Skip to Content

Día internacional contra o Acoso Escolar

Stop Bullying

O 2 de maio celébrase o Día Internacional contra o Acoso Escolar, co obxectivo de concienciar sobre o risco do acoso escolar e o bullying nos nenos/as e xente nova a nivel mundial, así como buscar os mecanismos para evitar este mal, que hoxe, se convertiu nun terrible perigo para a poboación infantil e xuvenil.

QUE É MALTRATAR?

Debes saber que o maltrato entre iguais consiste en que un alumno, unha alumna ou un grupo deles ataca, amola, molesta… a outro compañeiro ou compañeira unha e outra vez, de maneira reiterada, con intención consciente de causarlle dano ou medo, aproveitándose do desequilibrio de forza entre eles e tratando de que as persoas que poden axudar a vítima non se dean de conta. Normalmente, nestes casos de maltrato, a vítima non provoca ao agresor ou agresora, e non pode ou non sabe defenderse, porque se sente débil física e moralmente.

Situación de maltrato

Os casos de maltrato presentan moitas e variadas formas, case sempre combinadas unhas coas outras:

 ● Físico.
 Directo: dar patadas, puñazos, agresións con obxectos…
 Indirecto: agachar cousas, cambialas de sitio, roubalas…

● Verbal:
 Directo: vocear, burlarse, insultar, poñer alcumes…
 Indirecto: falar mal de alguén ás súas costas insistentemente, facer que escoite de “casualidade”, pintadas no encerado, enviarlle cartas ou mensaxes ao móbil…

● Relacional: Son accións encamiñadas a rebaixar a persoa e fomentar a sensación de inseguridade e temor.
 Directo: exclusión deliberada de actividades, impedir a súa participación…
 Indirecto: deixar a vítima soa no patio, facer parellas ou grupos na clase sen contar con esa persoa…

 

MIRA ESTE VÍDEO: “Osynlig, a chica invisible”.

Que lle pasa á chica?

Que tipo de maltrato sofre?

Por que?

Que farías ti para axudala?

Aínda que non saibas sueco, que cres que pon ao final? Investiga a ver se acertaches.

RECORDA…

Trata aos demais como che gustaría que te tratasen a ti



page | by Dr. Radut