Estudar na escola oficial de idiomas

Este apartado recolle información sobre as opcións dispoñibles á hora de se matricular nunha escola oficial de idiomas.

  • Que é unha escola oficial de idiomas.
  • Modalidades de matrícula: oficial e libre.
  • Tipoloxía de cursos.
  • Títulos e certificacións.
  • Os niveis e o seu significado.
  • Acceso: que facer se ten coñecementos previos.
  • Canto custa matricularse: as taxas. Descontos.
  • Continuidade dos estudos.
  • Adaptación ás distintas capacidades.

Que é unha escola oficial de idiomas

As escolas oficiais de idiomas son centros de ensino públicos especializados na aprendizaxe de idiomas. En Galicia, existen 11 escolas e un número maior de extensións que dependen da consellería competente en materia de educación. Existen centros similares, con plans de estudios estruturados nos mesmos niveis en todas as autonomías.

Os grupos presenciais están estruturados en dúas clases semanais de dúas horas de duración cada unha delas. A dispoñibilidade de horarios varía de ano en ano segundo os niveis e idiomas para tentar garantir a continuidade dos estudos das persoas matriculadas.

Os plans de estudos das escolas oficiais de idiomas están estruturados en niveis regulados polo Real Decreto 1041/2017 e o Decreto 81/2018.

Pese ao alto nivel de especialización acadado, as titulación das ensinanzas correponden a un nivel de ensino secundario, non universitario.

Modalidades de matrícula

  • Matrícula oficial: inclúe a asistencia ás clases durante todo o curso académico, de outubro a maio. Os plans de estudos inclúen cursos de promoción e de certificación, segundo os plans das diferentes linguas.
    • Asígnase un grupo de aprendizaxe estable.
    • Cursos presenciais dúas veces á semana, dúas horas cada día.
    • Cursos semi-presenciais: curso B2.1 e B2.2 de inglés.
    • Acceso directo a cursos avanzados en función de estudos previos ou unha proba de clasificación.
    • Persoa docente asignada ao grupo con titorías semanais.
    • Avaliación de progreso a mediados de curso: información individualizada sobre como avanza o proceso de aprendizaxe.
    • Dúas posibilidades de superar o curso: convocatorias ordinaria e extraordinaria incluídas na matrícula.
    • A matrícula no curso de certificación inclúe o dereito a presentarse ás probas de certificación nas dúas convocatorias (ordinaria e extraordinaria).
    • Acceso ás actividades reservadas ao alumnado do centro e o servizo de empréstito da biblioteca.
    • Prioridade á hora de continuar estudos.
    • Posibilidade de trasladar a matrícula a outra escola oficial de idiomas, caso de ser necesario.
    • Posibilidade de solicitar bolsa ao abeiro da convocatoria xeral.
  • Matrícula libre: permite presentarse ás probas de certificación do(s) idioma(s) e nivel para o que se formaliza matricula.
    • Matrícula nas probas de certificación dos niveis e linguas desexados, sen necesidade de demostrar coñecementos previos.
    • Convocatoria única.
    • Non inclúe asistencia a aulas nin titorización.
    • Acceso a servizos da escola como empréstito da biblioteca ou actividades dende o momento en que se matricula.
  • Outros cursos non regrados: cursos específicos, xeralmente cuadrimestrais. Co seu propio prazo de matrícula.
    • Cursos de destrezas para A2 (para o turismo) e B2 de alemán, B2 e C1 de italiano, B1, B2 e C1 de inglés.
    • Curso preparatorio para a proba de certificación libre C1 de inglés.
    • Cursos preparatorios para as probas Celga 4.
    • Cursos de Linguaxe Administrativa nivel medio e superior.
    • Cursos de actualización lingüística para o profesorado niveis B2 e C1 de inglés e nivel C1 de galego.

Os niveis e o seu significado

A continuación ofrecemos unha breve descrición das capacidades que se adquiren nos diferentes niveis. Para facernos unha idea das descricións, debemos considerar que os niveis de lingua A2 e B1 son os que empregamos a maior parte das veces en situacións cotiás. A partir do nivel B2, estamos a falar da lingua que empregamos en escenarios comunicativos profesionais e formais.

