Skip to Content

Dinamización da Biblioteca

A Biblioteca Magdalena Garabatos acada a súa petición 1000 neste curso 2022-2023


O pasado día 4 de maio entrou no sistema de préstamo, a través da aula virtual do centro, o pedido número 1000 deste curso académico. Victoria Linarez, de 1º de bacharelato C, solicitou o libro Carta ao cavaleiro de nada de João Marecos e ilustrado por Rachel Caiano (Livros Horizonte).

Durante a pandemia vímonos na obriga de habilitar un sistema que nos permitiese seguir mantendo o préstamo ao alumnado que non podía acceder á sala de lectura de maneira presencial. O departamento  de Tecnoloxía púxose a traballar e pouco a pouco foi perfeccionando un sistema que, a día de hoxe, con todas as restricións orixinadas pola pandemia xa superadas, segue aportando moitísima calidade á nosa BIblioteca. Así, o alumnado pode facer a súa petición desde a casa, sen ter que vir á biblioteca, podemos establecer listas de espera por rigorosa orde de petición e avisamos mediante correo electrónico dos retrasos nas entregas que poden prexudicar a outros usuarios.

Cando o alumnado vén á biblioteca en horario de recreos ten ao seu dispor os equipos informáticos para facer os pedidos e ao profesorado de garda disposto a axudar en calquera incidencia que poida xurdir. Cando o seu pedido está listo, reciben unha notificación para que pasen a recollelo. Este sistema permítenos ter un control moito máis minucioso da colección e atender as necesidades específicas do alumnado.

O equipo coordinador da Biblioteca Magdalena Garabatos quere aproveitar esta ocasión para agradecer á comunidade educativa o apoio e recibido e, en especial, ao alumnado usuario da biblioteca polo seu compromiso e uso respectuoso da mesma. Moitos parabéns para todas e todos.

MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS

Mañá, venres 28, durante os dous recreos, haberá un mercado de libros de segunda man, doados por membros da comunidade educativa, para recaudar fondos para o “Proxecto Paleng”, que traballa polo fomento da lectura en lingua autóctona no Lesotho rural.

Se queres doar libros para o mercado e aínda non os trouxeches, estás a tempo! Entrégaos mañá a primeira hora na biblioteca ou na sala do profesorado. Libros en bo estado, de calquera temática. En edicións anteriores tiveron moi boa acollida os libros infantís.

Vinde mañá darlles unha segunda vida a estes libros, descubriredes interesantes futuras lecturas por prezos moi baixiños, e ademais estaredes colaborando con este bonito proxecto.

 

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Preme na imaxe para aumentar.

APÚNTATE NO TORNEO DE XADREZ!

Apúntate ao torneo de xadrez do IES A Sangriña. Tes unha listaxe para facelo biblioteca. 

O prazo de inscricións acaba o día 15 de febreiro. O noso trofeo pode ser teu!

Distribuir contido


by Dr. Radut