Curso 2020/21

Correspondentes xuvenís a través das ondas

Como cada xoves os e as correspondentes xuvenís de 4º da ESO  non deixan de acercarnos as novas máis relevantes en Radio Palas FM.

Así semana tras semana: Alba, Paula, Ismael, Roi, Nerea García, Silvia, Tito e Nerea Gómez de 11:00 a 11:30 agárdannos  a través das ondas para informarnos. 

Non volo podedes perder 

 

CONVOCATORIA BECAS RESIDENCIA USC CURSO ACADÉMICO 2021- 2022

Co obxecto de dar cumprimento ao título segundo do Regulamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR), o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela aproba a convocatoria de prazas de aloxamento para o curso académico 2021-2022.

SOLICITUDES E PRAZOS DE PRESENTACIÓN 

  • Solicitude 

A solicitude deberá cumprimentarse no formulario accesible por vía telemática que figura na páxina web: https://www.usc.es/es/servizos/sur/convocatorias.html 

Os/ as estudantes de nova admisión poderán solicitar a praza para o grupo I e o grupo II marcando as dúas opcións no mesmo impreso. Presentarase unha única solicitude por persoa e campus. 

  • Prazo de presentación 

O prazo de solicitudes permanecerá aberto desde o 19 de maio ata as 14.00 horas do 28 de xuño de 2021.

Podedes descargar o documento que regula a convocatoria para o curso académico 2021/22 e a páxina da USC onde podedes facer a admisión na aula virtual no apartado de orientación.

Xela Arias_Letras Galegas 2021: Infografía

O alumnado de 4º ESO achegouse á figura de Xela Arias indagando na súa vida e obra. Compartimos o traballo de Roi, Ismael e Brais, que tamén nos amosan a súa particular interpretación de tres poemas da autora.

Xela Arias_Letras Galegas 2021: Mural interactivo

O alumnado de 1º de FPB de Electricidade e Electrónica, este ano deulle un xiro inesperado aos murais convencionais, facendo un mural interactivo e con movemento. Para iso, aplicaron os seus coñecementos técnicos, xerando "vida" nos diferentes espazos do cartel. É a forma coa que lle quixeron render tributo a unha artista coma Xela Arias, tamén unha creadora nata, no seu caso de vocábulos e cun estilo auténtico na nosa lingua.

Xela Arias_Letras Galegas 2021: Cartelería

Os alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, así como de 1º Bacharelato, traballaron na creación de carteis con versos e imaxes representativas do universo Xela Arias. Fixeron caligramas, tamén poemas iconográficos, e empregaron técnicas como a colaxe. 

Letras Galegas 21: XELA ARIAS

O IES do Camiño súmase á homenaxe que neste mes das Letras Galegas se lle está a facer a Xela Arias.

 

Ela dicía que a poesía non hai que entendela, senón sentila. E desde a emoción e o sentimento, o noso alumnado realizou unha manchea de traballos, que imos estruturar en 4 apartados:

 

1. Creación audiovisual.

- O alumnado de Agrupamento Específico (2º ESO), creou un videopoema. Nel as imaxes da vida de Xela Arias, así como da dos alumnos/as, interrelaciónanse con versos da poeta sarriá.

- Emocionámonos co recitado que as alumnas e os alumnos de 1º FP Básica fixeron de poemas da autora homenaxeada. Podémolo ver nun vídeo cheo de  palabras, música e imaxes conmovedoras.

- Temos outro vídeo no que alumnado de 1º e 2º ESO recita e interpreta na lingua de signos un poema de Darío a diario. Unha proposta verdadeiramente inclusiva!

- Os/as alumnos/as de Imaxe e Son (2º Bacharelato) tamén se sumaron á homenaxe. Neste caso, cun vídeo no que, ataviados con roupa negra, recrearon as ilustracións dos poemas de Tigres coma cabalos, libro do que recitan versos nesta montaxe.

 

2. Mural interactivo.

O alumnado de 1º FP Básica creou un mural no que expresa o que lle transmitiu o poema que Xela Arias adicou en 2002 a Man (o alemán de Camelle), quen morreu de pena días despois de que o Prestige anegara de chapapote o seu mundo. E ese mundo é o que aparece no mencionado mural. Para facelo, empregáronse diversos materiais ( pedra, madeira, teas…), ademais de motores, pilas, etc. Deste xeito, é posible interactuar (pulsando uns botóns) con esta orixinal forma de expansión poética.

 

3. Cartelería.

Os alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, así como de 1º Bacharelato, traballaron na creación de carteis con versos e imaxes representativas do universo Xela Arias. Fixeron caligramas, tamén poemas iconográficos, e empregaron técnicas como a colaxe. 

 

4. Creacións de deseño gráfico.

Pola súa banda, o alumnado de 4º ESO fixo infografías que explican figurativamente a vida e a obra de Xela Arias.

 

*O ENDL dá as grazas ao alumnado e profesorado que tanto traballou nesta homenaxe á singular poeta que é  Xela Arias.