O alumnado que supere o nivel básico A1 será capaz de desenvolverse de forma elemental e satisfacer necesidades de tipo inmediato. Igualmente, poderá actuar en situacións moi cotiás mediando entre falantes de distintas linguas para facilitar a comunicación.
O alumnado que acade este nivel disporá das competencias que lle permitan utilizar o idioma, oralmente e por escrito, de maneira eficaz e apropiada en situacións comunicativas moi concretas e predicibles relativas a necesidades inmediatas e que requiran comprender e producir textos orais e escritos moi breves e sinxelos nun rexistro neutro da lingua estándar.

O alumnado que supere o nivel básico A2 será capaz de levar a cabo tarefas simples e cotiás sobre cuestións coñecidas e habituais.
Igualmente, poderá actuar en situacións cotiás de comunicación mediando entre falantes de distintas linguas que non poidan comprenderse de forma directa.
O alumnado que acade este nivel disporá das competencias que lle permitan utilizar o idioma, oralmente e por escrito, de maneira eficaz e apropiada en actividades comunicativas sinxelas e habituais relativas a necesidades inmediatas e que requiran comprender e producir textos breves que conteñan expresións e estruturas básicas e termos sinxelos de lingua estándar.

O alumnado que supere o nivel intermedio B1 poderá comunicarse en situacións cotiás (traballo, estudos, ocio…) e en contextos de lingua previsible, nun rexistro neutro –aínda que vacile, faga pausas e cometa algún erro– cunha razoable corrección, certa seguridade e eficacia; comprenderá sen dificultade os puntos principais de textos orais e escritos claros en lingua estándar en situacións coñecidas; será quen de producir textos sinxelos nos que xustifique brevemente opinións, pida aclaracións, explique brevemente un problema…
O alumnado que acade este nivel disporá dun coñecemento básico da lingua, gozará dun repertorio amplo de estruturas morfosintácticas sinxelas e dominará o léxico común dos contextos comunicativos habituais e frecuentes.

O alumnado que supere o nivel intermedio B2 poderá comunicarse sen esforzo con certo grao de fluidez e naturalidade en situacións habituais e específicas –sen erros importantes e cunha pronuncia clara–; posuirá conciencia lingüística suficiente para corrixirse e resolver ambigüidades; terá en conta a situación comunicativa para adaptarse ao rexistro; comprenderá textos orais e escritos de certa complexidade e distinguirá sen dificultade as ideas principais en textos de carácter concreto e abstracto. Será quen de producir textos claros e detallados sobre temas xerais diversos, poderá defender puntos de vista sobre cuestións xerais, indicando os puntos a favor e en contra e buscando argumentos para as distintas opcións.
O alumnado que acade este nivel disporá dun coñecemento da lingua suficiente para matizar e argumentar, gozará dun amplo repertorio de estruturas morfosintácticas variadas e algunhas complexas e disporá dunha riqueza léxica suficiente para expresarse, incluídas expresións idiomáticas de uso común.

O alumnado que supere o nivel avanzado C1 poderá comunicarse case sen esforzo, dun xeito fluído e espontáneo nos ámbitos persoal e público, así como en actividades específicas nos campos académico e profesional. Comprenderá a información importante e os aspectos e detalles relevantes dunha ampla gama de textos orais, e tamén será capaz de entender opinións e actitudes tanto implícitas como explícitas. Comprenderá en detalle textos escritos, extensos e conceptualmente complexos, sempre que poida reler determinadas partes do texto; será quen de producir textos escritos ben estruturados e sobre temas de certa complexidade. Empregará, de maneira correcta, estruturas, mecanismos de cohesión e un léxico axeitado e variado para resaltar, sintetizar, ampliar e defender puntos de vista, que permitan rematar a produción cunha conclusión argumentada.
O alumnado que acade este nivel disporá dun bo coñecemento da lingua e un repertorio de expresións idiomáticas que lle permitan apreciar, expresar e trasladar matices de significados.

