Skip to Content

DETERMINACIÓN CARBONATO DE CALCIO EN CUNCHAS DE MEXILLÓN

O alumnado da materia de Física e Química de 4º ESO grupo A curso 2021-22, determinou a riqueza en carbonato de calcio (CaCO3) dunha mostra de cunchas de mexillón recollida no mes de outubro 2021 na praia Area Grande de A Guarda.


Trátase dun traballo práctico de Laboratorio proposto polo grupo de traballo CienciaNOSA, integrado por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, así como por profesorado de secundaria da varios institutos galegos.

CienciaNOSA procura dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia para o ámbito científico. No curso 2021-22 impartiu o primeiro MOOC Curso aberto (en liña) de Química 100% en galego, con propostas de traballos prácticos de Laboratorio de Química en formato vídeo cunha excelente calidade cientifica e realización.


A alumna de Química 2º Bacharelato Alia Rodríguez Beltrán matriculouse neste Curso en liña e obtivo o seu certifificado. Noutro artigo desta páxina imos ler as súas impresións sobre este xeito diferente de aprender Química.


Imos comentar o traballo do alumnado de Física e Química de 4º ESO.


As cunchas de bivalvos conteñen unha alta porcentaxe de CaCO3, é por iso que interesa revalorizar este produto como fonte de calcio en pensos compostos para alimentación animal. O calcio é un elemento esencial que forma parte do esqueleto e dentes dos vertebrados.


Ao atacar unha mostra moída de cascas de mexillón con ácido clorhídrico en exceso o carbonato de calcio reacciona co ácido e prodúcese unha efervescencia debido ao desprendemento de dióxido de carbono.

Quentouse suavemente en placa calefactora para expulsar o dióxido de carbono. Cando finalizou a efervescencia, deixouse arrefriar e a continuación filtrouse para separar os restos sólidos.


Recolleuse nun matraz Erlenmeyer a disolución acuosa na que aínda temos unha parte do ácido clorhídrico, pero non teremos todo o ácido que engadimos inicialmente, debido a que unha parte reaccionou co carbonato de calcio presente nas cunchas de mexillón.


Procedeuse entón a facer unha valoración ácido-base por retroceso, e finalmente, mediante cálculos estequiométricos, determinouse a cantidade de carbonato de calcio presente nas cunchas de mexillón da mostra recollida na praia. Obtívose un valor do 79%.

Paralelamente, o alumnado de 1º Bacharelato determinou a porcentaxe en carbonato de calcio empregando outro método alternativo (baseado tamén no ataque da mostra cun ácido, sen embargo esta vez medindo o dióxido de carbono obtenido). Obtívose un 75% de media nos grupos.


Moitas grazas ó alumnado polo seu traballo!.

Iniciar sesión

  Biblioteca           



page | by Dr. Radut