Skip to Content

Abandono do patrimonio de Pontevedra - O Pazo de Campolongo

O Pazo de Campolongo, pertenceu  desde o século XVI a varias familias emblemáticas de Pontevedra: Leis, De la Vega,  Cruu, Salazar, Figueroa, Montenegro ,   Mendoza,  ...  Converteuse en 1943  na delegación da Fronte de Xuventudes. Na súa enorme leira construíronse a finais dos anos corenta unha das mellores instalacións deportivas de Galicia. Competía coas de Balaídos en Vigo e Riazor na Coruña.

Nos anos sesenta, coa  urbanización de Campolongo en estado incipiente o Pazo foi trasladado a Madrid pedra a pedra como pavillón de Pontevedra na Feira do Campo  que se celebraría na capital de España ata os inicios dos setenta. Desde entón o Pazo, ou o que queda del, pasou por varias fases e nos últimos anos albergou un restaurante co "enxebre" nome de "A Casiña". Este, non sabemos por qué,  hoxe en día está a monte,  abandonado, desconfiamos que foi a pandemia quen o xubilou ou lle fixo un ERE, pero pola maleza que hai semella que leva  máis tempo.  As edras xa están a comer o Pazo e a capela, o cruceiro semella que xorde do interior dun mato, o enreixado que arrodea o solar nin se ve.

Aparte do abandono, tamén  hai quen lle chama ao Pazo "O Meirás de Campolongo" por ser expoliado do patrimonio  pontevedrés. Recordamos que xa en 1973  asinouse un decreto que colocaba baixo protección do Estado os hórreos galegos e asturianos de polo menos un século de antiguedade e prohibía toda intervención que alterase o seu carácter ou ameazase a súa integridade e estabilidade, enconmedando o seu coidado aos municipios correspondentes. A Lei de Patrimonio cultural de Galicia  vixente dende 2016 no seu artigo 32 establece que as persoas titulares de bens protexidos están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Somos moitos os que pensamos que tería que volver a Pontevedra.

Artigo relacionado: Crónica da Casa e linaxe do  marquesado de Leis con varias noticias  de Pontevedra



page | by Dr. Radut