Skip to Content

Blogue de admin

Concurso De Recitado Poético "Rosalía Sempre Viva"

Mía, Arón e David participarán no recitado de poemas "Rosalía sempre viva" a partir das 11:30 da mañá (con previsión de remate ás 13:00 horas).

O número de participantes e a limitación de espazo do auditorio da Casa-Museo fai que sexa importante para a axilidade do acto e tamén para a vosa propia comodidade (nenos/as, profesorado e nais/pais que acompañen) que teñades en conta o seguinte:

-No momento do recitado poderán estar presentes un máximo de 2 acompañantes por participante ademais do seu mestre/a.

HORARIOS

-Ás 11:25 chegada e acomodación no auditorio

-Ás 11:30 presentación e comezo do recitado da primeira e segunda categoría

-Ás 12:15 alumnado e acompañantes poden facer unha visita á Casa-Museo mentres se reúne o xurado

-Ás 13:00 entrega de premios

-Ás 13:30 remate da sesión

*Para as persoas que nunca estivestes na Casa-Museo Manuel María podedes seguir as indicación do Google Maps: (poñer simplemente Casa-Museo Manuel María).

Xornada de portas abertas para novo alumnado curso 2024-2025

 

O vindeiro mércores 28 de febreiro ás 16:00 horas terá lugar a xornada de Portas Abertas para as familias do novo alumnado que queira incorporarse ao noso centro o curso 2024-2025.

A recepción das familias farase no hall de entrada, posteriormente faremos unha presentación dos servizos que brinda o centro, para a continuación facer unha visita polas instalacións do mesmo.

O proceso de admisión para o curso escolar 2024-2025 iniciarase o 1 de marzo de 2024 e permanecerá aberto ata o día 20 de marzo de 2024, ámbolos dous incluídos.

No arquivo adxunto atópase o documento de solicitude de admisión.

VendasA: Entroido 2024

A continuidade da tradición está asegurada no Concello de Riós e é que o alumnado do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira comezou atendendo o xoves de compadres aos mandatos do Meco para dar comezo na semana seguinte ao noso tan agardado Entroido.

Durante semanas as nosas familias e o profesorado do centro traballaron con intensidade e con total implicación para confeccionar os disfraces que o noso alumnado debía lucir o día do Desfile Infantil.

Queremos dar infinitas grazas ás familias que con tanto agarimo dedicaron moitas horas a preparar unha nave espacial que, nalgún momento, nos fará chegar moi lonxe. Grazas de corazón!

Este ano foi un pouco triste para nós pois, por mor da borrasca Karlotta, o Concello de Verín viuse na obriga de suspender o Desfile Infantil de Entroido e aínda que foi aprazado para o seguinte xoves, desafortunadamente as condicións atmosféricas tampouco quixeron acompañarnos.

Pero tantísimas horas de traballo e ilusión non podían quedar esquecidas! A chuvia non nos botou atrás así que decidimos facer o Desfile de Entroido no pavillón e convidar a toda a Comunidade Educativa.

Os nosos nenos e nenas, que son os verdadeiros protagonistas, participaron no Desfile de Entroido acompañados polas súas familias e luciron os seus divertidos disfraces de foguetes, marcianos e astronautas. O desfile foi amenizado con música e é que as ganas de troula e emoción da nosa cativada eran moitas!!!

LOADING...

Sabedes o que son os POLOS CREATIVOS? Este concepto abrangue a creación e uso dentro do marco educativo de espazos e materiais innovadores, e especializados, organizados didacticamente para fomentar a creatividade, a consecución de proxectos, resolución de problemas, construcións... Trátase dun novo xeito de aprendizaxe conxunto, colaborativo e comunitario, enfocado tamén no ámbito da investigación e da experimentación. Unha visión moi ampla de técnicas de ensinanza e aprendizaxe que comprende dende prácticas e retos tecnolóxicos ata proxectos máis artesanais. 

https://www.edu.xunta.gal/portal/poloscreativos

Este ano o noso centro está inmerso na inclusión deste tipo de materiais na nosa práctica docente, e entre a moita formación que estamos recibindo, acaban de chegar ao cole estes "KITS SINGULARES", con pequenas propostas para comezar a empregar estes materiais nas aulas, tedes ganas de ver o que conteñen? Estade atentos á nosa web porque pronto os nenos e nenas do cole comezarán a crear!

 
 
 
 

A creatividade é a intelixencia divertíndose" (Albert Einstein)

Encántanos que os nenos e nenas aprendan pero tamén nos encanta que se divirtan, exploren, creen e imaxinen tanto como sexa posible. Por iso, este mes dende a Biblioteca de Toni recomendamos libros cheos de ideas e inspiración artística, para que os nosos usuarios alimenten a súa creatividade e, se queren, poñan en práctica algunha das ideas que lles poden xurdir.

