Historia

Visita ao Pazo de Meirás

O pasado 7 de novembro o alumnado de 3º, 4º, 1º BAC (de Hª) e 2ºBAC desprazouse ao Pazo de Meiras, no Concello de Sada. Alí foron recibidos e guiados pola concelleira de Turismo e historiadora da arte, Laura Rodríguez Pena, e por Manuel Pérez Lorenzo, profesor de Historia no IES Isaac Díaz Pardo da mesma vila e coautor do libro "Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio".

 O estudantado de Palas foi dos primeiros en exercer o seu dereito a desfrutar dun ben recentemente recuperado para o pobo, admirando o pazo deseñado e promovido por Emilia Pardo Bazán e coñecendo a historia de cómo o ditador e os seus sucesores tentaron consumar unha apropiación ilexítima e ilegal, tal e como confirmou a recente sentenza xudicial. Ademais, puideron admirar algúns dos bens inmóbeis aínda en litixio entre o interese público e os herdeiros do ditador, como as dúas estatuas provenientes do Pórtico da Gloria.

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Visita ao Pazo de Meirás

Charla de Francisco Rodríguez

O pasado 20 de outubro recibimos no instituto a Francisco Rodríguez co gallo da publicación do segundo tomo da súa última obra, recentemente publicada: “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A segunda metade do século XIV”.

Francisco Rodríguez é catedrático de educación secundaria (foi un dos primeiros profesores de ensino secundario en dar aulas en galego, en plena ditadura), activista cultural, político e escritor, estando entre os seus obxectos de estudo e preocupación tanto a lingua como a historia medieval do noso País.

Na palestra que impartiu, partillou co alumnado de 2º e 3º da ESO diversos aspectos da historia do Reino de Galiza, e trasladou a relevancia que acadou no seu contexto histórico, así como a importancia de recuperarnos a memoria daquel tempo para construírmos o noso futuro.

 

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Charla Francisco Rodríguez

Excursión a Santiago

O xoves 3 de marzo os grupos de 1° e 2° da ESO visitaron Santiago, onde tiveron oportunidade de visitar diversas prazas da cidade vella da capital do País. Posteriormente dirixíronse ao Parlamento, onde realizaron unha visita guiada para coñecer en profundidade esta institución, máxima representación da expresión democrática da vontade do Pobo Galego.

 


Podedes ver algunhas das fotos desta excursión no seguinte enlace:

 

Mapas divertidos

O alumnado de 1º e 2º da ESO, así como o de Xeografía de 2º de Bacharelato, participou no obradoiro de divulgación científico-técnica "Mapas divertidos", promovido polo Departamento de Xeografía da USC en centros de ensino medio de todas as comarcas do País.

Como complemento ás aulas da materia de Xeografía e Historia, o estudantado achegouse á cartografía como instrumento necesario para coñecer, planificar e ordenar do territorio.

Arte en tempos de pandemia

Nesta época convulsa de virus, máscaras, ventilación e distancia, o alumnado de 2º ESO aproveitou a materia de Xeografía e Historia para aproximarse á Historia da Arte.

Así, as e os estudantes levantaron coas súas propias mans cadansúa catedral de papel e afondaron no coñecemento da arquitectura gótica e a arte medieval.

 

 

 catedral

 

"Na foto, a catedral realizada por Maruxa Porto."

Distribuir contido