Curso 2015/16

Curso 2015/16

O Concello de Monforte convoca unha praza de Técnico Superior en Turismo

Hoxe comeza o prazo para presentar solicitudes para unha praza de persoal laboral temporal que pode resultar de interese do alumnado que teña cursado o Ciclo Superior de Turismo no noso centro.

As bases da convocatoria están colgadas na web municipal e o prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns 18 de xullo:

http://www.monfortedelemos.es/recursos/perfil/BASES_TURISMO.pdf

Para calquera dubida os aspirantes poden chamar o 982402501.

 

Brais, alumno de 1º ESO seleccionado no ESTALMAT

De novo, un alumno do IES Río Cabe foi seleccionado entre os mellores de Galicia para participar os vindeiros dous anos no “Estalmat”- ESTímulo do TALento MATemático

BRAIS RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ é un dos 25 estudantes que conseguiu ser seleccionado este curso no Estalmat, entre os 365 estudantes presentados. Este é un proxecto para a detección e estímulo do talento precoz en Matemáticas do alumnado de 12 e 13 anos da Comunidade Autónoma de Galicia, patrocinado pola Facultade de Matemáticas da USC, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e outros organismos e empresas de España.

 

Brais foi animado a participar no proceso de selección pola súa profesora de Matemáticas Trinidad Álvarez González , quen lle explicou que no programa Estalmat tratan de detectar cada ano un grupo de 25 nenos/as de 12-13 anos con aptitudes ou talento especial para as Matemáticas, estimular as súas actitudes positivas e as habilidades especiais cara as Matemáticas, para desenvolver ao máximo as súas capacidades e ampliar a formación matemática con temas interesantes e motivadores.

Brais, durante os dous próximos cursos, participará en:

  1. Un campamento matemático ao comezo do curso 2016-17.
  2. Sesións de formación matemática: en horario de 10:30 a 14 horas nas mañás dos sábados, que se desenvolven na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

Por último, salientar o mérito que teñen o pai e a nai de Brais Rodríguez Rodríguez, posto que as familias dos estudantes seleccionados deben adquirir o compromiso de levalos e recollelos desde Monforte de Lemos ao lugar onde se realicen as sesións formativas e actividades que, agás excepcións, son na Facultade de Matemáticas en Santiago de Compostela.

Poden obter máis información sobre o programa na seguinte presentación:

 

 

 ¡ Felicidades a Brais por ser un dos 25 alumnos seleccionados de toda Galicia !

Convocatoria curso preparatorio CELGA 4: Prazo de inscrición ata o 8 de setembro.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 16 de xuño de 2016 convoca un total de 30 cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos certificados Celga 2, Celga 3 e Celga 4,  (o Celga 1 impártese en modalidade en liña).

No noso centro impatirase de xeito presencial o curso preparatorio para a obtención do CELGA 4.

Os obxectivos desta actividade son os de garantir á poboación adulta o coñecemento e o dominio da lingua propia de Galicia. O curso impartirase dende o 12 de setembro ata o 2 de novembro do 2016 e contará cunha duración de 70 horas lectivas, distribuídas en sesións de dúas horas diarias (19 a 21 horas de luns a venres). Hai un máximo de 30 prazas e un mínimo de 15, e en caso de que teñamos un maior número de solicitantes que de sitios dispoñibles, a asignación farase por orde de entrada.

Poden inscribirse tódalas persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os cumpran no ano 2016. Os cursos son de balde e as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario formalizado dispoñible no enderezo web sede.xunta.gal modelo ED104B e na páxina http://www.lingua.gal que permite cubrir e editar a solicitude. O prazo de presentación é de 30 días naturais, que se contan a partir do día seguinte ao da publicación no DOG, polo que remata o sábado 16 de xullo.

Unha vez rematado o prazo farase pública, na páxina http://www.lingua.gal, unha resolución provisional coas persoas admitidas e excluídas, xunto coa causa da súa exclusión, e unha listaxe coas persoas en agarda para cada curso e localidade.

No caso de dúbidas, necesitar máis información ou desexar facer a inscrición no noso centro recordamos que a Secretaría permanece aberta en horario de 9 a 14 horas.

Visita do alumnado de 6º de primaria do CEIP Monforte de Lemos

O alumnado de 6º de primaria do CEIP Monforte de Lemos (Colexio Novo) acudiu no día de hoxe ao noso centro para coñecer as instalacións do que para moitos deles será o seu centro de ensino a partires do curso académico 2016/2017.

Dámoslles a benvida e aquí tedes unha foto da súa visita na cafetería, despois de rematar a ruta polas diferentes aulas e instalacións do IES Río Cabe:

Alumnado da ESA - módulos III-IV

Felicitamos ao alumnado da Educación Secundaria de Adultos dos módulos III-IV por ter rematado os seus estudos no noso centro. A continuación podedes ver unha foto do alumnado deste ano cos seus profesores, Xurxo do ámbito social, Patricia e Rosa que imparten o ámbito científico-matemático e Mª Carmen Esperante profesora do ámbito de comunicación.

Desexámoslle moita sorte no seu futuro e os animamos a que continuen formándose no noso centro a través do Bacharelato para persoas adultas.

CONTRATACIÓN DO SERVIZO DA CAFETERÍA PARA O CURSO 2016-2017

Co fin de poder contratar o servizo da cafetería do IES Río Cabe, ábrese un prazo ata as 13:00 horas do xoves 30 de xuño de 2016 para que as persoas interesadas presenten propostas para a prestación do citado servizo.

A documentación administrativa e técnica necesaria a efectos de poder valorar cada unha das ofertas está a disposición dos interesados na secretaría do centro ou nos seguintes links:

Folla de especificacións técnicas

Lista de prezos máximos

As empresas ou persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación:

  • Se a empresa fose persoa xurídica española: copia auténtica ou compulsada do CIF, escritura ou documento de constitución, e no seu caso documentos que acrediten a súa representación.
  • Os empresarios individuais comunicarán o DNI ou documento que, se é o caso, o substitúa regulamentariamente, da persoa titular ou propietaria da empresa segundo se establece no Anexo I, e no seu caso documentos que acrediten a representación.
  • Proposición de oferta económica, ou canon anual (anexo II - Proposición de oferta económica). O canon anual mínimo, que pode ser aumentado pola oferta que realice o licitador, ascende a cantidade de 292 euros/ano.
  • Memoria coa proposta de metodoloxía ou plan de negocio.
  • Persoa ou equipo de traballo asignado a realización do contrato.
  • Melloras propostas. Aportarase relación das melloras ofrecidas no servizo sen custo, que aporten vantaxes ao esixible nas condicións de realización do servizo.
  • Lista de prezos de artigos detallados.

A documentación requerida presentarase, en sobre pechado, na Secretaria do Centro ata as 13:00 horas do día 30 de xuño.

O adxudicatario deberá constituir unha póliza de seguro de responsabilidade civil para a cobertura de posibles danos a terceiros por un importe mínimo de 20.000 euros.

O que se fai público para xeral coñecemento e en cumprimento das instrucións ditadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a contratación do servizo de xestión e explotación da cafetería en centros públicos non universitarios.

 

Normativa que regula a concesión do servizo da cafetería:

Formato PDF - Instrución 4/2016

Nivel 1 - Técnico deportivo en fútbol - Curso 2016/17

Durante o curso escolar 2016/2017 no noso centro impatirase o nivel 1 das ensinanzas especiais de Técnico Deportivo en Fútbol.

Para acceder a estas ensinanzas é necesario superar unha proba específica de acceso, ademáis de ter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente, como no caso doutros ciclos formativos de grao medio.

Podes atopar toda a información sobre esta proba específica das ensinanzas de fútbol nos seguintes links:

Avaliación da condición física primeira parte

Avaliación das habilidades de fútbol e fútbol sala

Ademais o DECRETO 89/2013 fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas deportivas. En concreto, as taxas das probas de acceso ascenden a 34 euros.

Na páxina web da Consellería de Educación tamén poderás atopar resposta ás preguntas máis frecuentes sobre as ensinanzas deportivas:

Relación de preguntas e respostas acerca das Ensinanzas Deportivas

A norma que regula estes estudos é o Decreto 353/2003, do 11 de setembro, polo que se establece o currículo da especialidade deportiva de grao medio correspondente ó título de técnico deportivo en fútbol.

Estes estudos impártense gratuitamente (agás a matrícula, sobre 125 euros) unicamente en tres centros educativos de Galicia: IES Universidade Laboral de Culleredo en A Coruña, IES Sánchez Cantón en Pontevedra e IES Río Cabe en Monforte de Lemos. Tamén podes obter a titulación nalgún centro privado e, desde o curso 2010-11, coa Federación de Fútbol, pero nestas entidades privadas ou na federación non son cursos gratuitos.

Se estás interesado en empezar a cursar estudos para ser entrenador de fútbol podes poñerte en contacto co noso centro enviando un email a ies.rio.cabe@edu.xunta.es ou chamando por teléfono á Secretaría do centro.

As probas de acceso está previsto que se convoquen en breve e superalas son requisito "sine qua non" para poder posteriormente matricularse destas ensinanzas.

Boletín Familiar: A prevención na casa a mellor axuda

No documento adxunto, ou facendo click na imaxe, podedes descargar o Boletín de información para pais/nais/titores legais do mes de Xuño de 2016 elaborado pola Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte de Lemos e o Equipo de Prevención:

Se tedes interés en consultar algún boletín anterior podedes descargar os mesmos a través da páxina do Concello de Monforte. (Área de sanidade, apartado folletos informativos) ou solicitalo na UAD, persoalmente ou a través do Telf. 982 400 495.

Despedimos a Tlaloc Villarreal

Tlaloc Villarreal foi durante o curso escolar 2015/2016 o noso auxiliar de conversa en lingua inglesa. O 31 de maio rematou a súa estadía no noso centro, en Galicia e en España. Volve a Norteamérica despois de tres anos en España traballando como auxiliar de conversa (os dous primeiros en Madrid e este último en Monforte). O profesorado máis o alumnado dámoslle un sentidiño adeus agradecéndolle todo o traballo feito durante estes meses e a súa implicación para que aprendamos a expresarnos mellor en inglés. Decímoslle, como lle gustaba escoitar a Tlaloc, ¡ GRACIÑAS !

Desexámoslle moita sorte no seu futuro e o IES Río Cabe espera poder seguir contando nos vindeiros cursos con auxiliares de conversa como Hannah (curso 2014/15) e Tlaloc.

Na seguinte foto de despedida aparece Tlaloc xunto a coordinadora da sección bilíngue (Maite Carreira) e as profesoras das materias que se imparten en inglés: Eva Dios, Música en 3º ESO e Covadonga Yugueros, Tecnoloxía en 2º ESO.

 

Distribuir contido