Orientación
Chicas nuevas 24 horas
Enviado por Lois o Ven, 24/02/2023 - 12:55Desde o día 27 de febreiro e ata o 8 de marzo teremos no centro a exposición "Chicas nuevas 24 horas", que está baseada no documental do mesmo nome da directora e documentalista Mabel Lozano, no que se denuncia o negocio que xera a explotación sexual de mulleres e nenas. Haberá tres actividades didácticas que incluen visita guiada pola exposición, visionado do documental e taller interactivo para 3º ESO, 4º ESO, 1º BAC, e 1º FP Básica. E tamén haberá un pase para ver o documental para o público xeral o martes 7 de marzo ás 17:00 horas.
Esta é unha actividade está promovida polo CIM do concello de Palas de Rei e pola Secretaría Xeral da Igualdade pertencente á Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Quen quera ir abrindo boca aquí ten o trailer do documental: Chicas nuevas 24 horas, de Mabel Lozano - Trailer - YouTube
Excursión Correspondentes Xuvenís
Enviado por Cristina o Mar, 21/06/2022 - 17:22Hoxe, luns 20 de xuño, os e as correspondentes xuvenís foron de excursión, como recoñecemento ao labor desenvolvido ao longo deste curso académico.
Neste día lúdico en Santiago de Compostela aproveitamos para ir ao Cine Numax a ver a película Snowden, dirixida por Oliver Stone, na que se conta a historia de Edward Snowden, un xoven analista que traballa para a Axencia de Seguridade Nacional (NSA) nun programa secreto de vixilancia mundial no 2013.
Edward Snowden a través dos xornais TheGuardian e The Washington Post fixo públicos ao redor de 9000 documentos que estaban clasificados como alto secreto sobre diversos programas de la NSA, incluíndo os programas de vixilancia masiva PRISM e XKeyscore.
Unha vez rematado o filme acercáronse ata o Parlamento de Galicia, onde foron recibidas e recibidos por Adriana Martínez (Responsable de visitas guiadas do Gabinete de Presidencia do Parlamento), Carlos Varela (Responsable de comunicación do Gabinete de prensa da Presidencia do Parlamento) e Pedro Vila (Xefe do servizo de Tecnoloxías da Información do Parlamento).
Tendo en conta o traballo que desenvolveron os e as correspondentes xuvenís ao longo do curso, puideron contar cunha visita personalizada e única, na que lles explicaron a posibilidade de ver as sesións parlamentarias en directo, en diferido e a demanda a través da Mediateca, recurso propio do Parlamento, polo que non lles fai falta empregar Youtube; como se realizan as gravacións e como se busca sempre a obxectividade, motivo polo que non se editan os vídeos das gravacións para evitar a subxectividade; e como están a traballar en que durante a emisión das sesións parlamentarias se leve a cabo a transmisión das palabras, de aí que conten tamén coa linguaxe de signos, xa que isto permite tamén a accesibilidade das persoas con discapacidade.
Ademais viron como se estrutura a súa web e cales son as redes sociais que usa o Parlamento de Galicia, neste caso Facebook e Twitter, nas que dan conta do que sucede no Parlamento, tales como as actividades que se desenvolven, publicación da axenda diaria, comparten o vídeo do pleno con enlace directo á Mediateca onde se atopa aloxado. Todo elo sempre desde a obxectividade, non se realizan comentarios ás novas publicadas.
Unha vez rematada esta sesión informativa puideron ver a sala de control, dende onde supervisan as oito camaras que teñen no hemiciclo e como a través de Akamai poden retransmitir en streaming a todo o mundo. Ademais accederon ao hemiciclo, alí explicáronlles o seu funcionamento, os tempos de intervención dos deputados e deputadas, como xestionan este tempo de intervención e como se lles proxecta o que teñen para cada intervención; como se gravan as sesións e como nesas gravacións son o máis obxectivos e limpos posibles, evitando posibles situacións “cómicas” que poden desviar o foco do que realmente é importante a nivel informativo. Á parte de resolveren as dúbidas que xurdiron ao longo desta visita.
Grazas pola vosa amabilidade e acollida, polo voso saber compartido, Adriana Martínez, Carlos Varela e Pedro Vila.
Xogos tradicionais
Enviado por Cristina o Dom, 19/06/2022 - 11:51O venres, 17 de xuño, todo o alumnado do instituto participou nunha xornada de xogos tradicionais.
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional de Melide, capitaneada por Paco e Manolo Charrancas, acercou ao alumnado a carrilana, o aro, a petanca, a buxaina, tirapedras ou tiracoios, leiriñas, tres en liñas, tiratacos ou tirabalas, as chapas, carreiras de sacos, a chave, zancos, a corda, a rá e moitos máis xogos.
A verdade que quedamos con ganas de máis! Así que agardamos velos nalgunha outra ocasión.
Se queredes ver e xogar na vosa casa algúns dos xogos tradicionais, aos que xogamos e algúns outros, podedes descargalos na APP de xogos tradicionais:
- Google Play: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.ozonomultimedia.xogos_tradicionais_app&hl=es_419&gl=US
Beca de residencia no Centro Residencial Docente da Coruña
Enviado por Cristina o Ven, 17/06/2022 - 14:19Convocatoria de becas para o curso 2022/23 no Centro Residencial Docente da Coruña, dirixida a estudantes de bacharelato, ciclos medios e superiores, FP Básica e universitarios que cursan os seus estudos fóra da súa localidade.
O prazo para solicitar praza neste centro en período ordinario remata o 11 de xullo de 2022 para o alumnado matriculado en bacharelato e o 1 de agosto de 2022 no caso do alumnado matriculado en ciclos formativos.
Máis información na web https:/crdcoruna.es e no DOG. Nº 107 do 6 de xuño de 2022.
Acollida familias
Enviado por Cristina o Mar, 14/06/2022 - 22:42Na xornada de hoxe tivemos a sesión de acollida, por un lado, coas familias do CEIP de Palas de Rei e, polo outro, coas familias e o futuro alumnado de 1º de Bacharelato do CPI de Guntín, ás que agradecemos a asistencia a esta xornada.
Durante a mesma buscouse familiarizar aos asistentes co centro e a súa organización, informar sobre os cambios educativos derivados da implantación da LOMLOE, as normas de convivencia, mecanismos de información e participación e resolver todas aquelas dúbidas que puideron xurdir.
Benvidos e benvidas! Vémonos en setembro.
Visita do alumnado de 6º Educación Primaria
Enviado por Cristina o Mér, 08/06/2022 - 20:12O mércores 8 de xuño contamos no instituto coa visita do alumnado de 6º de educación primaria, que acudiu acompañado polo seu titor, Óliver, e a súa orientadora, Emma.
Durante esta xornada informouse ás futuras alumnas e alumnos acerca dos datos máis salientables do vindeiro curso: materias que van cursar, horario do centro, normas de convivencia, TEI, Edixgal.....
Así mesmo, contamos con dous anfitrións de 1º da ESO, Samuel Martínez e Sofía Rivera, que resolveron as dúbidas do alumnado de 6º de educación primaria e que ademais foron a encargada e o encargado de guialos a través do percorrido que fixemos polo instituto: a aula de tecnoloxía, a biblioteca, o ximnasio, o laboratorio de bioloxía..... Grazas, Samuel e Sofía, por serdes uns fantásticos anfitrións!
E queremos dar tamén as grazas ao alumnado de 6º de educación primaria e ao seus mestres por acudir ao noso centro e facer que esta visita fose posible e que pasaramos un rato moi agradable.
Xa sabedes que nos vemos axiña, á volta das vacacións de verán!
