Skip to Content

Dinamización da Biblioteca

LECTURA COLECTIVA DE “MEMORIAS DUN NENO LABREGO”

No IES A SANGRIÑA celebramos o día das lectoras e dos lectores deste 2021 cunha actividade moi especial, unha lectura colectiva de Memorias dun neno labrego. Desta maneira, a conmemoración estendeuse tamén á celebración do aniversario de Xosé Neira Vilas, autor dun libro internacionalmente recoñecido e imprescindible na historia da nosa literatura.

Alumnas e alumnos de todos os niveis, desde 1º de ESO a 2º de Bacharelato participaron nesta intensa actividade de lectura sucesiva tanto nas súas aulas como nas instalacións da biblioteca do centro.

Agora, queremos sacar esta lectura fóra das paredes do instituto con dous vídeos que recollen unha xornada que deixou un grato recordo a todas as persoas participantes. Para isto, publicamos un vídeo resumo da mesma e un segundo vídeo máis completo onde todo o alumnado poderá ver tanto a súa propia lectura como a dos seus compañeiros e compañeiras.

VÍDEO RESUMO:

VÍDEO COMPLETO:

LUNS COMEZAMOS A HORA DE LER

QUEN DIXO MEDO?

No IES A Sangriña celebramos este ano o Samaín cun certame de contos de misterio e terror. O concurso está organizado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Bibliotrega do Miño. A participación está aberta a todos os alumnos e alumnas de ESO, Bacharelato e FP. Para participar só terás que seguir as seguintes indicacións:

  1. Aproveita a noite de defuntos para escribir o teu relato de terror ou de misterio.
  2. Non hai límite de palabras, pero só terás unha páxina de espazo. Podes facer a letra endemoñadamente pequena.
  3. Se queres, acompaña o texto dunha imaxe horripilante (aínda que non sexa obrigatorio).
  4. Haberá dúas categorías e un premio para cada unha delas: CATEGORÍA A (alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO) e CATEGORÍA B (alumnado de 4º de ESO e Bacharelato). O alumnado de FP participará na categoría que por idade lle corresponda.
  5. Envía o teu relato por e-mail á conta asangrinha.edlg@gmail.com indicando o teu nome completo, curso e grupo. A data límite de recepción será o 5 de novembro. Os mellores traballos publicaranse en Internet.
  6. Os premios terán un importe de 30 € e serán entregados nun vale que deberá empregarse no comercio local.

AGASALLA UN LIBRO E UNHA FLOR

Co gallo da celebración o vindeiro día 23 de abril do Día do Libro, desde a Bibliotrega queremos que vos animedes a participar na actividade Agasalla un libro e unha flor. 

A proposta é como segue: descarga unha imaxe da portada do libro que recomendarías ou ofrecerías, xunto coa imaxe dunha flor. Podes asinar ou non a túa recomendación. Se tes posibilidade de imprimilo en cor, entrégallo ao profesorado resposable da biblioteca (David Andrade e María Carneiro). Tamén podes remitilo á dirección de correo electrónico bibliotrega@gmail.com con data límite do vindeiro mércores día 21. As vosas propostas serán expostas para que sexan un agasallo para todas e todos, na celebración do Día do Libro.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut