Plan Proxecta 2020/2021

Plan Proxecta: Buscando Petróglifos pola Ribeira Sacra

O alumnado de 3º de ESO participou, xunto co seu profesorado que se encargou da parte técnica, na elaboración dun vídeo sobre Petróglifos na Ribeira Sacra. Un fantástico remate ó traballo realizado durante o curso. 

 

Visita ao Encoro de Belesar e Ecomuseo Arxeriz

 

 

O venres pasado os nosos alumnos/as de 3º ESO realizaron unha excursión ao Ecomuseo de Arxeriz e ao embalse de Belesar. Esta actividade enmárcase dentro Plan Proxecta “Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra” no que seguen a traballar. O obxectivo era coñecer un pouquiño máis a Ribeira Sacra… e conseguímolo!! Ao chegar ao Ecomuseo fomos recibidos por Mar e Sonia que nos explicaron como era a vida nesa zona. Moito foi o que aprendemos: o papel tan importante que tiñan as barcas do río, os tipos de barcas, os apeiros usados na pesca, as pontes que había sobre o Miño, os pobos que quedaron mergullados pola construción dos encoros do Miño e do Sil, como era o traballo nas viñas (como se facía a poda ou se daba o sulfato, como se vendimiaba e trasladaba a uva nos culeiros ou cestos), como eran as cubas, para que se usaban os alambiques… e moitas cousas máis. En Arxeriz tamén visitamos o Pazo e o Castro, desde este último puidemos contemplar unhas impresionantes vistas ao meandro do Cabo do Mundo. Despois da visita ao castro, desprazámonos ata Belesar para coñecer o seu encoro. Alí, Mar explicounos cando e como foi construido, como funciona, premios que recibiu, etc. Esta última visita durou moi pouquiño xa que o tempo apremiaba e tiñamos que regresar ao Instituto.

 

Agradecemos a Mar e a Sonia as súas explicacións, pacienca e amabilidade.

Plan Proxecta: Charlas do alumnado

 

O alumnado de 3º ESO A e B segue a traballar no Plan Proxecta “Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra”, que no presente curso estuda os petróglifos que hai nesta zona. A semana pasada tocou explicar o aprendido ás clases de 1º e 2º ESO, 3º de PMAR e tamén aos profesores. Divididos en grupos, os alumnos/as de 3ºESO foron explicando clase por clase distintos aspectos do seu traballo: comezaron falando da Ribeira Sacra, en que ano foi declarada BIC, a importancia que ten para a zona que a finais de xuño principios de xullo deste ano sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO; explicaron que é un petróglifo, cal é súa cronoloxía, as técnicas que se usaron para facelos, posibles significados, formas, onde se atopan… centrándose, sobre todo, no estudo dos petróglifos atopados na zona de Sober. Cada unha das exposicións rematou cun aplauso por parte dos oíntes, e non era para menos xa que, superado o nervosismo inicial, explicaron moi ben.

 

Queremos agradecer aos alumnos/as de 3ºESO o seu esforzo e traballo grazas o cal foi posible realizar esta actividade. E tamén, por suposto, agradecer aos alumnos/as de 1º e 2º ESO, 3º PMAR e profesores pola atención prestada.

 

 Moitas grazas a tod@s!

 

 

Plan Proxecta: Naturézate

 O alumnado de 1º ESO, que participa no Plan Proxecta Naturézate, realizou unha exposición no centro cos carteis que elaboraron eles mesmos coa axuda das súas titoras: Iria Penoucos, Nuria Mariño e Iria Trebolle.
Con estes carteis tratan de reflectir tanto problemas presentes na biodiversidade, como iniciativas de conservación da natureza.
Para que a exposición fora atractiva e reclamara a atención do resto da comunidade educativa do IES Río Cabe, déronlle a apariencia dunha famosa plataforma de contido multimedia que no noso instituto se chama “Naturflix”

 

 

Charla “Gravados rupestres no sur de Lugo”, Plan Proxecta

O pasado venres 26 de marzo, os alumnos/as de 3º ESO tiveron unha charla relacionada co Plan Proxecta no que están traballando (“Buscando petróglifos pola Ribeira Sacra”).

 A convidada foi a arqueóloga e investigadora Begoña González Aguiar, natural de Siós, no concello de Ferreira de Pantón.  È Licenciada en Historia da Arte pola USC; fixo tamén un Máster en Arqueoloxía e, posteriormente, o doutorado na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía. Comezou a estudar os petróglifos das zonas de Pantón e Sober na súa Tesina, estudos que, posteriormente, profundizaría na súa Tese doutoral aínda que agora ampliando o territorio (xa que incorpora, tamén, Antas de Ulla) e investigando, sobre todo, como se facían os gravados nas rochas.

 Foi unha charla do máis interesante na que Begoña nos explicou que son os  petróglifos, de que época son, que técnicas se utilizaban para gravar na rocha (percusión directa ou indirecta, e abrasión por rotación ou por incisión), por que se facían, cal pode ser o seu significado (aínda que nisto os arqueólogos non se poñen moito de acordo), cal é a súa localización, onde podemos atopalos na Ribeira Sacra, etc., e rematamos cunha mini-exposición na que Begoña nos ensinou un petróglifo sobre granito feito por ela, coas pedras de experimentación que usou para gravar a rocha.

 

Moitas grazas Begoña por vir ata o noso centro. Grazas a ti coñecemos e interesámonos un pouquiño máis polos petróglifos da nosa contorna.

Naturézate - Plan Proxecta

Esta semana o alumnado de 1º de ESO comezou a traballar no Plan Proxecta “Naturézate" da man das súas titoras Nuria Mariño, Iria  Penoucos e  Iria Trebolle. 

   Aprenderon que é a biodiversidade e os problemas que existen arredor dela. Ademais, saíron a investigar a biodiversidade do entorno do instituto e pasárono xenial  observando e aprendendo a variedade de plantas e insectos presentes no patio.

 

Os encargados da actividade crearon un blog onde subirán todas as actividades que realicen:

https://naturezatenoriocabe.blogspot.com/

 

Distribuir contido