INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN FP

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

Publicada a listaxe definitiva de admisión

no taboleiro do IES Lamas de Abade o día 22-05-2024

 

Normalización Lingüística

O ALQUERQUE DE NOVE

Entre os xogos que teremos o día do entroido para estribillar haberá bolos, zancos e alquerques...

O alquerque é un xogo moi antigo 

 

Xógase con varios fichas e un...

GRAN DICIONARIO XERAIS DA LINGUA

 

 O Equipo de Normalización Lingüística do centro acaba de mercar varios dicionarios para colaborar nos traballos de léxico que están a realizar diferentes departamentos didácticos.

Como recordan os autores do Gran Dicionarios Xerais da Lingua, esta edición é unha obra que recolle arredor de 100.000 entradas, coa transcrición fonética, o étimo e unha actualización das definicións das diferentes acepcións das palabras que nel aparecen.

 

 

 

 

O PAI DE MIGUELIÑO

"O pai de Migueliño"

…..O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados como era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

…..Os americanos xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirao do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas en procura do pai ensoñado.

…..De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato, ou aínda mellor portado, e Migueliño sentiu por el un grande amor, e canto máis se achegaba o americano, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. Ai, o americano pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

…..Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecía por bicalo a fartar.

…..¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o americano pasou de largo e nin tan sequera reparou en que o seguían os ollos angurentos dun neno.

…..Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

…..E cando esculcaba con máis anguria fíxose cargo de que un home estaba abrazando a súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi fraco, metido nun traxe moi frouxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...

…..Aquel si que era o pai de Migueliño.

                                                                                                       Castelao Cousas, 1926-1929

 

 

 

Miguel Castelao dirixe no 1977 unha curta sobre este relato de Castelao.

Podes vela premendo nos enlaces

 http://flocos.tv/curta/o-pai-de-miguelinho/

<iframe name="ifrm" src="http://www.culturagalega.org/avg/produccion_include_simple.php?Cod_prdccn=482&busca=O pai de Migueliño" width="100%" height="500" scrolling="no" frameborder="0">Sentímolo, o teu navegador non soporta marcos.</iframe>

QUEREMOS GALEGO

Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

A lingua constitúe un elemento básico de identidade cultural e representa un valor fundamental de cohesión dunha comunidade. O artigo 3 da Constitución española establece, no seu punto 1, que o castelán é a lingua oficial do Estado, e, no punto 2, que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos, e sinala que a lingua é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5, define o galego como lingua propia de Galicia, que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e que todos teñen o dereito de coñecelos e usalos. Así mesmo, establece que os poderes públicos de Galicia potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, de conformidade coas disposicións precedentes, garante a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e posibilita a incorporación da lingua galega á administración, ao ensino e aos medios públicos de comunicación, favorecendo un cambio de tendencia na súa consideración social e na incorporación do idioma a novas esferas da vida social. O artigo 14 desta lei indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais.

Nesta mesma liña, e desde unha perspectiva máis global, tamén se pronuncia a Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo goberno do Estado español en 2001.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro do 2004, establece como un dos seus obxectivos xerais conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, e dálle prioridade á súa presenza en sectores estratéxicos da sociedade galega.

Para conseguir estes fins, cómpre afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino, sen dúbida un sector fundamental para a implantación de hábitos lingüísticos en galego, e establecer unha nova regulamentación do galego que facilite o seu emprego en todos os niveis e graos non universitarios. Neste sentido, cómpre reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se enmarca cada centro.

Ademais, a realidade social europea en que vivimos, nun contexto de globalización e de mobilidade laboral, sitúanos nun espazo internacional de plurilingüismo. Esta nova realidade esixe un marco educativo que atenda esta necesidade social, posibilitando a capacitación efectiva do alumnado nas dúas linguas oficiais e nunha ou varias linguas estranxeiras.

A mobilidade do estudantado e do profesorado que caracteriza a nosa sociedade non debe constituír un obstáculo para alcanzar os obxectivos descritos, senón que debe ser compatible co mantemento da singularidade cultural de Galicia e da lingua propia no ensino.

O Decreto 124/2007, de 28 de xuño de 2007, orientouse nomeadamente cara á obtención dunha competencia axeitada en lingua galega no ensino obrigatorio, sen o establecemento dun número ou porcentaxe mínima de materias impartidas en lingua castelá, o cal podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía cara a un modelo de inmersión. O Consello Consultivo (ditame 366/07) concluíu que o dito decreto non era conforme a dereito.

En xuño de 2009, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, realizou unha consulta ás familias dos máis de 330 mil alumnos e alumnas matriculados no sistema educativo non universitario, co obxectivo de coñecer directamente a súa opinión sobre distintos aspectos da utilización das linguas na educación de Galicia, opinión que foi tida en onsideración para a elaboración dun novo marco normativo. A súa participación, moi especialmente na Educación Infantil e Primaria, mostrou o interese e implicación das familias nas decisións que atinxen ao sistema educativo para os seus fillos e fillas. E os resultados, presentados en xullo de 2009 pola Administración educativa, puxeron de manifesto a necesidade de revisar o marco legal que regula as linguas como elementos vehiculares do ensino, advertiron da relevancia outorgada á aprendizaxe do inglés, ao lado das dúas linguas oficiais, e da aposta da sociedade galega por unha presenza equitativa das dúas linguas oficiais nun sistema educativo plurilingüe.

Tendo en conta o anterior, é este o momento en que cómpre formular un novo marco normativo para o ensino non universitario que regule a distribución das linguas vehiculares das distintas materias de estudo e que teña como obxectivos o de garantir a competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais e o de acadar a adquisición dun coñecemento efectivo en lingua(s) estranxeira(s).

DISPOSICIÓNS

1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este decreto baséase no marco lingüístico establecido pola Constitución española de 1978 e polo Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981, e desenvolve a Lei de normalización lingüística de 1983 para a súa aplicación en todos os centros docentes sostidos con fondos públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no ámbito da Comunidade autónoma de Galicia.

2. A lingua na Administración educativa

1. Na Administración educativa de Galicia, nos centros de ensino dependentes dela e entre o persoal ao seu servizo promoverase a utilización da lingua galega e fomentarase o seu uso oral e escrito tanto nas relacións mutuas e internas, como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e coas demais entidades públicas e privadas de Galicia, sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do persoal docente.

2. As programacións e outros documentos didácticos das materias de lingua redactaranse, con carácter xeral, na lingua respectiva.

3. Nas actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e anuncios, fomentarase o uso da lingua galega, agás no referido a comunicacións con outras comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, nas que se utilizará o castelán. Ademais dos procedementos iniciados de oficio, tamén se fomentará o uso do galego nos procedementos tramitados por petición dos interesados, sen prexuízo do establecido no artigo 36.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Educación infantil

1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na aula a lingua predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites da etapa ou ciclo. Garantirase que se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante na aula.

2. A lingua predominante do alumnado determinarase preguntándolle a cada familia pola lingua materna do seu fillo ou filla. Esta consulta farase mediante unha pregunta que as familias contestarán durante o proceso de preinscrición.

3. Cada centro educativo deberá facer constar no seu proxecto lingüístico de centro as actividades e estratexias de aprendizaxe empregadas para que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da lingua oficial non predominante.

4. Educación primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato

1. En Educación primaria, ESO e Bacharelato, garantirase a adquisición da competencia lingüística propia da etapa e do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma e potenciarase a adquisición dunha competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s), principalmente en lingua inglesa. Con esa finalidade, establécese que un terzo das horas semanais se oferte en galego e outro terzo en castelán, e prevese que o terzo restante se poida impartir en lingua(s) estranxeira(s).

2. En Educación Primaria, as materias lingüísticas impartiranse na lingua de referencia. Das materias Coñecemento do medio natural, social ecultural e Matemáticas, unha impartirase en galego e outra en castelán segundo a opinión das familias, que será vinculante. Cada centro educativo, a través do seu Consello Escolar, decidirá a lingua en que se impartirá o resto de materias, establecendo un equilibrio nas horas semanais ofertadas en galego, en castelán e en lingua(s) estranxeira(s). En calquera caso, o número de materias ofertadas en galego e en castelán, respectivamente, non será inferior a un terzo do horario lectivo semanal, e non se poderá ofertar un número de materias en lingua(s) estranxeira(s) que supere un terzo do horario lectivo semanal.

De maneira excepcional, os centros educativos que queiran impartir en lingua estranxeira as materias de Matemáticas ou Coñecemento do medio natural, social e cultural deberán aprobalo no Consello Escolar, previa consulta ás familias, e solicitalo á Administración Educativa, que examinará cada solicitude e autorizará a súa impartición. Será preceptivo que o centro educativo presente un horario semanal equilibrado de materias impartidas en galego, castelán e lingua(s) estranxeira(s). 3. En Educación Secundaria Obrigatoria, as materias lingüísticas impartiranse na lingua de referencia, e as familias decidirán en que lingua oficial se imparten as materias de

Matemáticas e Ciencias Sociais, opinión que será vinculante. Cada centro educativo, a través do seu Consello Escolar, decidirá a lingua en que se impartirá o resto de materias, establecendo un equilibrio nas horas semanais ofertadas en galego, en castelán e en lingua(s) estranxeira(s). En calquera caso, o número de materias ofertadas en galego e en castelán, respectivamente, non será inferior a un terzo do horario lectivo semanal, e non se poderá ofertar un número de materias en lingua(s) estranxeira(s) que supere un terzo do horario lectivo semanal. De maneira excepcional, os centros educativos que queiran impartir en lingua estranxeira as materias de Matemáticas ou Ciencias Sociais deberán aprobalo no Consello Escolar, previa consulta ás familias, e solicitalo á Administración Educativa, que examinará cada solicitude e autorizará a súa impartición. Será preceptivo que o centro educativo presente un horario semanal equilibrado de materias impartidas en galego, castelán e lingua(s) estranxeira(s).

4. En Bacharelato, cada centro educativo aprobará unha oferta equilibrada de materias comúns, de modalidade e optativas para impartir en galego, en castelán e en lingua(s) estranxeira(s).

5. Formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas

1. Na formación profesional específica, nas ensinanzas artísticas e nas deportivas, de grao medio ou superior, cada centro educativo garantirá que o desenvolvemento das ensinanzas asegure que o alumnado alcance a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas oficiais.

2. En todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en galego.

3. Desenvolveranse as habilidades de comunicación oral e escrita para facilitar o desempeño laboral no espazo europeo.

6. Ensinanzas de persoas adultas

1. Nos niveis de ensinanzas de persoas adultas, cada centro educativo garantirá que o desenvolvemento das ensinanzas asegure que o alumnado alcance a competencia lingüística propia do nivel en ambas linguas oficiais.

2. Establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galicia, que prevexa formación lingüística, coñecementos históricos e socioculturais.

7. Horarios e utilización das linguas

1. Nas ensinanzas de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, asignaráselle globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá.

2. Nas clases de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá, usarase, respectivamente, o galego e o castelán, tanto por parte do profesorado como por parte do alumnado.

3. En todas as áreas, materias ou módulos impartidos en galego ou castelán o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia.

8. Elaboración e publicación de materiais curriculares

1. Os libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia. A Administración educativa promoverá a elaboración de materiais na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeira(s).

2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos sinalados no parágrafo anterior, terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a consellería competente en materia de educación fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

9. Proxecto lingüístico de centro

1. Cada centro, dentro do seu proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico, no cal se fará constar:

a) A decisión do centro educativo respecto das materias e das horas semanais que se imparten en galego, en castelán e en lingua(s) estranxeira(s).

b) O resultado da consulta ás familias para coñecer a súa opinión respecto da lingua de impartición das materias.

c) A dispoñibilidade do profesorado do centro para impartir materias en lingua(s) estranxeira(s).

d) As medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan.

e) Os obxectivos xerais e as liñas de actuación deseñadas polo centro para o fomento da lingua galega.

f) Nos centros que imparten formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, faranse constar os procedementos que aseguren que o alumnado acade a competencia lingüística propia do nivel en ambas as dúas linguas oficiais.

2. O proxecto lingüístico formará parte do proxecto educativo do centro.

Será redactado por unha comisión do profesorado do centro, nomeada polo equipo directivo e oída a comisión de coordinación pedagóxica. Formarán parte dela, como mínimo, os directores/as dos departamentos de linguas e o coordinador(a) do equipo de dinamización da lingua galega. Será aprobado e avaliado polo Consello Escolar do centro educativo.

3. Este proxecto remitiráselles, cada catro anos, aos servizos da inspección, que velarán para que o seu contido se axuste a este decreto e ao desenvolvemento da LOE. Co fin de reparar as eivas detectadas, adoptaranse as medidas que permitan dispor dos medios materiais e persoais precisos para corrixilas.

4. Anualmente, elaborarase unha addenda do proxecto lingüístico na que conste:

1. Nos centros que imparten Educación Infantil, os resultados da consulta ás familias para obter información sobre a lingua materna do alumnado, e as actividades e estratexias de aprendizaxe para que o alumando adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da lingua oficial non predominante.

2. En todos os centros, información e valoración dos programas e actividades para o fomento e dinamización da lingua galega realizadas polo centro educativo no curso anterior e información do que se vai desenvolver no curso seguinte.

5. Sen prexuízo do previsto na epígrafe 4 deste artigo, a Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística previa de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia, como establece o artigo 14.3º da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

10. Equipos de dinamización da lingua galega

1. Para potenciar o uso da lingua galega nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria constituirase un equipo de dinamización da lingua galega, nomeado e supervisado pola dirección do centro, e formado por profesorado, representantes das familias, representantes do alumnado (agás no ensino infantil e primario), e persoal non docente.

2. O coordinador ou coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega terá os mesmos dereitos dministrativos e económicos cás xefaturas dos departamentos didácticos.

3. A composición do equipo de dinamización da lingua galega para cada tipo de centro, as súas competencias, e o nomeamento, cesamento e competencias do seu coordinador serán establecidas nos regulamentos orgánicos dos centros educativos. Na constitución destes órganos tenderase a unha composición equilibrada de mulleres e homes.

4. Os equipos de dinamización da lingua galega terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

6. A consellería competente en materia de educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coordinará o labor dos equipos de dinamización da lingua galega e divulgará as experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos.

7. Con esa finalidade coordinadora, constituiranse comisións territoriais. A súa composición e funcións específicas serán determinadas pola consellería competente en materia de educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo coas directrices da política lingüística da Xunta de Galicia.

11. Plan de formación

1. A consellería competente en materia de educación desenvolverá un plan de formación, coa colaboración, se é o caso, doutras institucións, que garanta que todo o persoal dos centros educativos de Galicia e dos servizos de apoio cuxo persoal dependa da consellería teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego e un coñecemento da situación sociolingüística de Galicia.

2. Tamén se desenvolverá anualmente un plan de formación en linguas estranxeiras coa finalidade de aumentar progresivamente a dispoñibilidade de profesorado con capacitación efectiva para a impartición de materias e de contidos en lingua(s) estranxeira(s).

12. Formación dos funcionarios e funcionarias en prácticas

O persoal seleccionado nos procedementos selectivos de ingreso nos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, realizará durante a fase de prácticas un curso de formación específico de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos, que lle permita desenvolver correctamente en galego as súas funcións e tarefas.

13. Concurso de traslados

Para poder participar no concurso xeral de traslados a prazas en que é preceptivo impartir o ensino en lingua galega, o profesorado terá que acreditar a capacitación nesta, para o cal deberá estar en posesión da Certificación da Lingua Galega (CELGA) correspondente, da súa validación ou de títulos equivalentes.

14. Exención da cualificación das probas de lingua galega

1. O alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro, poderá obter unha exención temporal da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante un máximo de tres cursos académicos.

2. A exención suporá a consignación de “exento” no libro de cualificacións e mais no expediente do alumnado.

3. O alumno ou a alumna terá que asistir ás aulas como medio de integración lingüística e coa finalidade de que co seu esforzo persoal, con materiais didácticos específicos e cunha axuda continua do seu profesorado, poida, ao remate do prazo da exención, ter un dominio adecuado da lingua galega e seguir as ensinanzas propias do nivel en que estea ou vaia matricularse en igualdade de condicións ca os demais compañeiros/as de clase.

4. O incumprimento por parte do alumno do establecido no punto anterior determinará, logo dos informes pertinentes e oído o interesado e, se é o caso, pai, nai ou titores legais, a revogación da exención.

5. Tanto a revogación como a denegación da exención producirán como efecto a obriga para o alumnado de ser cualificado nas avaliacións parciais ao final do curso en que se atopa.

6. No respectivo libro de escolaridade e mais no expediente do alumnado farase constar a exención concedida e, se é o caso, a posible revogación e a conseguinte cualificación.

15. Solicitudes de exención

1. A exención solicitarase para cada ano académico de permanencia na Comunidade autónoma de Galicia e os seus efectos limitaranse ao citado ano, sen que se poidan conceder máis de tres anos consecutivos, conforme o previsto no artigo anterior deste decreto.

2. As solicitudes de exencións dirixiranse ás direccións dos centros. Os centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resolverán sobre a súa concesión ou denegación no prazo máximo de dez días hábiles, contados a partir da presentación da documentación completa. No caso dos centros privados e privados concertados, a resolución correspóndelle á dirección dos centros públicos á que estean adscritos.

3. A resolución da dirección do centro docente público poderá ser impugnada mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o xefe territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

16. Alumnado anterior á incorporación da lingua galega ao sistema educativo

O alumnado que cursase estudos en Galicia con anterioridade á incorporación da lingua galega ao sistema educativo e que queira proseguilos terá a obriga de cursar esta materia e será cualificado a partir do curso en que retome os seus estudos.

17. Inspección

Os servizos de inspección velarán para que en todos os centros educativos se cumpra a normativa vixente sobre normalización lingüística e proporanlles, se é o caso, ás xefaturas territoriais competentes a adopción das medidas correctoras que sexan necesarias no caso de incumprimento, sen prexuízo das responsabilidades as que houbese lugar.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

Primeira. Procedemento para determinar a lingua de impartición das materias

 Será preceptiva a realización dunha consulta ás familias para que cada centro educativo coñeza a súa opinión respecto da lingua de impartición das materias (en galego, en castelán ou en lingua estranxeira) en Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. As familias expresarán a opinión a través dun cuestionario de preguntas que cada centro educativo lles enviará durante o procedecemento de matriculación ou na reserva de prazas. Unha vez coñecida a opinión das familias, o Consello Escolar de cada centro debaterá e aprobará a asignación lingüística das materias. Este proceso farase cada catro cursos escolares.

O procedemento para determinar a lingua de impartición das materias desenvolverase mediante unha orde posterior á aprobación deste Decreto.

Segunda. Avaliación do grao de competencia nas linguas oficiais

A consellería competente en materia de educación establecerá un procedemento de avaliación do nivel de competencia nas dúas linguas oficiais en Educación Primaria e en Educación Secundaria Obrigatoria, como garantía da consecución progresiva da competencia semellante en ambas as linguas.

Terceira

Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, o Goberno de Galicia avaliará os resultados de aplicación deste decreto, e desenvolverá regulamentariamente cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos, co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Cuarta

Para a adquisición de competencias nas linguas estranxeiras entre o profesorado, a Administración educativa valorará a adquisición da dita formación no desenvolvemento da carreira docente.

