Lingua Galega
Semana de cine en Galego
Enviado por Lois o Ven, 09/12/2022 - 11:28O día 5 de decembro, o IES do Camiño iniciou a Semana de Cine en Galego. Este evento anúnciase desde hai semanas nos corredores do centro a través duns magníficos carteis creados polo alumnado de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato.
Ademais, elaboráronse uns trípticos que se lle serán entregados a cada alumno/a á entrada da sala de proxección e que conteñen información relativa á sinopse, datos técnicos, crítica de especialistas e espectadores, etc. No folleto hai tamén un espazo en branco para que cada escolar faga a súa propia valoración do filme.
A primeira película que se proxectou é O monstro mariño, unha cinta de animación do estadounidense Chris Willians. Nela, uns épicos cazadores de monstros mariños sucan os mares na busca dos mesmos. Mais unha polisoa intrépida virá cuestionar a dicotomía bos/malos…, e moitas otras cousas.
Continuando coas proxeccións cinematográficas da Semana de Cine en Galego, o alumnado de 3º, 4º ESO e 1º FP Básica viu o mércores Vilamor, unha película na que o seu director (Ignacio Vilar) recrea a historia da comuna hippie que se estableceu na zona da Fonsagrada nos anos 70 (xusto cando remata a ditadura). Un filme moi axeitado para reflexionar sobre cuestións plenamente actuais como o abandono do rural, a preocupación polo medio ambiente, o fenómeno okupa, o compromiso social, etc.
Despois da proxección, haberá, como sempre, cinefórum na clase de Lingua Galega.
Para rematar a Semana de Cine en Galego deste ano, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu o venres 9 á proxección de Elisa e Marcela, un filme de 2019, dirixido pola premiada Isabel Coixet.
Aínda que transcorreron 121 anos desde que estas dúas mestras decidiron vivir o seu amor dun xeito libre (con dolorosas consecuencias para ambas), os insultos, discriminacións e agresións ao colectivo LGTBI están moi vivos na sociedade actual. De aí a necesidade de lembrar a aquelas que loitaron no seu día por un mundo inclusivo, polo pensamento libre e a xustiza igualitaria
Tamén despois de ver esta cinta haberá cinefórum na clase de Lingua para facer unha reflexión colectiva sobre a mesma.
Obradoiro de regueifas
Enviado por Lois o Mér, 16/11/2022 - 13:20O luns 14 de novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO, así como o de 1º de Bacharelato, participou nun obradoiro de regueifas impartido pola artista Lupe Blanco.
Tras unha impactante introdución ‘regueifada’ á historia desta forma da improvisación, a ponente foi guiando ao auditorio polos seus aspectos métricos. A continuación, os alumnos e alumnas convertéronse en regueifeiros/as, elaborando as súas propias coplas, que remataron cantando a viva voz.
Foi unha actividade divertida, creativa e moi dinámica, que gustou moito aos/ás participantes.
Letras Galegas 2022
Enviado por Cristina o Mar, 21/06/2022 - 17:12Este ano adícaselle o Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta refuxiado en México que contribuíu enormemente a manter viva na Galicia exterior a lingua e a cultura galegas, nun intre moi complicado para elas.
Partindo desa condición de exiliado do autor homenaxeado, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística quixo achegarse co alumnado á realidade dos refuxiados/as do século XX e dos nosos días. O resultado é un gran mural histórico e literario que todo o alumnado do centro (gran parte do cal traballou na súa elaboración) está a visitar nestes días finais de curso, con dous obxectivos: reflexionar sobre o drama humano destas persoas e fomentar a empatía con elas.
Día das Letras Galegas 2022
Enviado por Cristina o Xov, 19/05/2022 - 21:31O venres 13 de maio, a creadora artística Fátima Delgado presentou no noso centro o espectáculo Poesía e pulso: os lugares de Florencio.
Foron 60 minutos de poesía e música electrónica. Con eses elementos, Fátima Delgado foi tecendo un relato que nos levou de Córgomo (verdadeiro locus amoenus natal de Florencio Delgado Gurriarán) ao horror da guerra e ao drama do exilio no acolledor México, país que lle había inspirar ao poeta mestizos versos galego-mexicanos. Nesta narración-recitado-dramatización, a saudade tivo un papel protagonista, igual ca o tivo na vida e obra de Florencio Delgado.
Deste xeito, o IES do Camiño celebrou o Día das Letras Galegas 2022, adicado ao insigne Florencio Delgado Gurriarán.
Obradoiro portugués
Enviado por Cristina o Xov, 28/04/2022 - 18:33Este xoves desenvolvéronse no noso centro dous obradoiros de achegamento ao portugués: un para 1º e 2º da ESO, e outro para 3º e 4º da ESO; ambos cunha duración de aproximadamente 90 minutos.
Dun xeito lúdico e visual, o noso alumnado puido descubrir a utilidade do galego para entrar no mundo que se expresa en portugués, o da lusofonía, que tantas posibilidades ofrece en termos xeográficos, culturais e económicos.
A relatora empregou recursos tan atractivos como a música ou imaxes de actualidade para facernos conscientes da nosa proximidade á ortografía e ao léxico do portugués.
Sen dúbida, esta actividade ha contribuír a desbotar prexuízos sobre a traída e levada falta de utilidade da nosa lingua!
Viaxe ao Teatro Principal de Ourense
Enviado por Cristina o Mér, 09/02/2022 - 22:41O grupo de teatro Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, do que forma parte alumnado do IES do Camiño de Palas de Rei, participaron xunto a outros centros educativos na mostra de teatro REVIRACONTOS, celebrada o día 9 de febreiro no Teatro Principal de Ourense.
Samaín 2021
Enviado por Cristina o Lun, 01/11/2021 - 19:19En 4º da ESO celebramos esta festa de orixe celta inseríndoa na propia materia de Literatura Galega.
Xela Arias_Letras Galegas 2021: Infografía
Enviado por Cristina o Lun, 17/05/2021 - 15:36O alumnado de 4º ESO achegouse á figura de Xela Arias indagando na súa vida e obra. Compartimos o traballo de Roi, Ismael e Brais, que tamén nos amosan a súa particular interpretación de tres poemas da autora.
Letras Galegas 21: XELA ARIAS
Enviado por Cristina o Ven, 14/05/2021 - 21:40O IES do Camiño súmase á homenaxe que neste mes das Letras Galegas se lle está a facer a Xela Arias.
Ela dicía que a poesía non hai que entendela, senón sentila. E desde a emoción e o sentimento, o noso alumnado realizou unha manchea de traballos, que imos estruturar en 4 apartados:
1. Creación audiovisual.
- O alumnado de Agrupamento Específico (2º ESO), creou un videopoema. Nel as imaxes da vida de Xela Arias, así como da dos alumnos/as, interrelaciónanse con versos da poeta sarriá.
- Emocionámonos co recitado que as alumnas e os alumnos de 1º FP Básica fixeron de poemas da autora homenaxeada. Podémolo ver nun vídeo cheo de palabras, música e imaxes conmovedoras.
- Temos outro vídeo no que alumnado de 1º e 2º ESO recita e interpreta na lingua de signos un poema de Darío a diario. Unha proposta verdadeiramente inclusiva!
- Os/as alumnos/as de Imaxe e Son (2º Bacharelato) tamén se sumaron á homenaxe. Neste caso, cun vídeo no que, ataviados con roupa negra, recrearon as ilustracións dos poemas de Tigres coma cabalos, libro do que recitan versos nesta montaxe.
2. Mural interactivo.
O alumnado de 1º FP Básica creou un mural no que expresa o que lle transmitiu o poema que Xela Arias adicou en 2002 a Man (o alemán de Camelle), quen morreu de pena días despois de que o Prestige anegara de chapapote o seu mundo. E ese mundo é o que aparece no mencionado mural. Para facelo, empregáronse diversos materiais ( pedra, madeira, teas…), ademais de motores, pilas, etc. Deste xeito, é posible interactuar (pulsando uns botóns) con esta orixinal forma de expansión poética.
3. Cartelería.
Os alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, así como de 1º Bacharelato, traballaron na creación de carteis con versos e imaxes representativas do universo Xela Arias. Fixeron caligramas, tamén poemas iconográficos, e empregaron técnicas como a colaxe.
4. Creacións de deseño gráfico.
Pola súa banda, o alumnado de 4º ESO fixo infografías que explican figurativamente a vida e a obra de Xela Arias.
*O ENDL dá as grazas ao alumnado e profesorado que tanto traballou nesta homenaxe á singular poeta que é Xela Arias.
Nas seguintes publicacións da páxina web podedes ver os traballos do alumnado.
Obradoiro de portugués
Enviado por Cristina o Dom, 25/04/2021 - 22:13O xoves 22 de abril tivemos un "Obradorio de portugués" ao que asistiron os cursos de 2 e 4 ESO e 1 BAC.
- 1
- 2
- 3
- seguinte ›
- última »
