Comunicado do IES Plurilingüe San Rosendo a familias, alumnado e profesorado


Prezadas familias, alumnado e profesorado:

No IES San Rosendo de Mondoñedo, ao igual que no resto da sociedade, estamos moi preocupados polos efectos devastadores que a pandemia do COVID-19 está a causar nas nosas vidas: perda de vidas humanas, económicas, psicolóxicas e sociais de todo tipo. Esperamos e desexamos profundamente que a presente situación continúe a evolucionar de xeito favorable, apelando á responsabilidade de todos; estamos no bo camiño. A partir do vindeiro luns 25 de maio, o alumnado de 2º de bacharelato e 2º de ciclos formativos poderá volver á actividade académica presencial de xeito voluntario. No IES estamos a traballar para garantir a seguridade de todo o persoal, pero temos que apelar á responsabilidade de cada quen e seguir a extremar as precaucións e recomendacións das autoridades. Consellos sinxelos como o lavado frecuente de mans, manter a distancia entre persoas, non compartir material e incorporar a mascarilla como un complemento máis na nosa indumentaria, axuda a salvar vidas.

Co alumnado que non se incorpora ao centro, seguimos coa docencia telemática, traballando preto de vos cos medios que temos. Todos nos estamos a esforzar para darlle continuidade ao proceso de ensino-aprendizaxe, e queremos agradecer a colaboración de familias, alumnado e profesorado para que ninguén quede atrás; por iso é esencial que alumnado e profesorado sigamos conectados. O alumnado que leva un curso traballado e ben estudado, con e canda o seu profesorado, estará en mellores condicións para continuar no vindeiro curso. O alumnado que non está a traballar, encontrarase con máis dificultades.

Neste trimestre atípico as actividades propostas servirán para recuperar, repasar e reforzar contidos que serán imprescindibles para o vindeiro curso, que segundo as noticias que recibimos cada día, non se presenta fácil para ninguén. Tamén se poderá avanzar en novos contidos, se o profesorado o considera convinte. O plan de traballo é especialmente importante en 1º de Bac, pois 2º de bacharelato xa é un curso complicado en circunstancias normais, e non sería convinte engadirlle máis dificultade por non ter traballados os contidos de 1º ou por acumular materias pendentes.

Por todo isto e estando sempre condicionados polas instrucións, modificacións ou aclaracións que nos podan chegar da Consellería de Educación, a día de hoxe expoñemos o seguinte:

1. Duración do curso escolar: remata o 19 de xuño, como estaba estipulado no calendario escolar para o 19/20.

2. Tarefas do terceiro trimestre, poderán ser:

- Tarefas de recuperación, repaso e reforzo dos contidos aprendidos e traballados nas avaliacións anteriores e que poden servir tanto para recuperar o suspenso como para mellorar a nota.

-Tarefas de ampliación que permitan a mellora das competencias do alumnado para encarar o vindeiro curso.

3. A avaliación final valorará principalmente os contidos impartidos ata o 13 de marzo, día en que se suspenderon as clases. O alumnado con valoración negativa deberá esforzarse en recuperar a materia suspensa; o resto deberá seguir a reforzar ou ampliar contidos e mellorar as súas notas realizando as tarefas que o profesorado determine.

4. A promoción de curso en xuño ou setembro será a norma xeral, sendo a repetición unha medida excepcional (como sempre foi). As materias suspensas en xuño quedarán pendentes para a convocatoria de setembro, e de non ser recuperadas nesa convocatoria, quedarán pendentes para o seguinte curso, e o alumnado terá que recuperalas.

Hai que lembrar que nos cursos terminais, 4º ESO e 2º de Bac, non é o mesmo aprobar en xuño que en setembro (en xuño cóbrense moitas das prazas ofertadas) e tamén é importante a nota para acceder aos estudos que se queiran realizar.

Para a promoción e titulación, a xunta de avaliación tomará en consideración todo aquelo que resulte máis convinte para o alumnado en relación ao mellor aproveitamento do curso ao que se vai incorporar.

5. Datas de avaliación: tal e como indica o calendario, realizaranse unha vez finalizadas as clases o día 19 de xuño.

A avaliación de 2º de Bac será o día 5 de xuño.

6. Entrega de notas: despois de realizar as sesións de avaliación e de decidir sobre a promoción / titulación, será remitido ás familias o boletín de notas.

É importante que as familias teñan instalada a aplicación gratuíta da Consellería, Abalar, para poder recibir tanto o boletín de notas como todas as comunicacións por parte do profesorado.

Non dubidedes en contactar connosco se o precisades, as vosas preocupacións tamén son as nosas. Lembrade consultar a páxina web do centro e contactar co voso profesorado e/ ou co equipo directivo.

Ánimo a todos que estamos xuntos nisto!

Moitas gracias polo esforzo, saúdos e saúde!

Equipo docente do IES San Rosendo de Mondoñedo