3º ciclo

A quen lle gustan as nabizas?

Hoxe os nenos e nenas de infantil axudaron aos de sexto a sementar nabizas.

 

REUNÓN INICIO DE CURSO 5º E 6º PRIMARIA

02/10/2018 16:30

martes 2 de outubro, ás 16:30, terá lugar no salón de actos do CEIP de Sigüeiro unha reunión informativa coas familias do alumnado que cursa 5º e 6º de E. Primaria. Agardámosvos.

REUNIÓN INFORMATIVA 5º DE PRIMARIA

26/09/2018 16:30

mércores 26 de setembro, ás 16:30, terá lugar unha reunión informativa coas familias do alumnado que cursa 5º de E. Primaria participante no programa E-Dixgal. Agardámosvos.

E-DIXGAL: ALUMNADO 5º DE PRIMARIA

O noso centro resultou seleccionado no Proxecto de Educación Dixital "E-Dixgal", a través do cal se utilizarán materiais dixitais como referencia para o desenvolvemento curricular. Por tanto, non se empregarán os libros de texto; pero si os cadernos de actividades (lingua inglesa e música) que se relacionan no cadro.

Segundo o artigo 1 da ORDE do 9 de maio de 2018, o alumnado matriculado en 5º de Primaria (nivel incluído no proxecto) o vindeiro curso, está excluído da participación no fondo solidario de libros de texto. Non obstante, terá dereito á axuda para adquirir material escolar se reúne os requisitos establecidos. 


 

"Let It Go"

Para poñer o broche final a este curso cheo de cancións en inglés, unhas alumnas de 6º prepararon "Let It Go", da banda sonora da película Frozen para cantar en directo no festival de fin de curso.

Aquí vos deixamos o video do ensaio previo. Simplemente, xeniais! 

Graduación

Onte, ademais de rematar o curso escolar, era un día especial para o noso alumnado que remataba a etapa de Educación Infantil e a de Educación Primaria. Así que tivemos un pequeno acto de graduación para conmemoralo.

O alumnado de 6º de Infantil despedíase das mestras que os acompañaron durante estes 3 cursos nos seus inicios na vida escolar cantando unha versión do tradicional "Gaudeamus".

 

E o de 6º de Primaria, entre bágoas por abandonar o colexio que os viu medrar, entoaba unha versión de Mike Oldfield. Todos recibían o diploma que acreditaba o seu paso polo CEIP de Sigüeiro.

  

Moitos parabéns a todos/as!!! E moita sorte na nova etapa que comezades!!!

Na cultura e no deporte, as nosas rapazas

E se hai poucos días unha alumna de 6º curso do noso centro, Carla Veiga, se facía merecedora do Recoñecemento Especial á Promesa no eido cultural pola súa habilidade tocando o violín, hoxe tócalle a outra alumna do noso colexio por destacar en varias disciplinas deportivas. Estamos a falar da alumna de 5º curso Laura Ruíz, finalista na fase provincial das carreiras de campo a través do programa Xogade e que practica futbol e hóckey entre outros deportes. Non podemos estar máis orgullosos de que dúas alumnas do noso centro destaquen en ámbalas dúas disciplinas. Parabéns!

 

 

Andamos un tramo do Camiño Inglés

O pasado venres, alumnado e profesorado de 5º e 6º de Primaria do noso centro e tamén do CEIP do Camiño Inglés, propuxémonos percorrer o trazado do Camiño Real ou Inglés polo noso concello. Contamos coa presenza de Manuel Pazos, historiador e responsable da biblioteca pública municipal. Desprazámonos en bus ata Carrás, na localidade de Montaos nos límites do veciño concello de Ordes. Dende alí, comezamos a camiñata pola Baxoia cara Deixebre. Tras achegarnos á antiga reitoral para observar o reloxo de sol, paramos a descansar e merendar na milagreira Fonte da Santiña, sempre atentos/as ás explicacións de Manolo. Despois continuamos por Oroso, onde paramos a visitar o Castro de Vilalbarro, un dos mellor conservados do concello coa súa croa e o seu foso. Continuariamos por Oroso Pequeno, e atravesando o Parque do Carboeiro entrariamos en Sigüeiro. A última parada sería a Ponte Medieval de Sigüeiro, que delimita Oroso e Santiago. Baixamos a observar os seus arcos e voltamos ao colexio.

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Tramo do Camiño Inglés

Educación para a saúde: o alcohol, o tabaco e outras drogas

Hoxe acompañáronnos no centro Lupe e Manolo, dous enfermeiros do centro de saúde de Sigüeiro e unha estudante de medicina da USC. Na súa labor de prevención, viñeron falarnos do alcohol, o tabaco e outras drogas e os riscos de inxerir estas substancias para o noso corpo e tamén para os que nos rodean. Aprendemos un montón de cousas que descoñecíamos e fixémoslles moitas preguntas. Gracias por coidarnos sempre!

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Charla saúde

Saída fin de curso 5º e 6º: Illas Cíes

O martes 12 os alumnos/as e mestres de 5º e 6º do CEIP de Sigüeiro desprazámonos ata Vigo onde colleriamos o catamarán que nos levaría ata as Illas Cíes.

  

Alí realizamos un roteiro guiado cuns monitores. Despois xantaríamos na Praia de Rodas, considerada a mellor praia do mundo segundo o xornal británico The Guardian. Pero coidado! As gaivotas querían probar do noso xantar!

 

Á tarde, comezarían os xogos na praia e despois de mercar un xeado ou un refresco emprenderiamos de novo rumbo a Vigo. Pero as sorpresas non remataban aí. Durante a viaxe de volta, os monitores puxeron musica na cuberta do barco e todos nos contaxiamos e nos puxemos a bailar. Unha auténtica festa! 

  

E xa temos as primeiras fotos da xornada:

Álbum: Curso 2017 - 2018 -> Illas Cíes