O alumnado que supere o nivel avanzado C2 poderá comunicarse sen esforzo aparente, con precisión e corrección, nos ámbitos persoal, público, académico e profesional; comprenderá practicamente calquera tipo de texto oral ou escrito, independentemente da súa extensión, velocidade, complexidade, temática ou tipoloxía e será quen de recoñecer os sentidos implícitos. Ademais, será capaz de empregar axeitadamente os mecanismos de organización e cohesión textual e elixirá o léxico e as expresións apropiadas ao nivel, ao rexistro e á finalidade de cada discurso. Así mesmo, transmitirá ideas de forma oral ou escrita con naturalidade, soltura e fluidez.
O alumnado que acade este nivel disporá dun amplo coñecemento da lingua e dun repertorio extenso de expresións idiomáticas e coloquiais que lle permitan apreciar, sintetizar, expresar e trasladar matices sutís de carácter semántico, lingüístico ou pragmático.

Títulos e certificados

Os títulos e certificados que se expiden ao superar os cursos están referenciados ao niveis A1, A2, B1, B2, C1 e C2 con validez internacional. Estas certificacións son habitualmente recoñecidas e valoradas en convocatorias de emprego en organismos como Correos, Guardia Civil, Corpo Nacional de Policía e na maior parte das oposcións de acceso a postos de emprego público.

As empresas privadas tamñen valoran moi positivamente as nosas certificacións porque reflicten un coñecemento práctico das linguas, tanto a nivel oral como escrito.

Acceso directo a cursos distintos de primeiro

A matricula como alumnado oficial nun curso distinto ao inicial é posible mediante coas seguintes opcións:

  • Acceso directo: acreditando estudos xa realizados, pódese continuar no seguinte nivel. Máis información.
  • Proba de clasificación. Unha proba a principio de curso para valorar en que nivel debe matricularse a persoa candidata. Máis información.

A matrícula libre pode formalizarse para calquera nivel sen necesidade de acreditar coñecementos previos.

Taxas e bolsas

Lei 6/2003, do 9 de decembro, D.O.G. do 11, regula as taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. As cuantías das taxas para os estudos nas escolas oficiais de idiomas foron actualizadas polo Decreto 89/2013, do 13 de xuño, (DOG do 17/06/2013).

Os prezos públicos a abonar, por curso ou convocatoria, son:

  • Apertura de expediente: 22,00€ (só a primeira vez que se formaliza matricula nunha escola oficial de idiomas).
  • Servizos xerais: 13,00€ (só alumnado oficial)
  • Por cada idioma: 92,00€ alumnado oficial / 46,00€ alumnado libre.

O alumnado matriculado pola quenda oficial pode solicitar bolsa ao abeiro da convocatoria anual. Caso de obter beca, accederá á gratuidade de matrícula. Máis información.

As reduccións e exencións das taxas están recollidas na normativa arriba mencionada. As familias numerosas de categoría xeral teñen un 50% de desconto. A gratuidade total abrangue a: familias numerosas de categoría especial, víctimas de atentados terroristas, victimas de violencia de xénero, persoas con unha discapacidade igual ou superior ao 33%, funcionarios docentes (só a primeira matrícula no nivel).

Continuidade dos estudos. Traslado de matrícula

É posible trasladar a matrícula a calquera outra escola oficial de idiomas até o 30 de abril, suxeito á dispoñibilidade de prazas no centro de destino. Dentro da nosa comunidade autónoma, o traslado é sempre gratuito. No caso de traslado a outra autonomía, recomendamos consultar a dispoñibilidde de praza no nivel da lingua que está a estudar e o custe da matrícula, se houber.

Pode interromper os seus estudos cando o precise e retomalos máis adiante. Nunca perderá os curso completados, avaliados e certificados.

Os plans de estudos están concebidos para poder retomar e continuar a aprendizaxe das linguas aínda que transcorran anos. Sempre que se producen cambios, establécense pasarelas entre os distintos plans de estudos. Non é infrecuente o caso de persoas que retoman os seus estudos despois de varios anos de pausa debido a causas pesoais, familiares ou laborais.

Adaptación ás distintas capacidades

Calquera persoa que precisa de adaptación das probas por razón da súa condición pode solicitar a adaptación das probas no momento de formalizar a matrícula, aportando o certificado da discapacidade que motiva a solicitude. O centro tramitará a aolicitude para que o equipo de orientación emita o informe no que se detalle a adaptación. Modelo de solicitude.