Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

infantil 2

(2022-2023) Atopamos novas respostas na nosa investigación sobre os coches e os camións.

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste mesmo blog:

10/03/23: (2022-2023) Continuamos co noso proxecto de investigación sobre os "coches e camións". Atopamos respostas ás primeiras preguntas. 

   

Durante as últimas semanas continuamos a investigar, no noso proxecto de investigación sobre os coches e camións, para atopar as respostas a algunhas das preguntas que tiñamos pendentes.

Nesta ocasión comezamos investigando en equipos.

Os e as integrantes do equipo OVELLA foron os encargados e atopar a resposta á pregunta "QUE PASAN CANDO COCHAN?", para o que empregaron un dos vídeos que tiñamos no noso recanto online da investigación.

     

Acordaron como plasmalo no mural, pegaron as imaxes que escolleran e escribiron os textos dos descubrimentos.

 

    

Así quedou reflexada a resposta a esta pregunta no mural da investigación. 

   

Pola súa banda, o equipo "PERROS SALCHICHA", encargáronse buscar a resposta á pregunta "QUE PASA CO FUME DOS COCHES", usando outro dos vídeos do recanto online da información.

 

   

Novamente acodaron como plasmar as respostas no mural, e organizaron o traballo para participar todos e todas.

      

Así contaron a reposta que atoparon no mural da investigación.

 

     

Por último o equipo "CABALO", empregou as fotocopias e documento impresos que recibíramos por e-mail, para atopar diferentes TIPOS DE COCHES QUE EXISTEN.

Foron recortándoos e pegándoos no mural, escribindo debaixo de cada un o sue nome.

 

    

Deron atopado todos estes tipos de coches.

         

Para investigar "QUE SE PODE CONDUCIR CO CARNET", todos xuntos visualizamos varios vídeos e consultamos, coa axuda do profe, diferentes páxinas web.

Descubrimos que no carnet de conducir, ten marcado que tipo de vehículos podes conducir, pero antes tes que facer dous exames para poder conseguilo. 

 

     

Así o contamos no mural da investigación.

 

   

Fomos anotando, no lugar correspondente, quen se foi encargando de investigar cada unha das preguntas.

    

Con todas estas novas respostas, tan só nos quedan dúas preguntas para rematar a investigación. O noso mural está cada vez máis cheo de respostas e descubrimentos.

      

Irémosvos contando neste mesmo blog, como rematamos a nosa investigación nos vindeiros días, buscando a resposta ás últimas preguntas que nos quedan.

Tamén vos contaremos como comezamos a elaborar os dosieres indiviudais, es os "productos finais" que nos plantexaramos ao comezo do mesmo.

      

(2022-2023) Durante os meses de febreiro e marzo tamén sucedeu todo isto en Infantil 2

Ao longo das semanas dos meses de febreiro e marzo, na nosa aula sucedeu todo isto, que xa vos comentamos en entradas anteriores:

Pero ademais, tamén tivo lugar todo isto, que vos contamos de seguido:

Os encargados e encargadas, continuaron a desenvolver as súas funcións, entre outras sinalar as datas mas significativas no calendario online, e facer as rutinas e rexistros.

    

Particiamos, xunto aos compañeiros e compañeiras de todo o colexio, na construción da nosa cabana de bimbios.

       

Reciclamos e usamos o composteiro do colexio, para depositar os restos orgánicos, que non ían ao resto dos contenedores de cores. 

      

Continuamos a escoller as nosas palabras favoritas completando o "dicionario xigante" e os nosos dicionarios individuais.

    

Participamos na primeira sesión do obradoiro sobre as emocións, con Gloria.

   

Para conmemorar o 8M (Día da muller), xunto co resto de compañeiros e compañeiras do colexio, investigamos e creamos un panel informativo sobre unha muller relevante na defensa da natureza. No noso caso descubrimos todo o que fixo Jane Goodall

      

E tamén descubrimos a quen investigaron o resto de compañeiros e compañeiras.

   

Seguimos a empregar a aplicación de préstamo de libros, para anotar os que cada venres levamos para casa da biblioteca de aula.

   

Continuamos a levar por quendas, xunto co resto de compañeiros e compañeiras do colexio, a "mochila de lecer", que estará nas nosas casas durante unha semana completa.

 

Polo día da Poesía, intercambiamos poemas, escritos coa axuda das nosas familias, cos compañeiros e compañeiras de 5º e 6º de primaria.

   

     

Creamos un agasallo para as nosas familias polo Día do Pai.

     

Regalámonos "cocholitanas" da amizade polo día de San Valentín, comentando algo "positivo" do compañeiro ou compañeira que nos tocou por sorteo.

     

Exploramos a nosa creatividade usando diferentes técnias para pintar con témpera.

     

Sementamos cenorias no invernadoiro, irémolas coidando ao longo das semanas para que vaian medrando.

  

Completamos cadanseu boletín de auto-avaliación, onde lles contamos ás nosas familias todo o que fixemos neste trimestre.

 

Para completar unha das partes, creamos uns vídeos onde cada que comentaba aspectos positivos dos restantes compañeiros e compañeiros. Engadimos un código QR no boletín de autovaliación, para puidese abrirse desde casa e puideran ver o vídeo de cada un de nos.

   

De seguido podes ver tódolos vídeos xuntos, onde contamos o que pensamos dos nosos compañeiros e compañeiras

   

Estrenamos, cun xogo de memoria, o novo panel interactivo que instalaron na nosa aula xunto antes de rematar este trimestre.   

   

Á volta desta semana de vacacións continuaremos a contarvos todo o que sucede na nosa aula. Aínda nos quedan moitas sorpresas e aventuras por vivir ata que remate o curso.

(2022-2023) Sabes como facer que o papel na auga non se molle? Descóbreo no noso experimento deste mes

Neste mes de marzo, un novo experimento foi o que nos fixo pensar e dialogar durante un anaco, sobre un feito moi curioso... "e que non parecía ter sentido".

Como sempre, o primeiro foi plantexar hipóteses sobre o que se podería facer con todo este material.

   

Finalmente probamos a encher o bote de auga, meter o pano dentro do vaso e metelo, boca a baixo na auga... cando o sacamos: O papel estaba seco!!!

Por que non se mollaba cando metíamos o papel, dentro do vaso, na auga... plantexamos as nosas hipóteses, ata que concluímos que "o aire que quedaba no vaso", impedía que a auga subise "a tocar o papel e mollalo".

       

Cada un dos equipos, empregou o diálogo, para chegar ao acordo de como levar a cabo o experimento, participando todos e todas.

     

Puxéronse mans á obra para seguir os pasos do mesmo.

    

Cada equipo deu repetido o experimento con éxito, o papel non se mollaba grazas ao aire que quedaba dentro do vaso.

    

Ao rematar avaliamos noso traballo en equipo, usando os paneis de "auto-avaliación" figuro-analóxica.

 

Tan só quedaba completar o noso "caderno de campo", para anotar as nosas observacións, deste cuarto experimento.

   

Nesta ocasión, os compañeiros e compañeiras de Infantil 1 foron os encargardos de crear o vídeo do experimento, podes velo, así como os anteriores deste curso, na seguinte ligazón.

Experimentos do curso 2022-2023

   

(2022-2023) Continuamos co noso proxecto de investigación sobre os "coches e camións". Atopamos respostas ás primeiras preguntas.

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste mesmo blog:

08/12/22: (2022-2023) Escollemos democráticamente o tema da nosa próxima investigacion... queres saber cal é?

26/01/23: (2022-2023) Descubrimos o que sabemos, o que queremos saber e comezamos a xuntar información, para a nosa investigación sobre os coches e os camións

  

Con toda a información xa dispoñible no noso recanto da investigación, tanto en papel como online, así como con toda a que continuamos a recibir ao longo dos días; comezamos a investigar para atopar a resposta ás primeiras preguntas.

As primeiras delas afrontámolas en gran grupo, e conseguimos atopar a resposta a catro das preguntas que tiñamos plantexadas.

   

QUE PODEN LEVAR OS CAMIÓNS?

COMO SE TRANSPORTA AOS ANIMAIS?

Visualizando uns vídeos do noso recanto da investigación online, descubrimos todo o que podían levar os camións e como se chamaba cada tipo, segundo a súa carga. Fomos anotándoo entre todos e todas nun listado.

 

     

Plasmamos o descuberto no mural da investigación, acordando onde poñer a fotografía de cada tipo e escribindo ao seu lado o nome correspondente.

     

Por outra banda tamén anotamos que tipo de carga podían levar, incluídos os animais (que era outra das preguntas).