 

Nas seguintes publicacións da páxina web podedes ver os traballos do alumnado

Os cambios na puberdade. A menstruación

Hoxe, 11 de maio, o alumnado de 1º da ESO contou cunha sesión formativa sobre a menstruación a cargo das responsables de convivencia Elena e Cristina, coa vantaxe que supón  que Elena é a profesora de Bioloxía.

Nesta titoría fixemos unha posta en común sobre os cambios corporais que se producen na puberdade nas rapazas e rapaces. Iso serviunos de punto de partida para falar, nun primeiro momento,  sobre o ciclo menstrual dende un punto de vista biolóxico e posteriormente sobre os tabús, dúbidas e responder as preguntas que foron formulando ao longo da sesión. Entre elas, as relacionadas coa regra e o baño, a dor que produce, a idade de comezo, a síndrome premenstrual, as formas de protección feminina (compresa, tampón, copa menstrual), a fertilidade ...

Así mesmo, aproveitando a campaña publicitaria dunha marca de hixiene feminina quixemos transmitir ás rapazas que poden ser o que elas queiran ser. Deste xeito puxemos en valor mulleres que destacan nun mundo profesional no que predominan os homes, tales como Lucía Martiño (Surfista),  Ainhoa Campos (Comentarista da Liga de Videoxogos Profesional) e Nerea Luis (Enxeñeira de Intelixencia Artificial) e que poden ser fonte inspiradora de distintas profesións para as nosas alumnas. 

Por último, repartimos distinto material informativo para o alumnado e as súas familias, ademais dunha mostra destes produtos de hixiene feminina para as rapazas.

2ª sesión: Xornadas de Igualdade

O luns 10 de maio, o alumnado de 3 ESO tivo a segunda e última sesión do Obradoiro de Igualdade do Centro de Información á Muller (CIM) a cargo de Alba.

Queremos agradecerlle o seu traballo e poñer en práctica este tipo de iniciativas, así que agardamos que esta sexa o comezo deste tipo de actividades preventivas no eido da igualdade real, positiva e efectiva entre mulleres e homes.

Agardámosvos o curso vindeiro!!

Charla para a prevención do "Acoso Escolar"

Hoxe o alumando de 2º da ESO, tivo a charla para a prevención do “Acoso Escolar” a cargo de Héctor, formador da Garda Civil, enmarcada dentro do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade.

O noso instituto segue apostando pola tolerancia cero contra o acoso escolar. Nesta mesma liña, o centro cre firmemente que a prevención é a mellor das intervencións contra o acoso escolar, por iso traballamos na sensibilización de toda a comunidade educativa en busca dunha convivencia positiva. 

Por todo elo é primordial que as alumnas e alumnos sexan conscientes do grave impacto que o acoso escolar ten sobre o benestar físico e emocional dos seus iguais, ademais é preciso que coñezan cales son a distintas formas nas que se manifesta: agresións físicas e verbais, ameazas, coaccións, ciberacoso...... 

Así mesmo, durante esta charla volveuse a poñer en valor a figura dos espectadores no triángulo do acoso escolar, xa que teñen un papel esencial  para romper a cadea do acoso, por iso, é importante desmitificar a figura do “chivato” e poñer en valor a nosa responsabilidade que cada un de nos ten en promover unha convivencia positiva e unhas relacións saudables. 

E como se recalcou durante toda a charla se sentides que estades sendo vítimas de acoso escolar  pedide axuda aos vosas familias, ao titor/a, ao departamento de orientación, ao profesorado.....ademais dispoñedes dun teléfono contra o acoso escolar que é o 900 018 018 (gratuíto). 

O camiño que nos une: "Alessandra Aguilar Morán"

   Hoxe contamos coa presenza de Alessandra Aguilar Morán, grazas ao proxecto ‘O Camiño Que Nos Une‘,  unha iniciativa promovida pola asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, que foi seleccionada ao amparo do programa ‘Ou Teu Xacobeo‘. O seu obxectivo é poñer en valor os roteiros xacobeos na provincia de Lugo a partir de tres eixos fundamentais; o deporte, a igualdade e a mocidade. 

Alessandra Aguiar Morán é unha exatleta especializada en Maratón e campo a través, foi olímpica en Pekín 2008, Londres 2012 e Río 2016. Así mesmo é considerada como unha das mellores maratonianas españolas de todos os tempos.

 

   Deste xeito, o alumnado de 1º e 2º da ESO puideron compartir con Alessandra un tempo no que ela lles explicou como se forxa a carreira dunha atleta, que supón ser muller e deportista de alto rendemento, así como o esforzo e o traballo diario os 365 días do ano e os valores que se promoven neste deporte e que son válidos para o eido educativo, como son a resilencia, a solidariedade e o amor.

 

   E quedamos coa frase de Pele que nos recordou Alessandra: “ O éxito non chega por casualidade, é traballo duro, perseveranza, sacrificio e amor polo que fas

 

   Grazas por compartir este tempo con nós e facernos participes desta experiencia de vida. 

 

Distribuir contido