Skip to Content

Centro Residencial Docente de Vigo. Convocatoria Residentes 2023/2024

Centro Residencial Docente de Vigo

O Centro Residencial Docente de Vigo é un centro educativo para que os estudantes de ensino secundario ou ciclos formativos que teñan a súa residencia habitual lonxe desta localidade (VIGO) poidan cursar os seus estudos e, excepcionalmente, tamén para o alumnado universitario. O nóso Centro está situado na estrada de Madrid, no alto do monte Meixoeiro, xunto ao Complexo hospitalario do mesmo nome, e circundado polos centros escolares CIFP Manuel Antonio (compartimos recinto, instalacións e servizos), o IES Carlos Casares, o IES Ricardo Mella, e o CIFP Valentín Paz Andrade. Varias liñas de transporte urbano permiten a súa comunicación coa cidade.

O NÚMERO DE PRAZAS VACANTES PARA O CURSO 23/24 NO CRD DE VIGO É DE 111 PRAZAS.

Consulta aquí toda a información.

Madrid das Letras 2024

Madrid das Letras Sangriña

O noso alumnado de Literatura Universal viaxou a pasada semana ao Madrid das Letras. Nesta saída de estudos, de apenas dous días de duración, a rapazada puido coñecer algúns lugares fundamentais da historia da literatura española, como a imprenta de Juan de la Cuesta, da que saíu a primeira edición do Quixote, a casa de Lope de Vega, o Barrio das Letras, a casa (e arquivo) do pai da filoloxía hispánica, Ramón Menédez Pidal, a Residencia de Estudiantes e a Residencia de Señoritas, xermes ambas da Xeración do 27. Aproveitouse a ocasión para visitar o Museo do Prado, a Cuesta Moyano, a casa museo Sorolla, así como para asistir a unha representación teatral no Teatro Lara.

Un tempo ben aproveitado!.

Podes ver o álbum de fotos da excursión aquí.

Entrega de premios no IES A Sangriña

Premios Dinamización da Lingua Galega IES A Sangriña

Esta mañá, na Bibliotrega, entregáronse os premios de diferentes concursos organizados ao longo deste ano 2024 polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e polo Equipo de Dinamización da Biblioteca do IES A Sangriña.

Nas imaxes que ilustran esta noticia podedes ver a Daniela Pereira e Claudia Rodal e a Mario Alonso recollendo as súas acreditacións como gañadores do VII Concurso de Ilustración.

David Fernández Miniño foi galardoado cos premios O Apalpador de debuxo de Nadal e Rosalía de Castro de lettering. Recollendo o primeiro dos premios aparece acompañado polas finalistas Carla Iglesias e Mara Rodríguez e no segundo por Karen Castro (o outro finalista do concurso de lettering foi Iago Baz).

Finalista do premio de poesía Arrimar os lombos foi a alumna Jovana Ferre, aparece na fotografía con Mateo González e Marcos Giráldez que, xunto con Gabriel Sobrino, resultaron gañadores do certame.

Finalmente, a clase de 4º de ESO (grupo PDC) foi a vencedora do Concurso de bandeirolas do Día das Letras Galegas, do que o alumnado 1º de ESO B resultou finalista.

Moitas grazas a todo o estudantado participante nos concursos deste 2024!!!

Proxecta + em portugués

Proxecta en portugués A Sangriña

No ámbito do programa Proxecta+, o noso alumnado tivo a oportunidade de participar nunha innovadora actividade que demostra a importancia dos coñecementos de galego e a súa utilidade máis aló das fronteiras da nosa comunidade. Nesta ocasión, tratouse dunha aula de matemáticas na que a profesora Laura Martínez introduciu material audiovisual elaborado no Brasil.

Esta experiencia enriqueceu enormemente o proceso de aprendizaxe, xa que os estudantes descubriron que a súa competencia en galego lles permite comprender e utilizar recursos en portugués sen maior dificultade. O semellante entre ambas as linguas facilitou que puidesen seguir as explicacións e aproveitar o contido educativo de vídeos creados por docentes brasileiros.

A actividade consistiu en visionar unha serie de vídeos nos que se explicaban diversos conceptos matemáticos. Os estudantes mostraron un grande interese e participaron activamente, demostrando que a linguaxe non era unha barreira para eles. Grazas a esta iniciativa, os alumnos non só ampliaron os seus coñecementos matemáticos, senón que tamén tomaron conciencia da proximidade cultural e lingüística co mundo lusófono.

O programa Proxecta+ segue a promover actividades que non só reforzan o currículo académico, senón que tamén fomentan a apertura cultural e a apreciación das vantaxes do plurilingüismo. A través de iniciativas coma esta, continuamos a traballar para formar cidadáns competentes e con visión global.

Parabéns a todos os participantes e á profesora Laura Martínez por liderar esta valiosa experiencia educativa. Estamos desexando ver as próximas actividades e seguir a aprender de xeito tan enriquecedor e motivador.

Coser para loitar. Proxecto educativo contra a moda rápida

Contra a moda rápida

Coser para loitar é un proxecto educativo consciente co noso amado medio ambiente. O alumnado de 1º da ESO púxose mans á obra para denunciar a problemática ambiental causada pola moda rápida. A falta de consciencia, o ego, e a obsesión que os grandes magnates da moda rápida crean na humanidade, producen toneladas de roupa que se acumulan en espazos naturais.

Para loitar e denunciar esta situación montamos o seguinte lío:

Organizamos un evento para o que foi necesario:

  • Doar e recoller roupa usada.
  • Elaborar traxes para un desfile a partir de roupa usada, para o que deseñamos e cosemos na aula.
  • Organizar un mercadillo para darlle saída á roupa e aos complementos usados.
  • Facer un grande desfile polas instalacións do centro.

Visitamos o Centro SAFIT

Safit A Sangriña

Os nosos alumnos visitaron o Centro SAFIT. Alí puideron probar diferente equipamento na sala de máquinas e aparatos de musculación e realizar actividades supervisados polo seu persoal especializado en pilates.

Safit é recoñecido por ofrecer un servizo de alta calidade e un compromiso coa saúde e o benestar dos seus clientes. O centro dispón dunha gran variedade de clases de Pilates pensadas para adaptarse ás necesidades de cada persoa, desde os iniciantes ata os niveis máis avanzados. Ademais, as súas instalacións están dotadas dos máis modernos equipos e contan con monitores altamente cualificados que orientan ao alumnado en cada sesión.

Para máis información podes consultar o seu Facebook aquí.

Calendario de exames Avaliación Extraordinaria de 1º de Bacharelato

Extraordinaria 1º de Bacharelato

Na ligazón que publicada ao final desta nova pódese consultar o calendario de exames para as probas da avaliación extraordinaria de 1º de Bacharelato no IES A Sangriña.

Aqueles/as profesores/as que teñan horas de docencia nas horas asignadas para estas probas de recuperación, priorizarán a proba sendo substituídos por un profesor/a de garda no grupo no que tiveren docencia asignada en simultáneo.

O calendario de exames pode consultarse premendo aquí.

Procedemento RECLAMACIÓN das cualificacións obtidas na avaliación de 1º de BACHARELATO e ESO

 

  

Consulta do procedemento e os prazos para a reclamación das cualificacións obtidas na avaliación ordinaria e extraordinaria de 1º de Bacharelato e de ESO premendo aquí.

 

Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico

Premios ESO

Os Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico van dirixidos ao alumnado que finalizase os estudos de educación secundaria obrigatoria neste curso nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia. O prazo de solicitude é do 07/06/2024 ás 00:00 ao 08/07/2024 ás 23:59.

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

  1. Ter cursado durante o ano académico 2023/24 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, seguindo o currículo oficial vixente nela.
  2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.
  3. Ter obtido no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos. A nota media calcularase de acordo co establecido no artigo 29.2 da Orde do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 183, do 26 de setembro).

Todos os requisitos relacionados neste artigo deberán posuírse no día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Para consultar a información completa e facer a solicitude, podes premer aquí.

Somos finalistas do concurso «Empresa familiar nas aulas»

Premios_AGEF_IES A Sangriña

O noso alumnado de Economía de 1º de Bacharelato acudiu a Santiago de Compostela para recibir o recoñecemento á súa participación no concurso «Empresa familiar nas aulas», do que foron finalistas.

«Empresa familiar nas aulas», organizado pola Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF) e Afundación, ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor da mocidade galega. Nesta cuarta edición, ademais das charlas de 18 empresarios en centros educativos e as visitas dos estudantes ás compañías familiares participantes, o programa incluíu un taller práctico de economía circular. Os IES Xoán Montes e Félix Muriel gañaron o concurso con proxectos de emprendemento sostible.

Distribuir contido


by Dr. Radut