Xeografía e Historia

Conferencia “Cambio estacional de hora e fuso horario de España”.

 

O pasado xoves 22 de outubro, arredor das 19.00h, os nosos alumnos/as de bacharelato de nocturno asistiron á videoconferencia “Cambio estacional de hora e fuso horario de España”, organizada pola Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación de Pontevedra. O relator foi o coñecido divulgador científico Jorge Mira Pérez, profesor de Física da USC e posuidor dun curriculum impresionante cheo de premios e distincións pola súa carreira profesional. El é un dos once expertos que no ano 2018 nomeou o goberno para estudar a reforma da hora oficial. O obxectivo da charla era, precisamente, desmontar algúns dos mitos que xiran arredor do cambio estacional de hora e o debate sobre o fuso horario marcado oficialmente en España, e axudarnos, ademáis, a entender un pouquiño mellor os inconvenientes que pode ter suprimir o actual cambio de hora e quedarnos cun horario só.

 Pero, que é mellor: quedarnos co horario de verán todo o ano, ou quedarnos co do inverno? Ou é mellor non modificar nada e seguir co cambio estacional de hora?...  A esta e outras preguntas respondeu Jorge mira nesta charla. De momento, esta fin de semana seguiremos retrasando o reloxo 1 hora….

 Premendo na seguinte ligazón pódese visualizar o vídeo completo da videoconferencia

https://youtu.be/-639KDDjhVs

Microcharlas virtuais - Plan Proxecta

 

     O pasado luns 25 de maio tivemos tres microcharlas por videoconferencia relacionadas co Plan Proxecta no que os nosos alumnos/as de 3ºESO están traballando.

      O noso primeiro convidado foi Pablo Blanco, profesor e director do Colexio dos Escolapios. Explicounos que son as monteas e que función tiñan. Desde a conexión do seu móbil ensinounos as tres monteas que hai nese centro: unha debaixo da escaleira monumental e dúas no claustro, que datan da primeira fase da construción do edificio, a principios s.XVII.

      A segunda convidada foi Yolanda Gómez, restauradora, e unha das socias da empresa Crea Restauración que foi a encargada, precisamente, da restauración das pinturas murais da igrexa de Santa María de Nogueira (obxecto do noso estudio); por este traballo foi finalista do premio internacional de restauración Arpa, en Valladolid, o ano pasado. Entre outras cousas, quedounos claro o traballo tan minucioso e laborioso que require a restauración dunhas pinturas murais: comeza coa realización de estudos previos e catas no encalado; a continuación o desencalado (quitar a cal que cubre as pinturas, que se realiza con pequenos cinceis de precisión e bisturí) e o recheo dos ocos entre o morteiro e a parede; finalmente, procédese á limpeza das pinturas cunha esponxa. No caso da igrexa de Nogueira do Miño a restauración durou…5 anos!!! (desde o 2012 ata o 2017)

      E o noso derradeiro convidado é Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo e profesor de Física na USC. É un recoñecido investigador e divulgador científico galego, que ten un curriculum impresionante con numerosos premios e distincións pola súa traxectoria profesional. Colabora en xornais, na radio, na televisión galega (programa Coma un allo), dirixe o Programa Conciencia (programa de divulgación científica que cada ano trae á cidade de Santiago a científicos que recibiron un premio Nobel), escribe libros… Ademais é un dos 11 expertos nomeados polo Goberno para o estudo do cambio de hora, e coordina o estudo “Predico” que trata de predecir a evolución e propagación da pandemia do Covid-19 e a súa incidencia e posibles rebrotes. El foi o encargado de facernos reflexionar un pouquiño sobre a relación coronavirus-medioambiente-contaminación, de ver os efectos positivos que a pandemia tivo sobre a contaminación, pero tamén do efímero destes efectos xa que coa desescalada vólvese a potenciar o uso do vehículo particular, ou a pouca concienciación á hora de desfacerse das mascarillas e guantes que usamos para protexernos do virus, produtos que están enchendo as rúas, e xa son considerados como os novos contaminates.

  Foron tres microcharlas moi interesantes. Só nos queda agradecer aos convidados a súa presencia e as súas explicacións que nos axudaron a comprender mellor que é unha montea e para que se utilizaba; en que consiste o meticuloso proceso de restauración dunhas pinturas murais; e como o coronavirus é só unha paréntese no proceso de contaminación pero que para nada suporá un freo ao cambio climático.

  Moita grazas Pablo Blanco, Yolanda Gómez e Jorge Mira!!

 

Excursión Virtual pola Ribeira Sacra

 

No día de onte, 19 de maio, no Río Cabe tivemos a nosa primeira excursión virtual, unha actividade encadrada dentro do Plan Proxecta que os nosos alumnos de 3ºESO están a desenvolver.

O noso destino era Santa María de Nogueira, unha pequena parroquia do concello de Chantada. Esta excursión estaba prevista para o 17 de abril pero por razóns obvias (o coronavirus!!!!) non se puido realizar. Pero como non hai pandemia que nos free, decidimos facela igual (iso si, dunha forma un tanto diferente). “Saimos” do IES Río Cabe ás 11.50; durante o traxecto Monforte-Nogueira puidemos observar a marabillosa paisaxe que hai neste lado da Ribeira Sacra, o espectacular meandro que describe o río Miño no Cabo do Mundo, así como o cultivo en bancais nas ladeiras das montañas.

Xa en Nogueira visitamos a súa igrexa, Santa María de Nogueira, coñecida como a Capela Sixtina galega polas pinturas renacentistas que decoran os seus muros interiores (muro norte, muro sur e arco de triunfo), datadas do último cuarto do século XVI, e atribuidas a un autor coñecido como o Mestre de Nogueira (do que tamén hai constancia que traballou na decoración da igrexa monfortina de Ribas Altas). Analizamos o exterior desta igrexa románica e a súa decoración interior (retablos e esculturas do s.XVII, pinturas góticas do s.XV, pero sobre todo fixámonos nas súas impresionantes pinturas renacentistas que nos recordaron, nalgúns aspectos, ao Xuizo Final que Miguel Anxo pintou na Capela Sixtina.

     Foi… unha experiencia distinta!

     Agradecer a Don Antonio, sacristán e guía da igrexa de Santa María de Nogueira, as explicacións que, amablemente e de forma altruísta, nos facilitou sobre esta igrexa e que nós intentamos trasladar aos nosos alumnos/as de 3º ESO.  

 

 

Visita Escolapios e Planetario

A nosa excursión do mércores 29 de xaneiro comezou no Colexio de Nosa Señora da Antiga, coñecido como Colexio do Cardenal ou Colexio Os Escolapios. Neste centro,a visita estivo guiada polo Padre Javier.

Iniciamos o percorrido nas famosas escaleiras da entrada, escaleiras monumentáis formadas por 35 escalóns repartidos en tres tramos, sen columnas de suxección ( …e cada escalón pesa unha tonelada!!). Coñecemos o que é unha “montea”, a función do claustro e o significado dos catro escudos que o decoran.

Despois visitamos a pinacoteca, onde puidemos contemplar, entre outras obras, cadros de Andrea del Sarto, de El Greco e de Pacheco, e finalmente a Igrexa, na que destaca o fermoso retablo dedicado á Virxe María  que decora o altar; ten case vinte metros de altura, está feito de madeira de nogal e é obra de Francisco Moure. Destaca tamén un Santo Cristo, obra do italiano Cioli,  copia da “Adoración dos Reis” de Van der Goes. Aquí rematou a nosa visita ao Colexio dos Escolapios.

 A seguinte parada levounos ao IES A Pinguela , para coñecer o Planetario “Matías Vázquez”. Foi tamén unha visita do máis didáctica e tivemos a sorte de ter como guía a Matías Vázquez, profesor xubilado dese centro. Grazas  ás súas explicacións coñecemos un pouquiño máis sobre a Teoría do Big Bang e a expansión do Universo, sobre as estrelas e as constelacións; coñecemos Syrius ( a estrela máis brillante do firmamento), Casiopea, como localizar a Estrela Polar e orientarnos a partir dela, a Osa Maior, etc.

