ACTIVIDADES 1º EDUCACIÓN PRIMARIA:

Actualización a 23 de marzo de 2020

Bos días familias, esta fin de semana puidemos comprobar o que xa moitos nos temíamos, a cuarentena se alongará por dúas semanas máis. Nun principio, tanto a mestra Silvia coma o mestre Crespo decidimos enviar unha serie de actividades semellantes ao realizado nas aulas nos últimos meses para que o alumnado non perdese o ritmo e puidese continuar dende casa unha rutina de traballo.

Ao abeiro das novas máis recentes debemos introducir novas actividades para o alumnado. Estas novas actividades están pensadas para que cada familia as administre como vexa oportuno, pero están pensadas para que cada día o alumno ou alumna se sente a traballar un chisco pola mañá. A secuencia de actividades sería a seguinte:

Arrancando o día. Mecánica lectora: procuraremos atopar lecturas acordes á idade do alumnado de primeiro, pero sempre será máis recomendable o uso dun conto que xa coñeza o alumno, deste xeito nos centramos só na mecánica lectora, no recoñecemento das letras, na lectura sen silabeo e controlando a respiración -facendo pausas ao final das palabras-. Tempo estimado: 15 minutos.

Traballo de lingua ou matemáticas: buscaremos diferentes actividades que iremos colgando como xa o fixemos a semana pasada. Non é preciso facelas todas e non é preciso facer esas exactamente. Son un modelo que vos servirá a vós para que sepades que tipo de actividades realizamos en clase. Sentídevos libres para modificar ou ampliar calquera actividade que vos propoñamos. Tempo estimado: 1 hora.

Estas actividades xirarán sobre estes contidos:

  • Lingua: lectura, escritura copiando, inicio á escritura sen copiar -composición de oracións usando palabras dadas-.
  • Matemáticas: conteo, suma sen levadas, suma con levadas e resta sen levadas.

Traballo creativo: o alumnado de primeiro de primaria aínda se atopa nunh parte moi iniciática do desenvolvemento cognitivo. Debemos proporcionarlles actividades que axuden a desenvolver a súa creatividade. Sempre ao final da sesión de traballo e por tempo ilimitado, debemos proporcionar ao alumnado material para realizar tarefas como as seguintes:

  • Ver unha película e debuxar o final da mesma antes de rematarse.
  • Ler un conto e ilustrar as súas persoaxes.
  • Con cartón, papel, celo e pegamento: construír casas, castelos, escenarios...
  • Con tea, sabas vellas e tesoiras: confeccionado dun vestido, disfraces...
  • Gravado de vídeos onde o alumnado conta un conto usando marionetas.
  • Facer un baile sobre unha canción que lles guste.

Nestes días están circulando polas redes sociais numerosas iniciativas que poden encaixar con este apartado: contacontos por youtube, maxia, programación cultural e educativa na televisión... Estes recursos deben ir máis aló do simple visionado pasivo e débense aproveitar para que o alumnado cre e imaxine.

Por último, coa finalidade de que nos poidades consultar calquera dúbida, enviar traballos do alumnado ou ter unha vía de comunicación, poñemos á vosa disposición o enderezo electrónico para que nos consultedes:

Silvia: silvia.fernandez.lopez@edu.xunta.es

Crespo: m.g.crespo@edu.xunta.gal

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer