Transporte Escolar

Transporte Escolar: Utilización excepcional de dúas paradas por un/ha mesmo/a usuario/a lexítimo/a

Os cambios sociais e económicos experimentados nos últimos tempos comportaron, á súa vez, situacións novas nas familias, ás que, no eido dos recursos educativos complementarios, é imprescindible responder, a fin de non invalidar á súa finalidade orixinaria.

Entre estas novas situacións familiares, cada vez mais numerosas, atópanse as derivadas de incompatibilidades horarias na conciliación da vida laboral e familiar, así como custodias parentais compartidas, en casos de separacións matrimoniais e divorcios.

Co fin de abordar as problemáticas citadas e darlles a resposta administrativa axeitada, está habilitada na aplicación “transporte escolar” a posibilidade excepcional de asignar a un/ha mesmo/a alumno/a dúas paradas diferentes das distintas rutas de transporte escolar.

Porén, esta dobre asignación de paradas distintas a favor dun/ha mesmo/a alumno/a require a previa presentación, por parte das persoas que exercen a titoría e ostentan a garda e custodia do/a menor transportado/a, dunha xustificación axeitada das razóns que avalan a necesidade familiar aducida e conseguintemente, esixen a implementación da solución excepcional referida.

Así pois, para poder proceder á asignación de dúas paradas de transporte escolar diferentes a un/ha mesmo/a alumno/a, usuario/a do transporte escolar, é necesario que exista o seguinte:

  1. Petición formal e expresa, asinada polas persoas titoras do/a alumno/a transportado/a, que ostenten a súa garda e custodia.
  2. Xustificación acreditativa das situacións familiares e/ou laborais que requiren da asignación excepcional de dúas paradas distintas a un mesmo escolar (sentencia ou convenio regulador, atribuíndo a custodia e garda compartida aos pais, informe ou certificación empresarial ou administrativa acreditativa do horario laboral incompatible de ambas as dúas persoas titoras do menor ou dunha, no caso das familias monoparentais).
  3. Compromiso de utilización continuada, ao longo do curso escolar, das dúas paradas de transporte escolar asignadas, no sentido e do xeito fixado na aplicación de xestión, “transporte escolar”.

Unha vez avaliadas polo centro de ensino as peticións e as xustificacións presentadas, solicitará a conformidade da Xefatura Territorial para implementar a dobre asignación de paradas na aplicación “transporte escolar” comunicando, por último tal circunstancia ás familias e as empresas de transporte escolar, adxudicatarias dos servizos, a modificación operada na ruta ou rutas afectadas.

 

Santiago de Compostela,

O secretario xeral técnico

Jesús Oitavén Barcala

 

 

Distribuir contido