2º ciclo

O Camiño de Inverno: Os canóns do Sil e a Fraga de Catasós

O alumnado de 4º de Primaria engaden á nosa guía sobre os Camiños de Santiago unha das rutas máis descoñecidas, o Camiño de Inverno. Sabes por onde discorre? Fai clic na seguinte imaxe e descubriralo:

 

Camiño de Fisterra: Os Faros de Muxía e Fisterra

Continuamos a nosa guía sobre os Camiños de Santiago coa única ruta que, en vez de finalizar en Compostela, parte desta cidade. Por suposto estamos a falar do Camiño de Fisterra. Os alumnos/as de 3º de Primaria investigaron dous faros que podemos atopar nesta ruta. Sabedes cales son? Facede clic nas imaxes para descubrilos:

Taller práctico de sensibilización da UE

Hoxe o alumnado de 4º de Primaria participou nun obradoiro sobre a Unión Europea organizado por Europe Direct A Coruña, centro de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña. O taller consistiu nunha serie de preguntas e xogos sobre os países da UE, as súas bandeiras e a súa ubicación no mapa. Esta iniciativa enmárcase dentro da celebración do Día de Europa o vindeiro 9 de maio.

 

 

Reunión informativa 3º

14/09/2021 16:30

O martes 14 de setembro ás 16:30h terá lugar no Salón de Actos unha reunión informativa para as familias do alumnado de 3º de Primaria na que se falará sobre a organización do novo curso escolar. Para evitar aglomeracións, recomendamos puntualidade e asistencia dun único familiar por neno/a.

Reunión informativa 4º

14/09/2021 18:00

O martes 14 de setembro ás 18h terá lugar no Salón de Actos unha reunión informativa para as familias do alumnado de 4º de Primaria na que se falará sobre a organización do novo curso escolar. Para evitar aglomeracións, recomendamos puntualidade e asistencia dun único familiar por neno/a.

CAMPIÓNS DE TENIS DE MESA

O pasado 6 de xuño celebrouse o Campeonato Galego de Tenis de Mesa e tres alumnos/as do noso centro resultaron clasificados na categoría prebenxamín: Sasha Malov (3ºA) obteu o 1º posto, Rui Pérez (3ºB) o 3º lugar (3ºB) e Iago Viqueira (3ºB) en 5ª posición. Parabéns aos tres!

Pero a cousa non queda aí. O 27 de xuño celebrouse en Antequera o Campeonato de España e o 3 e 4 de xullo a Reactif Internacional Youth Open Uljap Roncq en Francia. E sabedes quen logrou a medalla de ouro en ámbalas dúas competicións? Pois o noso alumno Sasha Malov a quen felicitamos novamente dende o centro. Parabéns campión!


 

XORNADA DE CONVIVENCIA CRA DE OROSO

Hoxe recibimos no colexio a familias e alumnado do CRA de Oroso, que se incorporarán ao centro no vindeiro curso. Foi unha xornada moi agarimosa. Primeiro tivo lugar unha recepción no salón de actos, alí alumnado noso de 4º de Primaria, que tamén viñeron no seu momento do CRA, puideron trasladarlle a súa experiencia no cambio de centro. Por outra banda alumnado de 6º de Primaria agasallounos cun par de representacións, estiveron xenial! Xa despois visitamos algunha aula, a biblioteca... e no comedor esperábanos unha merendiña. Nada máis e nada menos que pizza e unha copa de chocolate!!! Por último visitamos os patios, onde descubrimos que había un montón de nenos e nenas no recreo. E para rematar volta para as nosas casas cunha bolsiña que nos deron cun zume e magdalenas.    

   

MURAL REMATADO!

Xa temos o mural listo cunha fermosa paisaxe na que figuran as once parroquias do concello de Oroso, ademais de Vilacide e Porto Avieira, os seus cinco ríos máis importantes e as altitudes máis salientables entre as que destaca o monte do Petón con 375 m. na parroquia de Senra. Nos vindeiros días este muro serviranos para montar un Rocódromo, no que poidan escalar todos os nenos, beneficiándose así das múltiples capacidades físicas e psíquicas que aporta.

  

 

ROSCO Ó RESCATE

O alumnado de 3º e 4º celebramos o Día do medio ambiente con Rosco, co que aprendemos un montón de boas prácticas para protexer a natureza, grazas á Casa Grande de Xanceda.

Deunos consellos tan bos coma: levar unha bolsa de tea á compra, recoller o lixo cando saiamos de paseo pola natureza, apagar as luces cando non son precisas, pechar a billa mentres lavamos os dentes, plantar unha árbore, reciclar... Ah! e ensináronnos un precioso robot feito con material de refugallo, basicamente con latas de conservas. E ademais, agasalláronnos cun lapis moi especial que... Contiña sementes!!!

 

 

OBRADOIRO DE XELA

Hoxe tivo lugar outra das actividades para conmemorar a figura de Xela Arias. Esta vez foi o alumnado de 4º o partícipe dun obradoiro sobre Xela, que nos ofreceu a Asociación de escritores en Lingua Galega con Andrea como guía. Achegámonos á Xela Nai a través do seu libro "Dario a diario" e soubemos que a súa poesía se caracteriza polo verso libre. Nada mellor que levalo á práctica para descubrir de que se trata, e en nada, convertímonos en poetas. Tivemos que traer ao colexio unha fotografía con alguén da nosa familia a quen lle escribimos un poema. Fixemos unhas composicións xeniais!!!