Skip to Content

Crónica da Casa e linaxe dos marqueses de leis con varias noticias de .. Pontevedra

Atopamos un recorte de prensa, asinado por Javier Landín, de 1962,  que fala das Crónicas da Casa dos Marqueses de Leis (Pazo de Campolongo) e de varias noticias de Pontevedra. Fixemos un resumo onde destacamos un anaco de historia de Pontevedra e en especial o da Torre de Campolongo que mudou de baluarte a Casa de labranza ....

Antigamente Pontevedra foi unha cidadela pechada por unha muralla con torres e ameas e con sete portas, que logo quedarían en catro portas principais e sete poxigos de entrada e saída. No seu tempo sentiu a necesidade de rodearse polas aforas de varias fortificacións polos case oito séculos de numerosas loitas. Entre as fortificacións estaba Campolongo, xunto con Cedofeita (Lérez) , Tenorio, Gondar , La Puente Vieja (Ponte do Burgo) ... Hai constancia de que no século X se restaurou o castelo de Cedofeita para defender a terra pontevedresa de invasores normandos e sarracenos. En 1195 conquistou o castelo Alfonso I de Portugal. Tivo que vir Fernando II de León para poder reconquistalo, din que tivo a inesperada colaboración dun raio que derrubou a torre.

A fortaleza dos Gondar tiña xurisdición sobre os habitantes de San Andrés e Santa Mª de Xeve e sobre tamén sobre Berducido. O señorío dende un tal Pero Arias de Aldao veu a entroncarse cos Bermúdez de Castro nos tempos de Carlos V.

A ponte vella (pontem vetura) do Burgo que da nome e blasón á cidade fortificada con dúas torres, era unha avanzadilla fluvial que gardaba o camiño xacobeo. No seu castelo firmou a paz en 1165 don Fernando (Reino de León) e Don Alfonso (rei de Portugal). O castelo do Burgo rematou a súa historia bélica en 1719 cos marines ingleses que formaban parte da Cuádruple Alianza.

O castelo de Tenorio foi escenario de moitos asaltos por parte de Pedro Madruga. O rexedor do castelo, Gómez de Pazos, con todos os seus soldados, foron asasinados despois dunha fatídica traizón. De 1464, nun epitafio nas ruínas de santo Domingo aparece por primeira vez o nome de Leis na figura de Tristán de Montenegro. Os emes coronados de ouro en campo de azur que figuran na Torre de Campolongo son as armas heráldicas dos Montenegro, rama nobilísima da árbore xenealóxica de Leis. Os escudos que se ven nesta casa son os de Don Tristan, e os de Don Lope de Montenegro, Gran Canciller de Milan, que finou en 1577; e o de Don Antonio Gago de Mendoza Sotomaior e Montenegro, que ten estatua horante en San Francisco; e o de Ruiz Lopez de Montenegro que emparentou con Pedro Cru, “tenedor de las mis Torres de Pontevedra”, e pola cal a capela franciscana dos Dolores vincularíase ao marquesado de Leis, e entronar cos claros linaxes de Sarmiento, Valladares e Ponte; e Payo de Montenegro e Sotomaior, mestre de campo nos tercios de Flandes; e outro Payo de Montenegro, que ten estatua xacente na mesma igrexa.

Na sepultura deste último entrelázase a que coronada cos trece roeles dos Sarmiento e as cinco follas da figueira dos Figueroa. Son os mesmos blasóns que se poden ver na casa de Campolongo.

Estas son as raices do marquesado de Leis. O título concedeuno Carlos III en 1735 a Don Bernabé Romero de Leis, tenente xeral que combateu nas Campañas das dúas Sicilias, en Ceuta e en Orán. É nesta época do primeiro Marqués de Leis cando a Torre de Campolongo se transforma en Pazo, feito promovido pola circunstancias que aconteceron nesa época: - A Pragmática sanción dos Reis Católicos do 7 de decembro de 1486. - O paso do sistema feudal ao sitema económico-social-politico da Idade Moderna. - O movemento agrario dos Irmandiños.

Campolongo pasou de bastión a Pazo ou Casa nobre de labranza, introducindo entre outras cousas, un piorno e un pombal. Preto do lugar, hoxe en día, atópase un érbedo que semella ter bastantes anos, que habería que investigar se pertencía a derradeira etapa do Pazo, alá polos 50 ou 60. Unha das descendentes do marquesado de Leis, en 1403, foi Tareiga Alvarez da Ponte, e consta nos escritos que tiña poder de intervir na elección de alcaldes e xuíces do territorio ao que pertencía. En 1962, despois de moitos cruces cos apelidos Gago, Castro ... herda o título de marquesado de Leis, Dona Purificación Pardo de Castro, casada con Don Ignacio Fiestra Calderón, fillo do Marqués de Riestra. A expansión urbana e a especulación fixo que o gobernador civil e vigario maior da Cofradía das Rías Baixas, trasladara o Pazo de Campolongo para Madrid, para representar a Pontevedra nunha Feira de Campo.

Artigos relacionados: - Expoliación e abandono do patrimonio de Pontevedra - O Pazo de Campolongo

- Campolongo foi de Salcedo antes que de Pontevedra  - O Meirás de Campolongo

AnexoTamaño
Cronica-Marqueses-Leis.pdf1.94 MB


page | by Dr. Radut