Coñecemos e coidamos a natureza, Ecoloxía, Animais, Plantas

NO es el plástico, ERES TÚ!

Nós temos o poder como consumidoras/es deixando de adquirir plásticos dun só uso e coidando de non tiralos a áreas públicas... #reduce # reusa #recicla

Xa somos "Escola Verde"

En outubro presentamos un proxecto para participar nun programa novo da CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO, SUBDIRECCIÓN XERAL DE METEREOLOXÍA E CAMBIO CLIMÁTICO e finalmente podemos confirmarvos que fomos elixid@s xunto con outros 9 centros de toda Galicia para formar parte da rede de escolas "Escola Verde". IES de Catabois de Ferrol , CEIP Principe Felipe de Pontevedra, IES Xesús Ferro Couselo de Ourense , CEIP Plurilingüe Antonio Palacios de O Porriño , CPR Plurilingüe Cervantes de Lugo, IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, CEIP de Seixalbo de Ourense, IES de Soutomaior de Arcade e IES de Melide.

Unha Escola Verde é unha escola comprometida co medio ambiente, que integra a sustentabilidade nas súas accións cotiás e non só como un contido a impartir. En liñas xerais, continuando co traballo de cursos anteriores, imos ter os seguintes ámbitos de traballo:

TRABALLO NA “ÁREA DA NATUREZA”:

Horto escolar: Os labores do horto escolar levaranse a cabo tanto dentro do invernadoiro, en previsión do mal tempo do inverno, como no terreo que temos acoutado ao seu carón. As actividades incluirán: a creación de alcouves, a limpeza do terreo, a plantación das distintas especies vexetais, a súa rega, a retirada das herbas ventureiras, a colleita…

Xardín das aromáticas: Este é outro dos espazos da área de natureza no que máis traballamos. Neste momento temos lavanda, ourego, tomiño e romeu. Este curso imos ampliar con menta, pirixel e hortelá.

Poza das ras: A poza é un pequeno ecosistema acuático-terrestre creado hai xa moitos cursos coas aportacións do alumnado: ras, lirios de auga, o peixe mascota da aula de infantil. Ao seu redor temos un pequeno terreo no que situamos plantas con flor para atraer os insectos. Neste recuncho temos observado tamén píntegas.

Composteiro: Nas primeiras semanas de curso puxemos en marcha un composteiro na área da natureza. Aproveitamos todos os refugallos orgánicos das merendas e da corta e poda da limpeza das zonas exteriores. Solicitamos ademais entrar no programa “Revitaliza” da Deputación de Pontevedra e durante o mes de novembro desenvolvéronse varios obradoiros relacionados co tema coa participación de todo o alumnado desde infantil ata 6º. 

Granxa de xoaniñas: Consideramos prioritario loitar contra as pragas dos cultivos da forma máis ecolóxica posible. Os métodos que imos utilizar son as combinacións de cultivos utilizando plantas repelentes e a cría de insectos praguicidas.

 

TRABALLO NO PATIO:

Xardín botánico: O patio exterior onde o alumnado fai os recreos é un lugar privilexiado integrado na natureza que rodea ao recinto escolar e conta con diversas especies arbóreas plantadas polo alumnado ao longo dos anos: sobreira, freixo, liquidámbar, cancereixo, limoeiro, laranxeira, maceira, pradairo, pereira, acivro… Unha das actividades que temos previsto poñer en marcha é a elaboración de letreiros informativos que sirvan como base para futuras actividades.

Xardíns dianteiros: Están situados a ambos lados da porta principal do edificio e neles realizamos cada curso unha actividade de relevo xeracional na que participa o alumnado de 6º curso que marcha para o instituto e o de infantil. Os/As maiores apréndenlles aos/ás pequenos/as a plantar plantas con flor tal como fixeron con eles/as cando tiñan eses anos.

 

TRABALLO NAS AULAS:

Patrulla de reciclaxe: Aínda que para nós o "R" máis importante sexa o de "Reducir" en cada aula temos tres “minicolectores” nos que ás o alumnado separan distintos tipos de lixo: orgánico, papel e plástico. Os venres o alumnado de 5º e 6º recorre todas as aulas retirando os refugallos para levalos aos colectores de reciclaxe que temos a carón do acceso exterior. O orgánico recollese cada día e engádese ao composteiro da Área da natureza. Temos tamén un colector para pilas que é baleirado periodicamente por persoal do concello.

Laboratorio: Na aula de ciencias temos microscopios e material de laboratorio para facer observacións e estudos de mostras recollidas no entorno así como unha PDI para a proxección de documentais de interese sobre temas ambientais.

Merendas residuos cero: Cada curso son máis as familias que por iniciativa propia deciden escoller opcións de recipientes máis sustentables para a merenda de media mañá: substituíron envases de plástico dun so uso por outros reutilizables, eliminaron da dieta das crianzas alimentos envasados en recipientes de plástico como bebibles ou zumes en tetrabrik, suprimiron por completo o uso do papel de aluminio... Estamos realmente orgullos@s da nosa comunidade. 

Entroido sen plásticos: Eliminamos os disfraces feitos con bolsas, adornos de plástico e purpurina do noso plan de traballo.

 

TRABALLO NA BIBLIOTECA:

Charlas refoxeiras: Charlas temáticas desenvolvidas no recuncho do escenario polo propio alumnado.

Caza do tesouro: Investigación utilizando os recursos impresos, técnicos e dixitais da biblioteca.

 

TRABALLO NO ENTORNO:

Reforestación dos montes comunais con frondosas: En colaboración coas comunidades de montes.

Andainas Refoxeiras: Unha vez ao trimestre, se o tempo o permite, temos previsto organizar unha andaina monitorizada para coñecer de primeira man a riqueza natural da nosa comarca. 

 

22N Obradoiro "Aplicacións prácticas do compost" para 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria

22/11/2019 12:00
Europe/Madrid

Actividade para coñecer como se pecha o ciclo da compostaxe, usos particulares e colectivos, horta, abonos e rexeneración ambiental. Apoiada por material audiovisual e complementario.

Distribuir contido