Matemáticas

Club de ciencia e Meteoescolas: crónica da actividade de iniciación á astronomía

O pasado 31 de xaneiro tivo lugar un obradoiro de iniciación á astronomía no IES Francisco Aguiar, organizado conxuntamente entre o profesorado do Club de Ciencia e do Proxecto MeteoEscolas. A súa posta en práctica tivo dúas fases diferenciadas: a primeira, na aula de informática, na que o alumnado aprendeu a evolución do concepto de gravidade desde a antiga Grecia até a actualidade; repasáronse os principais movementos da Terra para despois aprender a orientarse, guiándonos polo Sol durante o día e polos demais astros pola noite. Aprendemos, tamén, a situar as principais constelacións do ceo de inverno. A segunda parte do obradoiro consistiu nunha observación no patio do instituto, facendo uso dun telescopio e duns prismáticos prestados polo departamento de Bioloxía e Xeoloxía. Así, puidemos ver os cráteres da Lúa aproveitando o cuarto crecente que había ese día, enfocamos cara a Xúpiter e vimos as catro lúas galileanas, tal e como as descubriu Galileo no século XVII. Ademais, aprendimos a orientarnos situando a estrela polar e o resto de constelacións circunpolares.

 

 

 

Iniciando as actividades do Programa Meteoescolas

O pasado 6 de febreiro comezamos a toma de datos na estación meteorolóxica do IES Francisco Aguiar. A estación meteorolóxica dispón dun termómetro que nos permite recoller a temperatura máxima e mínima. Así mesmo, a estación conta tamén cun pluviómetro, que fai posible coñecer a cantidade de precipitacións. Cada semana, un grupo distinto encárgase no primeiro recreo de reunir os datos e deixalos apuntados nunha folla de rexistro. 

Ademais, xa temos en funcionamento o taboleiro de Meteoescolas, situado no corredor da entrada do centro, onde poñemos as actividades relativas ó proxecto e información interesante relativa á meteoroloxía. 

 


Obradoiro de iniciación á Astronomía

O pasado martes, 22 de marzo, tivo lugar unha nova sesión do club de ciencia do noso instituto, desta volta un obradoiro de iniciación á Astronomía organizado polo departamento de Matemáticas. Os membros do club aprenderon sobre o proceso de formación de estrelas como o noso Sol, viron fotografías de nebulosas como a de Orión ou da Águia, cúmulos estelares como o das Pléiades e incluso a foto dos restos dunha supernova.

Despois de repasar os principais movementos do noso planeta, incluído o de precesión, que fai que o eixe de rotación da Terra vaia variando, e de familiarizarse con conceptos como o do ano-luz, o alumnado aprendeu a usar o Stellarium, un programa que permite simular un planetario no propio ordenador. Con el, puidemos ver o ceo desa noite e o movemento aparente das estrelas no transcurso das horas. Grazas a Stellarium viaxamos ao futuro para situarnos no 12 de agosto de 2026, o día que poderemos ver desde Betanzos un eclipse total de Sol. Ademais, vimos con detalle os planetas Xúpiter e Saturno, coas súas principais lúas.

Infelizmente, debido á situación meteorolóxica, non fixemos a observación a simple vista planificada no patio do instituto, emprazándonos a outro día no que as condicións atmosféricas sexan apropiadas.

Álbum: Club de Ciencia 21-22 -> Marzo: Iniciación á Astronomía

Fotos do Obradoiro Proxecta+ Meteoescolas Folerpiñas

Da colaboración do departamento de Matemáticas e da profesora de Programación (agora mentora ADIX) saiu este pequeno e acelerado obradoiro no que ata as impresoras 3D foron a toda velocidade.

Qué fixemos, modelar e imprimir folerpiñas programando con Blockscad. Mesmo montamos unha folerpiña xigante doada ao centro por José Luis Lomba González, profesor no CIFP Coroso de Ribeira. Buscamos sitio para este reloxo-folerpa xigante, poderá quedar ben no corredor do departamento de matemáticas?

Álbum: Club de Ciencia 21-22 -> Febreiro: Folerpiñas Meteoescolas Proxecta+

Debuxo dunha folerpa de Koch

No derradeiro club de Ciencia debuxamos un fractal de xeito colectivo, en concreto unha folerpa de Koch (preme na ligazón para máis info na Wikipedia)

"As marabillas sen fondo xorden de regras simples, que se repiten sen fin."

Benoit Mandelbrot (matemático francés)

 

Álbum: Club de Ciencia 2020-21 -> 05_Meteoescolas fractais: Curva de Koch para debuxar unha folerpa

Cal é o día da semana no que máis chove? #enquisa #Meteoescolas

 

As alumnas e alumnos de Matemáticas de 1º ESO estamos a realizar unha enquisa para saber a opinión das familias e do profesorado. 

Necesitamos da vosa colaboración.

É moi sinxeliño: só hai que acceder á ENQUISA e responder a pregunta: cal é para ti o día da semana máis chuvioso?

Moitísimas grazas!

 

Cómo medir la satisfacción del cliente: 5 tips para encuestas de  satisfacción - Sendinblue

 

Entrega de premios da Xincana Matemática. E novo reto!

Esta mañá foron entregados os premios ás alumnas e alumnos participantes da Xincana Matemática, unha actividade organizada polo Club de Ciencias.

Parabéns, rapazas! Ben feito, rapaces!

 

Atréveste co novo reto?

Álbum: Club de Ciencia 2020-21 -> Entrega de premios da Xincana Matemática
Distribuir contido