Disposición transitoria 1ª

Na medida en que os centros educativos non dispoñan dos recursos humanos que lles permitan ofertar as horas semanais en lingua(s) estranxeira(s, estas impartiranse en galego ou castelán, escoitando a opinión das familias e aprobando no Consello Escolar unha asignación lingüística que asegure o máximo equilibrio na distribución de horas semanais nas dúas linguas oficiais.

Disposición transitoria 2ª

Os “equipos de normalización e dinamización lingüística” dos centros educativos, creados ao abeiro do artigo 18º do Decreto 124/2007, pasan a denominarse “equipos de dinamización da lingua galega”.

As leis en galego

O servizo de asesoramento lingüístico do colexio compostelán de avogados achega novos recursos para a dinamización do galego no ámbito do Dereito.

 VIEIROS 04/01/2010

Lexislación de ámbito galego e estatal e en breve escolma de xurisprudencia no ámbito lingüístico, son algúns dos contidos que poden navegarse de xeito directo desde o espazo "As leis en galego", fornecido polo servizo de asesoramento lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago. Especial interese terán os apartados específicos nos que traballa na actualidade o colexio, e que fará peneira de textos normativos de fondo lingüístico e resolucións de todo tipo que afecten dalgún xeito ao tratamento ou uso da lingua. Con esa fin, desenvolveron xa un acordo específico co propio Centro de Documentación Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial para botar man da súa base de datos xurisprudencial.

Ao tempo, destaca tamén o apartado de Formularios procesuais en lingua galega. Trátase dunha iniciativa xurdida en 2008 grazas ao apoio desinteresado de varios profesionais da avogacía que, de xeito colaborativo, contribúen a favorecer o uso do galego neste ámbito profesional. A través deste servizo achéganse demandas e outros escritos extraídos da práctica real de diferentes despachos de avogados do país e, desde o servizo de asesoramento do colexio, salientan ademais a renovación en canto ao estilo e o formato do seu plano lingüístico. "Agardamos que sirva de estímulo para seguir normalizando o uso da lingua nos xulgados galegos", apuntan. Neste sentido, destacan a xeito de exemplo a solicitude específica na que se pide que o procedemento e notificacións se fagan en lingua galega coa fundamentación legal que protexe este dereito:

Ao abeiro do artigo 3 e 3.2 da Constitución española; do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia; do artigo 231.3 da Lei orgánica do poder xudicial e dos artigos 1, 2, 6.3 e 7.2 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística de Galicia, manifesto o meu desexo de utilizar nestas actuacións a lingua galega e de que as notificacións que se efectúen en relación co arriba indicado sexan igualmente en lingua galega.

 Podes atopar as leis en galego premendo neste enlace. http://www.icasantiago.org/sal/lexislacion.html

A Axencia Europea para as Linguas Minorizadas censura a política lingüística da Xunta

A Axencia Europea para as Linguas Minorizadas censura a política lingüística da Xunta

Pide ao Goberno que poña fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego 

Vieiros 27/11/2009 

"As medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado Español". Así o entende a Axencia Europea para as Linguas Minorizadas (EBLUL), quen instou á Xunta a que poña fin á súa "política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega".

O EBLUL, promovido polo Parlamento Europeo e que ten rango de entidade consultiva desta institución, do Consello de Europa e da ONU, alerta contra o "incumprimento dos tratados itnernacionais sobre dereitos lingüísticos" e asegura que, se o Goberno non rectifica, trasladarán a situación aos diferentes foros internacionais nos que se encontra presente.

Extracto do texto da Resolución do EBLUL:

1)Animamos o Goberno galego a que desenvolva unha política lingüística de promoción e extensión social da lingua propia de Galiza, pondo fin ás iniciativas que tomou nos últimos meses en contra do idioma galego nos diferentes ámbitos.

2)Informamos á Xunta de Galiza de que as medidas adoptadas contra a lingua galega desde o pasado mes de abril supoñen unha vulneración de tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos subscritos polo Estado español, como o Pacto internacional de dereitos civís e políticos ou a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias.
 Neste sentido, resulta de especial gravidade que o Goberno galego non tivese en conta o último informe que o Comité de Expertos do Consello de Europa emitiu hai apenas uns meses sobre a situación lingüística de Galiza. Non é só que non se puxese en marcha ningunha das medidas recomendadas para dar cumprimento á Carta europea, senón que se desmantelaron algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa, como as Galescolas, que era a única rede de ensino infantil que contemplaba con normalidade o uso do galego en cancións e xogos.

