Cousiñas que facemos

Magosto 2019

Tivo lugar a tarde do 11 de novembro, San Martiño, e foi unha homenaxe ás meigas ou bruxas por seren, como dixemos daquela, “mulleres intelixentes, curiosas, rebeldes, coñecedoras do poder sanador da natureza, rompedoras de esquemas patriarcais e relixiosos, perseguidas, burladas, asasinadas, esquecidas”. Organizamos xogos tradicionais no pavillón, un obradoiro de plantas medicinais, outro de adornos de inspiración outonal e un parladoiro sobre o tema Que é unha meiga para ti?, ademais da exposición de cogomelos que alumnado e profesorado trouxo pola mañá da Fraga Vella. Para animar a súa presenza no centro, buscamos especialmente a colaboración do alumnado de 1º ESO, que buscou información e elaborou riquísimas sobremesas. Éxito total.