Os máis pequenos encargáronse de recortar e pegar as fotografías que escollimos entre todos e todas.

Os maiores foron os encargados de escribir, coa axuda de todos e todas, os nomes de cada carga. 

  

        

Así de completa quedou a resposta a estas dúas primeiras preguntas. Se queres saber que carga leva cada tipo de camión, tan só tes que seguir o seu camiño para descubrilo.

      

Anotamos na táboa de "Como nos organizamos", o número da pregunta na fila "todos xuntos e xuntas". Repetiríamos este proceso con cada nova resposta que fóramos atopando.

     

COMO SE CARGAN? CON GASOLINA OU CON "CARGA"?

OS COCHES DE "CARGA" SON DE VERDADE OU SÓ DE XOGUETE? 

Días despois, enfrontámonos a dúas das preguntas que máis debate suscitaran entre nós. Existían os coches "de carga" que funcionaban con electricidade?... eran coches de verdade ou de xoguete?.

Mirando varios vídeos do recanto online de información, así como toda a información que tiñamos en papel, remitido polas familias, descubrimos que existían tres modos de "cargar os coches".

Con GASOLINA ou GASOLEO: descubrimos que dentro do motor o combustible "explotaba", e por iso botaba fume polo tubo de escape, e que era moi contaminante.

     

ELÉCTRICOS: que se enchufaban e sí eran de verdade. Non botaban nada polo tubo de escape.

DE HIDRÓXENO: que se cargaban con hidróxeno.  Polo tubo de escape botaban auga (vapor de auga), e non fume.

   

Despois de comentar onde e como  se cargaba cada un (na gasolinera, na casa cun enchufe, en postes...); cada equipo buscou en toda a información que tiñamos, coches e camións dos tres tipos, para recortalos.

    

Cada equipo tivo que acordar quen pegaría cada unha das fotografías que recortaron, no mural da investigación. Calquera acordo era válido, sempre que todos e todas estiveran de acordo, e todos os integrantes participasen.

    

Foron pegando, por equipos, os coches e camións que atoparan, clasificándoos nalgún dos tres tipos no mural.

     

En cada tipo escribimos como se cargaban, se botaban ou non fume e, no caso dos de combustión, como funcionaba o motor, e por que botaban fume tan contaminante.

     

Así quedou a resposta a esta pregunta plasmada no mural.

     

Así está, neste momento, o noso panel da investigación coas primeiras preguntas e súas respectivas respostas, pero aínda nos quedan algunhas por resolver. Farémolo nas vindeiras semanas traballando en equipos e en gran grupo.

  

Irémosvos contando neste mesmo blog, como continuamos  con esta investigación.

  

   

(2022-2023) Sabías que un globo pode pegar? contámoscho no vídeo que creamos deste novo experimento

Este mes, o noso experimento científico tivo que ver coa electricidade estática. O profe presentounos o material que iamos empregar e, cada quen, foi plantexando a súa hipótese do que se podía facer con el.

   

Seguindo as instrucións, frotamos o globo coa toalla e descubrimos que, papeis cortados en anacos moi pequiños voaban ata quedar pegados cando se achegaba o globo. Tamén probamos a facelo co noso pelo, que tamén quedaba de punta pegado.

 

   

Ata fomos capaces de deixar o globo pegado na porta da clase, despois de "cargalo" frotándoo coa toalla. 

  

  

Debatimos sobre cal podería ser a causa de que isto sucedese, e fomos pantexando diferentes hipóteses. O profe contounos finalmente, que cando se frotaba o globo "quedaba cargado" de electricidade estática, que era o que facía que se pegasen as cousas.

  

Cada un dos equipos cooperativos, repetiu os mesmos pasos para facer o experimento; tras acordar dialogadamente a cor do globo, a cor do folio e como organizar o traballo, para que todos e todas puidesen participar no mesmo.

     

Todos os equipos conseguiron "cargar os seu globo" e que voasen os papeis, puxera de punta o pelo e ata que quedase pegado na porta.

    

Unha vez todos e todas deron rematado de repetir o experimento; os integrantes do equipo "CABALO", engados nesta ocasión de crear o vídeo do mesmo puxéronse máns á obra. Recortaron e pegaron as imaxes que buscaron en internet, que logo imprimiron, escribindo a cantidade e o tipo de material ao seu lado.

Usaríamos este panel no vídeo.

