Skip to Content

Igualdade

Deseñando unha mellor Educación Sexual

Educación Sexual IES A SANGRIÑA

Esta semana, os diferentes grupos de 1º de ESO e de 1º de Bacharelato, realizarán candanseu obradoiro de educación sexual, impartido por Sabela Salgueiro (traballadora social especializada en Educación Sexual Integral e Violencias Sexuais).

Os obxectivos para 1º de ESO son os seguintes:

  • Fomentar o desenvolvemento da identidade corporal.
  • Recoñecer a sexualidade como coñecemento social.
  • Analizar o contexto patriarcal e as súas consecuencias (estereotipos de xénero, sexismo e violencia).
  • Desmitificar o amor romántico.
  • Recoñecer relacións interpersoais non saudables e fomentar a comunicación efectiva.

Os obxectivos para o alumnado 1º de Bacharelato son:

  • Fomentar actitudes positivas cara a diversidade sexual.
  • Garantir o coñecemento do que é unha boa saúde sexual para promover a eliminación de comportamentos de risco.

A Sangriña reivindica o feminismo no 8M

8 M IES A Sangriña

Hoxe, 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha delegación do Grupo da Igualdade do IES A Sangriña acudiu á convocatoria do Concello da Guarda para reivindicar un mundo máis xusto e igualitario para as mulleres, as mozas e as nenas.

Deixámosvos a continuación o manifesto que alí leron as nosas alumnas:

MANIFESTO 8M 2024

IES A SANGRIÑA

Como diciamos o ano pasado, neste 8 de marzo, día da muller, o alumnado do instituto A Sangriña decidimos seguir erguendo a voz, polas que foron, polas que están e polas que aínda nos queda moito que loitar.

 

Este ano presenciamos situacións que non son dignas do tempo que vivimos. Un bico indigno e roubado a unha das nosas referentes no deporte, puxo de manifesto que a loita continúa e que non podemos darnos por vencidas. Que temos que seguir reivindicando a igualdade de dereitos e oportunidades.

 

O machismo e o sistema patriarcal está presente no noso día a día. Nas aulas seguimos observando que se presta máis atención á palabra deles que á delas. Os rapaces que sacan boas notas é porque son intelixentes, mentres que as nenas sacan boas notas porque son traballadoras. Eles sempre teñen o protagonismo con machiruladas porque se senten cheos de razón e de forza, aínda que o que estean a dicir sexan discursos carentes de toda lóxica ou fundamento. Eses eles dos que falamos non son todos, claro. Avanzamos aínda que haxa unha minoría ruidosa que se faga coa palabra e tente anular o pensamento e o discurso libre e formado.

 

E nós, as mozas e mozos que estamos hoxe aquí, somos as mulleres e homes do mañá. E isto ten que mudar xa! Acabouse!, dixemos no verán. Porque xa chegou a hora de vivirmos en igualdade, sen estereotipos nin prexuízos, cun reparto equitativo do diñeiro, do traballo e das oportunidades. Porque, compañeiras, nais, avoas... xa chegou a hora de rachar co establecido e sermos dunha vez persoas libres en pé de igualdade.

 

Acabouse!

Porque o futuro será feminista ou non será!

O 24N vestimos de negro contra a violencia machista!

25n

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

MANIFESTO 25N, I.E.S. A SANGRIÑA

Un 25 de novembro máis estamos aquí para denunciar a violencia machista. Ese tipo de violencia que se exerce contra as mulleres polo simple feito de selo. No que vai de ano levamos 38 asasinatos de mulleres a mans das súas parellas ou ex parellas, e como mostra diso podedes ver as súas siluetas nos nosos corredores. Sara, Mónica, Claudia, Mercedes, Lobna... nos vos esquecemos!

Por estes crimes, 26 menores quedaron orfos. No ano 2021, as vítimas mortais de violencia de xénero foron 44, crimes polos que quedaron orfos 30 menores. Desde 2003, primeiro ano no que se empezaron a rexistrar estes crimes, son 1.171 as vítimas.

Na actualidade, a violencia contra as mulleres e as nenas é unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo. A desigualdade entre os xéneros continúa en todo o mundo. Acabar con ela require esforzos enérxicos para combater a discriminación profundamente enraizada, que a miúdo é consecuencia de actitudes patriarcais e das normas sociais que estas implican.

Mais a violencia non son só os asasinatos, os golpes... A violencia contra as mulleres perséguenos a diario e vai máis alá.

Por iso un día coma hoxe queremos recordar que as discriminacións se combaten desde a base, para deste xeito vivirmos en igualdade e sen medo.

Queremos sentirnos seguras pola rúa, coa roupa que queiramos e co longo da saia que levemos. Sen piropos, sen opinións innecesarias. Queremos sentirnos libres para expresarnos, o que sentimos e que as nosas palabras se escoiten. Queremos ter voz propia. Queremos unha educación pública que defenda a igualdade e que axude a combater esta lacra.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut