sempre cada ano fago algunha variación aínda que o argumento nunca cambia,
despois o día da actuación, parece sobre todo unha comedia, porque os nervios fan que actrices e
actores cambien ó guión dando lugar a situacións coma que o Neno Xesús quede esquecido enriba
da megafonía cando debería estar nos brazos da Virxe María ou Melchor termine tropezando ca súa
túnica, dúas tallas mais grandes da que lle correspondería por estatura e a súa coroa caia entre un
público sempre moi agradecido.

O Nadal xa chegou ó Wenceslao...Benvido sexas..



page | by Dr. Radut