   

Despois da grabación, e de que o profe "montase o vídeo", así quedou unha vez rematado, co equipo CABALO contando como podes facer este experimento... por se queredes repetilo na túa casa.

   

Tan só nos quedaba plasmar as observacións, e resultado final do experimento no caderno de campo de cada quen.

   

Lembra que podes acceder ós vídeos de tódolos experimentos que levamos a cabo, neste e nos cursos anteriores, desde aquí.

    

(2022-2023) E ademais, no mes de xaneiro, sucedeu todo isto en Infantil 2...

Nestas primeiras semanas do ano no mes de xaneiro, na nosa aula sucedeu todo isto, que xa vos comentamos en entradas anteriores:

Pero ademais, tamén tivo lugar todo isto, que vos contamos de seguido:

Os encargados e encargadas, continuaron a desenvolver as súas funcións, entre outras sinalar as datas mas significativas no calendario online, e facer as rutinas e rexistros.

   

Continuamos a escoller as nosas palabras favoritas completando o "dicionario xigante" e os nosos dicionarios individuais.

     

Seguimos a empregar a aplicación de préstamo de libros, para anotar os que cada venres levamos para casa da biblioteca de aula.

   

Comezamos tamén a levar por quendas, xunto co resto de compañeiros e compañeiras do colexio, a "mochila de lecer", que estará nas nosas casas durante unha semana completa.

Organizamos unha lista de quendas por sorteo... menos mal que o Beebot nos axudou a facelo.

   

Cada semana, a quen lle corresponde levar a mochila, ten tamén que escoller un libro da biblioteca do colexio, para meter dentro da mesma, xuntno a todo o material de lecer que leva dentro.

     

Desenvolvimos as nosas habilidades creativas, empregando diferentes técnicas de expresión plástica con témpera.

   

Xogamos a construír palabras con letras móbiles.

   

Lembra que podes ver e ler todo o que sucedeu neste primeiro mes do ano, nas entradas indicadas ao comezo desta publicación.

   

(2022-2023) Descubrimos o que sabemos, o que queremos saber e comezamos a xuntar información, para a nosa investigación sobre os coches e os camións

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste mesmo blog:

08/12/22: (2022-2023) Escollemos democráticamente o tema da nosa próxima investigacion... queres saber cal é? 

Co noso tema xa elexido, e o mural preparado, chegou o momento de dar os primeiros pasos na investigación sobre os coches e os camións:

A través de diálogos e confrontación de ideas argumentadas, fomos anotando no mural todo o que xa sabíamos do tema. Nalgúns casos houbo discrepancias.... seguro que unha vez comecemos a investigar, atoparemos a respostas que dea solución ás mesmas.

 

Anotamos tamén todo o que queríamos saber sobre os coches e camións.

Acordamos tamén que, con todas as respostas que atopemos, faremos un lap-book e un pequeno vídeo-documental.

Tamén lle fixemos un oco para anotar "onde buscamos a información". Entre esas fontes que indicamos, estaban as noas familias, polo que acordamos escribir unha nota que levar para casa.

 

Días despois fomos traendo e recbindo moita información sobre o tema.

Algunha en papel...

... e outra recibímola no noso correo electrónico.

       

Respostamos a todos eles agradecendo a información enviada e acompañando a resposta de emoticonas. 

     

Deste xeito estamos a completar o recanto da información cunha chea de material, listo para comezar a investigar e atopar as primeiras repostas ás preguntas que nos plantexamos. 

Así está o mural agora mesmo, listo para comezar a plasmar nel estas primeiras respostas.

    

Irémosvos contando neste mesmo blog, como avanzamos nesta investigación.

    

   

(2022-2023) Experimentamos cun globo e bicarbonato. Queres saber que sucedeu?

Este mes experimentamos cun globo, bicarbonato e vinagre. 

Despois de observar, analizar e explorar sensorialmente o material que iríamos empregar, platexamos as nosas hipóteses que suecería, e que poderíamos facer co material disipoñible.

   

Todos/as xuntos/as, fomos seguindo os pasos do experimento para observar se se cumplían ou non as nosas hipóteses.

      

Unha vez que comprobamos que o globo se inchaba ao mesturar o bicarbonato co vinagre, cada un dos equipos reproduciu, de forma acordada e dialogada os diferentes pasos do experimento.

       

Cada un dos equipos deu obsrvado o mesmo resultado na súa experimentación.

      

Rematado o traballo auto-avaliamos o funcionamento de cada un dos equipos, a través do panel de "avaliación figuroanalóxica" de cada un deles.

     

Tan só nos quedaba plasmar as observacións e resultado final do experimento no caderno de campo, individual, de cada quen.

  

Nesta ocasión, foron os compañeiros e compañeiras de Infantil 1, os encargados de crear o vídeo explicando este experimento. Podes ver que ben o fixeron, de seguido.

Lembra que podes acceder ós vídeos de tódolos experimentos que levamos a cabo, neste e nos cursos anteriores, desde aquí.

(2022-2023) E ademais, no mes de decembro, sucedeu todo isto en Infantil 2

No primeiras semanas do mes de decembro, ata a chegada das vacacións do Nadal,  na nosa aula sucedeu todo isto, que xa vos comentamos en entradas anteriores:

Pero ademais, tamén tivo lugar todo isto, que vos contamos de seguido:

    

Anotamos no noso calendario online, os eventos máis relevantes que terían lugar ao longo deste mes. Ademais, cada día o encargado desenvolveu as rutinas diarias no mesmo.

    

Descubrimos como funciona un novo robot educativo que temos na aula, o True-True.

       

Empregando a aplicación online do dicionario, escollemos cada semana as nosas palabras favoritas dunha letra, imprimindo unha imaxe en grande que pegamos no dicionario xigante. Tamén imprimimos o número que acordemos da mesma imaxe "en pequeno", para poder usalas no noso dicionario individual.

        

Participamos nun obradoiro para facer un "marcapáxinas de Nadal".

    

   

Continuamos a anotar os libros que levamos para casa os venres, da biblioteca de aula, usando unha aplicación que podes atopar no recanto de infantil.

       

Elaboramos o boletín de auto-avaliación "As novas da escola" na que contamos ás nosas familias todo o que fixemos ao longo deste trimestre.

 

  

E deste xeito rematou este primeiro trimestre.

Vémonos novamente en xaneiro.

Que teñades un bo Nadal e unha boa entrada no ano 2023.

   

(2022-2023) Escollemos democráticamente o tema da nosa próxima investigacion... queres saber cal é?

Como cada curso, imos investigar en INFANTIL 2 sobre un tema que nos interesa, por fin chegou o momento que todos e todas estabamos agardando... saber sobre que tema iamos a organizar a nosa investigación.

Cunha choiva de ideas fomos propoñendo, e argumentando, diferentes temas, cos que levamos a cabo sucesivas votacións ata quedarnos coas cinco propostas máis votadas.

       

Decidiríamos o tema eleixido cunha votación democrática, eso si con tódalas garantías "legais". Para o cal creamos unha papeleta coas cinco propostas finalistas.

     

Cada quen, en segredo, escolleu o seu tema favorito marcándoo na súa papeleta. 

     

Todo o proceso estivo controlado por GERMÁN, presidente da mesa electoral, posto que era o encargado ese día.

Cada quen foi depositando o seu voto, non sen antes ensinar o seu carnet para ser anotado na lista, de xeito que ninguén puidera facer trampas trampas.

         

Ata o profe tivo que agardar a súa quenda, e votar presentando o seu carnet.

 

      

Rematada a votación chegou o momento do "escrutinio", había que contar os votos recibidos por cada unha das propostas. Fómolos anotando debaixo debaixo da imaxe de cada unha das propostas.

         

O reconto estaba a punto de rematar... que ía gañando? que tema sería o tema gañador ao final?

        

Despois de recontar os votos, e verificar que houbese "igual cantidade de votos que papeletas", o tema de "CAMIÓNS E COCHES" resultou ser o elixido.

      

Preparamos o material preciso para crear o noso mural da investigación, onde iremos plasmando todo o proceso nas vindeiras semanas.

        

Tan só quedaba poñer o título a investigación, para deixarlo todo listo para comezar.

       

Nas vindeiras semanas comezaremos a completar este mural cos nosos coñecementos previos, as nosas preguntas, fontes de investigación, producto final.... e sobre todo con tódalas repostas que vaiamos atopando.

  

Poderedes seguir a evolución desta investigación en entradas sucesivas deste mesmo blog. Permanecede atentos!

Ata entón, podes lembrar algunhas das nosas investigacións de cursos anteriores, nas seguintes ligazóns:

  

     

Distribuir contido

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 0 invitados conectados.