Historia

Historia do centro

O Instituto Nacional Mixto foi construído na cidade de Monforte de Lemos no ano 1965. Ata ese momento os mozos e mozas monfortinos remataban o seu bacharelato en institutos de Ourense ou Lugo. O solar no que se enclava, na rúa de San Pedro, foi adquirido por subscrición popular entre os veciños de Monforte durante os anos l963 e 1964, e unha vez recadada a totalidade do seu valor e mercado ós seus propietarios, o Ministerio de Educación e Ciencia iniciou a súa construcción.

O curso 1964-65 foi o primeiro ano do seu funcionamento. Naquel momento tiña unha capacidade para 400 postos escolares. Durante este curso e o seguinte dependeu para o seu funcionamento do Instituto Masculino de Lugo.

O día 1 de outubro de 1967 comezou a funcionar como instituto independente, tendo neste curso unha matrícula oficial de 655 alumnos, dos cales 608 eran de Bacharelato elemental e 47 de 5º curso. Para poder admitir ese número de alumnos oficiais (que exceden en 254 o número dos que podían ser admitidos) habilitáronse tres aulas dentro do propio edificio, pechando dous patios cubertos, e adicando a aula-cociña a aula xeral, privando así ós alumnos de fogar do seu local, e tamén quedando sen lugar onde gorecerse os alumnos en época de choiva. Tamén nos foron cedidos locais no Grupo Nacional Ferroviario e no Grupo Escolar para poder habilitar varias aulas máis.

Neste primeiro ano como Instituto independente tiña unha totalidade de 24 profesores.

No ano 1972 o edificio do instituto ampliouse, ata unha superficie útil edificada de 8000 m2 en total (hoxe son 8.127 m2).

Neste primeiro ano de funcionamento do chamado “Instituto Novo” o curso comezou sen o mobiliario das aulas, de modo que os alumnos víronse obrigados a utilizar como aulas os laboratorios (únicos totalmente rematados) ata a primavera, en que chegaron as novas mesas e sillas e se puideron utilizar as aulas de maneira normal.

A partir deste momento o Instituto xa vai sufrir poucos cambios, e estes serán de índole interna: a biblioteca, instalada nun primeiro momento no piso baixo (actual salón de actos) será trasladada ó segundo piso (anterior aula de debuxo). A aula de debuxo trasladarase á aula-cociña (que queda integrada no departamento de Fogar no segundo piso).

O edificio do instituto goza de dúas entradas ben separadas que nun principio se destinaban a usos diferentes: a entrada principal estaba destinada para uso dos profesores, mentres que a entrada lateral e a súa correspondente escaleira se destinaban a uso do alumnado. Esta situación modificouse nos anos 80 por considerarse discriminatoria e na actualidade uns e outros utilizan a entrada principal, que ten un acceso máis cómodo desde a rúa.

Nestes case 40 anos de funcionamento tamén se modificou o contorno do edificio. Se ó principio estaba enclavado entre campos de trigo nunha rúa a penas urbanizada e con poucos edificios, na proximidade duna factoría pirotécnica (que sufriu unha explosión no verán do ano 69 deixando ó instituto sen cristais nas fiestras que miran ó leste), na actualidade resulta estar inmerso nun conxunto de edificacións que medraron ó seu redor e nunha rúa que sofre un tráfico intenso.

Distribuir contido