Dende o Río Cabe queremos agradecer aos directores do Colexio Escolapios, Pablo Blanco,  e IES A Pinguela, Enrique Sampil, por permitirnos  realizar as visitas , e especialmente  ao Padre Javier e Matías Vázquez pola súa xenerosidade, paciencia  e as súas  explicacións.

 

Álbum: Escolares -> Visita Escolapios e Planetario

Máis cine...por favor

E se é cine de calidade, como a película que foron a ver alumnos de 2º de Bac e 4º de Eso o pasado mércores, moito mellor.

“Mientra dure la guerra” é o último filme de Alejandro Amenábar no que o director nos mostra a España de 1936, os comenzos da Guerra Civil e a figura do escritor e intelectual  Miguel de Unamuno.

O alumnado foi acompañado de Anuncia Méndez, profesora de Xeografía e Historia, quen lles serviu de guía contextualizando o que a película nos amosa.

 

Charla do arqueólogo Xurxo Ayán

Dentro das numerosas actividades realizadas estes días no IES Río Cabe (Exposición de fotos "Premio Mª Josefa Wonenburger" e "Donas de si", visitas guiadas do alumnado do Ciclo de Turismo, asistencia a Ourense a unha representación teatral, Obradoiro de música do Trío Caspervek"... hoxe venres o alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu a unha moi interesante charla impartida polo arqueólogo Xurxo Ayán.

D

Durante unha hora puidemos acercarnos un pouco máis o interesante e completo traballo dos arqueólogos na súa procura de comprender mellor o pasado, mesmo nos máis mínimos detalles. Un traballo que hoxe en día se vale doutros moitos e variados campos (cos que se interrelaciona a arqueoloxía) para interpretar e investigar o pasado e traballar nas investigacións.

Xurxo explicou, con variados e amenos exemplos, a súa experiencia noutros lugares de España e de fóra para centrarse no tema do traballo que está realizando no  Castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra de Brollón). O descubremento de "Atilano" e as consecuencias e importancia que este achádego ten para o patrimonio da Comunidade foron algúns aspectos dos tratados.

O entusiasmo co que nos falou do seu traballo seguro que anima a máis de un a visitar dito Castro e interesarse pola marcha dos traballos.

Charla da eurodeputada Lidia Senra sobre "A política agraria europea en clave galega"

Hoxe, venres 14, o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de asistir a unha charla impartida pola sindicalista e eurodeputada na actualidade no Parlamento europeo: Lidia Senra, ex alumna do noso centro e que xa pronunciara unha conferencia con motivo do 50 Aniversario do Río Cabe.

Tres temas foron os suxeridos cando a invitamos: como está afectando a política agraria comunitaria ó sector agropecuario galego? Que actividades económicas no mundo rural galego poden ter máis futuro? e, por último, cales son as principais correntes ou partidos políticos dentro do Parlamento e como se encadran nelas os partidos galegos e españois?

Lidia contestou a ditas propostas e fíxonos un esquemático acercamento pola organización do Parlamento europeo. Invitounos a reflexionar, por exemplo, dun modo moi claro sobre como moitas das leis que nos afectan proceden do Parlamento europeo pero as cuestións debatidas neste resultan moitas veces grandes descoñecidas para os cidadáns mentres se traballa en ditas leis. Neste senso, resolveu inquedanzas sobre cuestións variadas, todas elas proporcionáronlle hoxe ó noso alumnado unha oportunidade de escoitar a unha  das poucas mulleres en Europa que, entre outros méritos, tivo o de estar ó fronte entre 1989 e 2007 dunha organización agraria que loitou polo rural galego e actividades agrarias sostibles.

Foi un privilexio escoitala.

Distribuir contido