 3)Se a Xunta continuar coa súa política de desprotección dos dereitos da comunidade lingüística galega e de incumprimento dos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos, desde o Comité de Estado do EBLUL trasladaremos esta situación aos diferentes foros internacionais en que se encontra presente.


Podes ler a nova no xornal dixital premendo http://www.vieiros.com/nova/77397/a-axencia-europea-para-as-linguas-minorizadas-censura-a-politica-linguistica-da-xunta

Proposta institucional do Consello da Cultura sobre a Lingua Galega ao Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2009.- O Consello da Cultura Galega deu a coñecer hoxe unha ”Proposta institucional sobre a Lingua Galega ao Parlamento de Galicia”, aprobada polo Plenario da institución. O documento foi presentado nunha rolda de prensa polo presidente, Ramón Villares, o secretario, Henrique Monteagudo, e o coordinador da Seccción de Lingua, Literatura e Comunicación, Víctor Freixanes. Pouco antes Ramón Villares fixera entrega da proposta á Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e remitira tamén o documento aos grupos parlamentarios. O CCG propón  ao Parlamento que promovoa “a constitución dunha Comisiòn Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística”.

 

Podes ler a proposta premendo no ficheiro adxunto

SER LINGUA NON É FACIL

19/11/2009 16:59
27/11/2009 16:59
Etc/GMT


 

 

Ser lingua non é facil é unha exposición sobre as lingua minorizadas ao longo da historia e do espazo que fixo o Equipo de Normalización Lingüística da EOI de Ourense e que ao longo deste mes podes visitar no salón de actos do centro.

 

  Na páxina de Valetim podes ler este comentario do propio autor e outras cousas máis:  

Esta campanha foi realizada em 2007, no seio da “Servizo de Normalización Lingüística” que coordenava  Valentim Rodriguez Fagim na EOI de Ourense. A ideia força era mostrar as línguas como um produto condicionado socialmente e não como muitas vezes é visto: um produto acabado e até etéreo, para além do humano.

As línguas selecionadas eram as que se lecionavam na minha escola, além do neerlandês e o castelhano. O objetivo era mostrar como todas elas, hoje línguas nacionais de vários países, passaram por momentos delicados que bem puderam gorar a sua existência caso do inglês durante o período normando. Noutras casos mostrava como alguma das suas variedades estão a sofrer uma situação embaraçosa, caso do espanhol em Porto Rico.

São ao todo 8 painéis que recolhem discursos autênticos alguns tão chocantes como este:

“If someone doesn’t speak French, he is not taken into consideration…
I think that there is no country in the world that is not attached to its own language, with the exception of Britain”

Se alguém não sabe francês não é tomado em consideração …

Eu creio que não existe nenhum país no mundo que não adira à própria língua, a excepção do de…

Podes visionar aqui: http://www.agal-gz.org/modules.php?name=News&file=article&sid=4161

 

 

 

 

 

 

 

 

MAGOSTO 2009

O venres, 6 de novembro, celebramos no centro o magosto, castañas asadas, xogos populares, cabazas e un concurso gastronómico organizados polo alumnado de cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato. Podes ver as fotos na galería de fotos da páxiña do centro premendo no enlace http://www.edu.xunta.gal/centros/ieslamasabade/galeria/thumbnails.php?album=32 

 

Asando nas castañas

 

Temos todo preparado

 

Tamén estou preparado eu, e a tortilla, e a tarta, e ... os melindros, onde van os melindros?

 

Primeiro premio de cabazas 

 

Primeiro premio de tartas

 

Tarta premiada

 

Primeiro premio de tortillas

 

Tortilla premiada

 

Melindros, ricos, ricos

 

 

 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer