Skip to Content

blogue deiconcepcion

Día Europeo das Linguas

 

O EDLG do IES David Buján súmase á conmemoración do Día Europeo das Linguas que, cada 26 de setembro, lémbranos a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa.

Para festexar a data lanzamos dous xogos sobre as linguas de Europa e do mundo. Lembra que podes gañar puntos e gorentosos peperetes do bar da Aurora.

Xoga e lembra colocar o teu nome no "placar dos líderes". Cada persoa só pode estar na clasificación unha única vez (para non acaparar) Emprega o teu usuario da conta do instituto. Os premios entréganse o día 29. Xoga todas as veces que queiras

 

Xoga e acumula puntos. Sorte!!

Florencio Delgado Gurriarán

Aquí tes xogos e actividades interactivas para afondar na  vida e obra do homenaxeado no Día das letras Galegas de 2022

 

Música galega

A música en galego ten séculos de historia. Seguro que coñeces as cantigas medievais, algunha das coplas populares que se cantan na túa casa ou che soa algún himno rock na nosa lingua. Moitas artistas procuran reinventar esta tradición, outras crean pezas e motivos novos. Con esta pequena guía (en arquivo adxunto) procuramos que, segundo os teus intereses, poidas coñecer grupos e artistas que fan música en galego. Faltan moitas ou as que están non están correctamente compartimentadas, mais este pequeno libriño quere servir como estímulo.

Para desprazarte polos epígrafes podes empregar as frechas que están situadas ao longo da guía, e para escoitar as cancións podes premer nos símbolos, os cales te levarán a unha ligazón de YouTube. (Aulas galegas)

A guía foi  elaborada por Elia Lago e editado por Paula Lago. Grazas

 

A miña palabra galega preferida

 

Desta volta,  e para rematar o curso, queremos  saber  cales son as palabras galegas que máis  gustan no noso centro.  Poden ser  elixidas pola súa sonoridade, ou ben polo poder evocador do seu significado, ..., porque   todas elas  recollen a esencia do galego. Pois como di o himno das Irmandades da Fala creado por Manuel Lugrís: “Na fala galega vive a ialma da nosa terra”.

Para iso hai que enviar un vídeo (mp4)  á conta o EDLG  ( edlg@iesdavidbujan.gal, co asunto A miña palabra galega preferida) do centro dicindo a túa escolla e dando unha explicación da mesma. Podes comentar calquera cousa, dicir o seu significado,  dar exemplos de uso, podes lembrar algunha anécdota, podes falar de quen a emprega, ...  Lembra que se debe ver a palabra escollida no vídeo (escríbea nun papel e móstraa ou sobreimpresiónaa).

Poden participar todos os membros da comunidade educativa e o prazo para recoller as achegas remata o 17 de xuño. 

Gañarán (puntos do EDLG e peperetes de Aurora) os que envíen os mellores vídeos ( máis amenos, divertidos, os que teñen unha mellor fonética, ...). Entre todas as palabras recibidas sortearase unha camiseta do Reizentolo (a escoller entre as  que haxa).

 

Participa!!

Campa coa túa camiseta nova!!

 

 

Día das Letras Galegas 2022

Celebrando o Día das Letras Galegas durante todo o ano

Soa a tópico dicir que o Día das Letras Galegas non só é o 17 de maio, pero é certo. Debemos celebralo os 365 días do ano. Como? Pois coa única homenaxe posible, falando galego.

Desta volta o escritor homenaxeado é o valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. Algúns datos del:

  • Naceu en Vilamartín de Valdeorras en 1903, pero pasou a meirande parte da súa vida exiliado en México.
  • Foi escritor, editor literario e activista político e cultural.
  • En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a “Fundación do Padroado da Cultura Galega”, a “Irmandade Galeguista” e o “Ateneo de Galicia”.
  • A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985).
  • Encargouse da selección e da tradución dos poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.
  • Empregou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño (https://blog.mundo-r.com/gl/xente/celebrando-o-dia-das-letras-galegas-todo-o-ano).

No IES David Buján repartíronse un marcadores sobre o homenaxeado. Se quedaches sen el, podes pasar polo  EDLG do centro  ou descargalo dende aquí.

5 de maio, Dia Mundial da Língua Portuguesa

DÍA  MUNDIAL DA LINGUA PORTUGUESA

A data de 5 de Maio foi oficialmente estabelecida em 2009 pela Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) para celebrar a língua portuguesa e as culturas lusófonas. Em 2019, a UNESCO decidiu proclamar o dia 5 de Maio de cada ano como "Dia Mundial da Língua Portuguesa".

A língua portuguesa é não só uma das línguas mais difundidas no mundo, com mais de 265 milhões de falantes espalhados por todos os continentes. O português continua a ser, hoje, uma das principais línguas de comunicação internacional, e uma língua com uma forte extensão geográfica, destinada a aumentar.   

Os Dias consagrados às línguas faladas em todo o mundo celebram anualmente o multilinguismo e a diversidade cultural, e constituem uma oportunidade para sensibilizar a comunidade internacional para a história, a cultura e a utilização de cada uma destas línguas. O multilinguismo, um valor central das Nações Unidas e uma área de importância estratégica para a UNESCO, é um fator essencial para uma comunicação harmoniosa entre os povos, promovendo a unidade na diversidade, a compreensão internacional, a tolerância e o diálogo (Unesco)

Deixamos uma música com diferentes sotaques. Gostas?

 

 

Saída cultural EDLG

 

O 18 de maio o EDLG fará a súa saída anual. Este ano farase un Roteiro Rosaliano e, xa que estamos en Santiago, aproveitamos e visitaremos a catedral.

PERCORRIDO

  • Casa da Matanza (Padrón)
  • Cemiterio de Adina (Iria Flavia)
  • Panteón dos Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval)
  • Museo do Pobo Galego (San Domingos de  Bonaval)
  • Algúns lugares significativos da vida de Rosalía en Santiago
  • Catedral (cubertas e Pórtico da Gloria)

HORARIO

Sairemos á 8:30 e volveremos sobre as 20:00. (Uso obrigatorio de máscara no autobús).

PREZO

3 euros (para o alumnado socio da ANPA é 1,5). O Centro e o EDLG fiancia o resto da saída

INTERESADOS

O alumnado interesado deberá pasar polo Dep. de LG para ensinar os seus puntos os días  2, 3 ou 4  de maio, en calquera dos recreos.

A listaxe do alumnado participante  sairá o 5 de maio (farase pública nesta entrada e no taboleiro do EDLG).

A partir dese día, as persoas  da listaxe poden retirar a súa autorización na conserxaría do centro. O prazo para entregala asinada é ata o martes  (9 de maio, 12:30). A partir dese momento, as prazas aínda libres afertaranse ás persoas que estean na listaxe de agarda.

Atención aos prazos

 

Concurso de marcapáxinas Florencio Delgado Gurriarán LG22

 

O EDLG  para homenaxear e festexar o día das Letras Galegas 2022, dedicado a Florencio Manuel Delgado Gurriarán convova un concurso de marcapáxinas no que pode participar todo o alumnado do IES David Buján.

O marcador debe recoller algunha imaxe relacionada co autor e un texto (poema, fragmento, frase curta,..) pertencente a algunha das súas obras. Débese indicar o texto ao cal pertence o fragmento.

BASES

1. Será condición indispensable que os traballos sexan orixinais e inéditos. O prazo de admisión rematará o 16 de maio ás 23:59 horas e o xurado dará a coñecer a súa decisión na semana das “Letras Galegas”.

2. Admitirase un traballo como máximo por cada participante.

3. Cada marcador deberá ter dúas caras, medidas de 18×5 cm, formato PNG.

4. Os traballos enviaranse ao enderezo edlg@iesdavidbujan.gal xunto cos datos persoais da persoa participante

5. O EDLG realizará unha exposición con todos os marcadores presentados a concurso.

6. Haberá gorentosos premios do bar de Aurora e puntos do EDLG

7. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes bases.

 FALLO DO XURADO NO ADXUNTO

Letras Galegas 2022

No ano 2022 a cultura galega celebrará a vida e obra do poeta de Córgomo como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. 

Aquí tes un xogo co que poderás gañar puntos sobre o Día das Letras Galegas e o autor homenaxeado. Contabilízanse os puntos conseguidos ata o día 1 de maio ( 20:00 h.). 

Cada persoa só pode figurar unha vez na taboa clasificatoria. Emprega sempre o mesmo nome (nome, apelido e curso) e a aplicación veite colocando na mellor posición que che corresponda. 

PARTICIPA E GAÑA PUNTOS E GORENTOSOS PREMIOS DO BAR DA AURORA

  

Cuestionario de usos lingüísticos. Curso 2021-2022

 

Para unha adecuada planificación lingüística é preciso coñecer os usos, as competencias e as actitudes sobre a lingua galega da comunidade educativa. 

O cuestionario é  totalmente anónimo. Pero só se permite   o acceso aos usuarios que pertenzan ao IES David Buján. Polo tanto os enquisados deberán iniciar sesión coa súa conta do centro. 

Preme no enlace correspondente, completa  as preguntas do cuestionario e dálle a ENVIAR. Grazas pola túa colaboración.

ALUMNADO

PROFESORADO

 

Distribuir contido


by Dr. Radut