Skip to Content

ENTROIDO 2023 - VERO, NEYMAR E CR7 VISITAN A SANGRIÑA!!!

O venres de entroido, unha comparsa organizada polo Equipo de Dinamización de Lingua Galega, trouxo a futbolistas de grande prestixio internacional ao noso centro. Vero Boquete, Neymar Jr. e Cristiano Ronaldo causaron furor entre pequenos e non tan pequenos. Centos de fotografías e música de bandas como os Diplomáticos de Monte Alto e Despe e Siga animaron a festa.

VISITA AO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DE COTOBADE

O pasado venres 3 de febreiro o alumnado de 4º da ESO visitou o observatorio astronómico de Cotobade. Guiados polos membros da Asociación Astronómica Sirio, puideron admirar espectaculares imaxes da Lúa como nunca antes a viran. Tamén descubriron a Venus, Marte e Xúpiter en todo o seu esplendor. Aprenderon a distinguir algunhas das constelacións que adornan o ceo nocturno e a orientarse segundo a posición da Estrela Polar. Grazas á pericia dos guías e aos medios técnicos empregados (punteiros láser sinalando as estrelas, prismáticos e telescopios de excelente calidade, cúpula orientable...) era moi fácil localizar os obxectos máis interesantes e entender as explicacións. Foi emocionante ver as famosas estrelas expostas na Rede no seu lugar no ceo, tan preto de nós...as xigantes Aldevarán e Pollux; a impresionante xigante vermella Betelgeuse, de cor alaranxada; e a tamén xigante Rigel, pero azul neste caso. O observatorio astronómico construíuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia e mantense polas aportacións dos visitantes que, coma nós, reservan cita para asistir a este impresionante espectáculo. Mil grazas aos membros de Sirio pola súa dedicación.

CONVOCADAS AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

    Orde do 18 de xaneiro de 2023 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2023, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, escolarizado nos cursos 2021/22 e/ou 2022/23, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento ED504B).

  • O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
  • A información sobre este programa, así como a aplicación "en liña" que se refire na convocatoria, atoparase na páxina web https://www.edu.xunta.gal/axudasle.

VISITA CULTURAL A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O pasado martes día 7 de febreiro, alumnado do IES A SANGRIÑA realizou unha visita cultural a Santiago de Compostela. Participaron nesta viaxe estudantes de 1º de Bacharelato e aquel alumnado 2º da ESO que cursa a materia de teatro. Durante a mañá paseamos polas principais rúas da cidade vella, coñecendo algunha das particularidades das súas prazas e edificacións máis emblemáticas. Despois asistimos á representación da peza teatral "As Illas desertas", da compañía Artesacía, unha montaxe na que as novas tecnoloxías teñen un especial protagonismo, motivo polo que adoita ser do agrado dos e das adolescentes. Pola tarde visitamos o Museo do Pobo Galego, onde ademais das súas salas sobre cultura popular e arqueoloxía visitamos o Panteón de Galegos Ilustres.

APÚNTATE NO TORNEO DE XADREZ!

Apúntate ao torneo de xadrez do IES A Sangriña. Tes unha listaxe para facelo biblioteca. 

O prazo de inscricións acaba o día 15 de febreiro. O noso trofeo pode ser teu!

IMPORTANTE. HORARIO DE RESTRICIÓN DE SUBIDA ÁS AULAS IES A SANGRIÑA

 

 Pola presente informamos que,  por motivos de seguridade e de coidado do material nas aulas, a partir do luns 13 de febreiro o IES A Sangriña comezará a restrinxir a subida ás aulas nos seguintes días e no seguinte rango horario:

  1. Todos os días da semana ata as 08:15 hrs os puntos de acceso de subida ás aulas a través das escaleiras estarán pechados. A entrada ao centro só poderá practicarse pola entrada principal (acceso ao vestíbulo principal) quedando a entrada pola porta secundaria (entrada por escaleiras desde o parking) anulada. A partir das 08.15 hrs se abrirá o acceso de subida ás aulas para seren ocupadas por alumnado e profesorado.
  2. Todos os luns de 14.15 hrs a 15:50 hrs. Aquel alumnado que os luns utilice o servizo de cafetería para xantar deberá ser consciente que non poderá subir ás aulas e/ou aos corredores no marco horario sinalado.

A Dirección

  

ENTREGA DE PREMIOS DOS CERTAMES DO PRIMEIRO TRIMESTRE

Este é o vídeo do acto de entrega de premios do Certame de contos de misterio e terror QUEN DIXO MEDO!!!, do Concurso de debuxo NUNCA MÁIS e do Concurso de debuxo de Nadal O APALPADOR organizados pola Bibliotrega Magdalena Garabatos e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A Sangriña. Parabéns ás gañadoras e gañadores e a todos os participantes!

A canción que o acompaña é "Cen Miradas" de Sonia Lebedynski. Podes escoitala completa no seguinte enlace: https://youtu.be/REf5LP6xkdY

Link do noso vídeo no Youtube: https://youtu.be/xblGzn-amN8

 

INTERCAMBIO CON ITALIA

Desde o pasado luns, e ata o 6 de febreiro, 16 alumnos e alumnas de 1° de Bacharelato do IES A Sangriña están a realizar un intercambio co Liceo Francesco Angeloni, en Terni (Italia). Xa participaron en varias das clases do centro, coñeceron Terni e visitaron Roma. Nos próximos días tamén visitarán Perugia e Spoleto, ademais de realizar outras actividades académicas e culturais cos seus compañeiros italianos. Agradecemos desde aquí a magnífica acollida das familias e do profesorado implicados no intercambio, xa que están facilitando que esta experiencia sexa única e moi enriquecedora para os nosos alumnos e alumnas.

NOTA INFORMATIVA PROCESO DE RESERVA E DE SOLICITUDE DE MATRICULA. IES A SANGRIÑA. CURSO 2023-24

NOTA INFORMATIVA PROCESO DE RESERVA E DE SOLICITUDE DE MATRICULA.

 IES A SANGRIÑA. CURSO 2023-24

Ao abeiro do disposto no art. 5 da ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o Decreto 13/2022, do 3 de febreiro, e se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, infórmase.

  1. Aberto prazo reserva matrícula dende centros adscritos:  ata o 6 de febreiro.
  2. 22 de febreiro.   Exposición no centro da listaxe de alumnado provinte dos centros adscritos con reserva admitida.
  3. Do 1 ao 20 de marzo: proceso de admisión de matrícula.
  4. O 25 de abril estará publicada  no centro a listaxe provisional de alumnado admitido para matricula en ESO no IES A Sangriña curso 2023-24.
  5. O prazo de formalización da matrícula para o IES A Sangriña en cursos da ESO e de Bacharelato do curso 2023-24 será do 23 de xuño ao 7 de xullo.

 O DIRECTOR

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut