Brais, alumno de 1º ESO seleccionado no ESTALMAT

De novo, un alumno do IES Río Cabe foi seleccionado entre os mellores de Galicia para participar os vindeiros dous anos no “Estalmat”- ESTímulo do TALento MATemático

BRAIS RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ é un dos 25 estudantes que conseguiu ser seleccionado este curso no Estalmat, entre os 365 estudantes presentados. Este é un proxecto para a detección e estímulo do talento precoz en Matemáticas do alumnado de 12 e 13 anos da Comunidade Autónoma de Galicia, patrocinado pola Facultade de Matemáticas da USC, a Xunta de Galicia, o Ministerio de Economía e outros organismos e empresas de España.

 

Brais foi animado a participar no proceso de selección pola súa profesora de Matemáticas Trinidad Álvarez González , quen lle explicou que no programa Estalmat tratan de detectar cada ano un grupo de 25 nenos/as de 12-13 anos con aptitudes ou talento especial para as Matemáticas, estimular as súas actitudes positivas e as habilidades especiais cara as Matemáticas, para desenvolver ao máximo as súas capacidades e ampliar a formación matemática con temas interesantes e motivadores.

Brais, durante os dous próximos cursos, participará en:

  1. Un campamento matemático ao comezo do curso 2016-17.
  2. Sesións de formación matemática: en horario de 10:30 a 14 horas nas mañás dos sábados, que se desenvolven na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

Por último, salientar o mérito que teñen o pai e a nai de Brais Rodríguez Rodríguez, posto que as familias dos estudantes seleccionados deben adquirir o compromiso de levalos e recollelos desde Monforte de Lemos ao lugar onde se realicen as sesións formativas e actividades que, agás excepcións, son na Facultade de Matemáticas en Santiago de Compostela.

Poden obter máis información sobre o programa na seguinte presentación:

 

 

 ¡ Felicidades a Brais por ser un dos 25 alumnos seleccionados de toda Galicia !