              

Información de interese: ESQUIOU 2024

Achégase o enlace coa información da Deputación de Ourense relativa á actividade ESQUIOU. Tamén atoparedes dous arquivos adxuntos con toda a información e a folla de inscrición.

https://deportes.depourense.es/actividade/esquiou-2024-7a-quenda-terra-de-caldelas-terra-de-trives/

 

"O estudo do universo é unha viaxe para autodescubrirse" (Carl Sagan)

Durante o mes de xaneiro a temática da Biblioteca foi o Universo, en conxunto coa temática do noso Proxecto Documental Integrado de centro. O estudo desta rama da ciencia resulta non só atractivo para o alumnado, senón que lles achega a visión da grandeza da natureza, lles proporciona coñecementos extra-curriculares, e esperta neles o espírito investigador e científico.

A través de materiais presentas na biblioteca e de actividades que se levaron a cabo nas aulas, o noso alumnado entrou en contacto co que hai máis ala do noso planeta, achegouse aos misterios dos viaxes espaciais e á vida dos astronautas, e a todo aquilo que durante a historia da humanidade fixo posible que hoxe saibamos todo o que sabemos sobre o cosmos.

Cancelación Desfile de Entroido Infantil e nova organización

Dende o Concello de Verín, hoxe martes recibimos a seguinte comunicación:

Dende a Concellería de Turismo, Cultura, Festexos e Conservatorio informamos que logo de comprobar as previsións meteorolóxicas da Axencia Española de Meteoroloxía (Aemet) para o xoves 15 de febreiro, confírmase que un prognóstico do 100% de probabilidade de choiva.

Ante esta situación, e segundo o acordado na reunión do mércores día 7 do mesmo mes sobre que se a predición superaba o 50% de probabilidade de choiva non sería posible levar a cabo o desfile, lamentablemente temos que comunicar a cancelación do mesmo por causas climatolóxicas adversas.

Por este motivo, dende o CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira, e debido a esta triste situación consideramos que cómpre facer visible o traballo levado a cabo e deixar que familias e alumnado gocen desta xornada polo que o xoves 15 ás 12:30 desfilaremos no pavillón do colexio. Este acto estará aberto ás familias. O acto rematará puntualmente ás 13:15 horas para que o alumnado poida facer uso do servizo de comedor escolar.

Novas en Relación ao Desfile Infantil de Entroido

Coa comunicación oficial da suspensión do Desfile de Entroido Infantil, non se fixo ningunha comunicación oficial dende o centro porque estivemos agardando polas decisións que se adoptaban na  reunión que se mantivo hoxe ás 14:00 horas no Concello de Verín para ver como se ía actuar.

O acordo que se adoptou na mesma foi o aprazamento do Desfile para o xoves día 15 de febreiro, se as condicións climáticas e organizativas o permiten. Polo tanto, mañá xoves o noso centro non fará o desfile previsto dentro do pavillón escolar  e estudaremos a participación na nova convocatoria que por parte do Concello de Verín nos fixeron para o Desfile Infantil de Entroido para a data citada anteriormente.

Mañá o alumnado poderá acudir disfrazado ao centro se así o desexa e reservaremos o disfrace feito (foguetes, alieníxenas e astronautas) para o próximo xoves 15.

O noso centro non considera oportuno participar na alternativa proposta polo Concello de Verín dado que no Pavillón Municipal de Deportes non ían poder acceder as familias.

Felos de Maceda

Tratando de dar continuidade ás xornadas do Entroido que tivemos no centro o curso pasado, e co obxectivo de poñer en valor o Entroido, o pasado luns tivemos a sorte de aprender un montón de cousas sobre os Felos de Maceda.

Marcos, o noso compañeiro, con moitísimo agarimo explicounos algunhas características do traxe. A vestimenta dos Felos de Maceda, aínda que é moi similar á dos Cigarróns e Peliqueiros, presenta algunhas diferenzas. Visten medias negras e calcetíns de lá brancos. Teñen algúns elementos característicos como lucir vistosos colares ou levar un bastón que empregan de forma intimidatoria. A carauta do Felo ten un sorriso retranqueiro, grandes bigotes, amplas cellas e coloretes en ámbalas dúas meixelas. Na mitra píntanse animais propios da Serra de San Mamede. Outra diferenza significativa é que esta máscara loce un rabo de raposo no alto da mitra.

Grazas Marcos por compartir connosco unha xornada tan enriquecedora e por protexer co teu gran de area o noso patrimonio cultural inmaterial.

Distribuir contido


by Dr. Radut