Xubilación de Suso Tallón e Suso Palacios

O pasado venres día 8 de outubro, a comunidade educativa do MGB agasallou a dous compañeiros que pasaron á Xubilación anticipada, os profesores SUSO TALLÓN e SUSO PALACIOS. Unha morea de compañeiros comemos con eles e fixémoslles uns agasallos en nome dun gran número de persoas que están no centro actualmente e outras que xa marcharon. Desexamos que todo lles vaia ben nesta nova etapa e que non esquezan o noso centro, que é o deles. Se picas en ler máis poderás ver os seus discursos de despedida.
 
 

Discurso de Suso Tallón


IUBILATIO
Gustaríame comezar expresando, en primeiro lugar, o meu agradecemento e gratitude aos que fixeron posible esta xuntanza, a tódolos compañeiros cos que comparto hoxe e aos ausentes, ao persoal non docente do IES MGB e dos outros centros nos que exercín como docente, aos que considero tamén compañeiros e, a tódolos alumnos dos que recibín múltiples ensinanzas e aos que procurei axudar, o mellor que souben, na súa formación e educación. E, en segundo lugar, manifestando a miña vontade de ser breve porque conviredes comigo en que "aínda o malo se breve, non é tan malo" e, en fin, xa sabemos que os predicadores son acompañantes agradables mentres están fóra de servizo.

 

Así e todo, como a intervención dos "iubilatio"-xubilados está no guión destas cerimonias, empezarei por confesarvos que aínda ás veces semella que foi onte, o certo é que hai case 37 anos da miña primeira experiencia como docente. Deses anos conservo recordos indelebles de compañeiros, amizades, pequenos éxitos e algúns fracasos; loitas, reivindicacións e silencios; horarios, timbres e a sensación de ter vivido cambios, moitos cambios na sociedade e por deriva na educación, que non alteraron a miña militancia na idea expresada polo profesor Tierno Galván conforme a que "a boa didáctica é aquela que deixa que o pensamento do outro non se interrompa e que lle permita, case sen notalo, ir tomando boa dirección". Anos ao longo dos que o profesorado impertérrito e comprometido co labor docente e co alumnado, máis alá da nosa responsabilidade, tratamos de contrarrestar as carencias do noso sistema educativo alí onde non souberon chegar as administracións.

Hai case 37 anos, como dixen, comezaba a miña andaina profesional en Boiro, no curso 74-75. O afán aventureiro ou máis ben certa inconsciencia levoume a Santurce para retornar a Galicia no curso 77-78, ao colexio de Moraña.

Á Estrada cheguei no curso 84-85. No Colexio de Figueroa estiven ata o ano 90 no que abrín unha paréntese de 12 anos no exercicio da docencia, que rematou en maio do ano 2002 ao incorporarme ao IES MGB.

Os 12 anos de excedencia voluntaria reafirmáronme na idea de que a educación é o mellor instrumento coñecido para o desenvolvemento da persoa e da sociedade.

O reingreso foi un reto non exento de preocupacións, pero a boa acollida, que agradezo, o óptimo nivel de convivencia na Comunidade Escolar e a excepcional actitude dos entrañables compañeiros do Departamento de Lingua Galega, fixeron que o período de transición fora doado e o reencontro coa docencia, grato.

O balance ao final da peregrinaxe, levemente esbozada é, sen dúbida, positivo no profesional e enriquecedor no persoal; polo que, hoxe entendo, mellor que hai anos, a García Márquez cando escribía: "non chores porque xa terminou, sorrí porque sucedeu".

A miña experiencia, non só profesional senón vital, permíteme observa-la realidade con máis condescendencia e liberdade e coa permanente vontade de seguir aprendendo. E, precisamente, na procura de ser un pouco máis dono do meu tempo, de vivi-lo presente de xeito diferente, optei pola xubilación anticipada (que espero continúe sendo unha opción dispoñible para os que o desexen), por abrir unha nova etapa, por pechar unha ventá para abrir outra.

Unha nova etapa leva implícita unha despedida e unha mestura de novos obxectivos, soños, pensamentos e emocións dos que espero saber dispoñer no día a día. Podo dicirvos xa, por experiencia (1 mes e case 8 días) que a xubilación plantexa novos retos e entre eles o interesante desafío que penso estou superando con relativa facilidade pois, como ben sabedes "non hai mestre que non poida ser discípulo" e agora toca ser alumno para aprender a convivir e gozar das novas oportunidades. Aínda que... haberá "cousiñas" que botarei de menos.

Para concluír, quero aproveitar para pedir desculpas a todos aqueles cos que puidera ser desconsiderado ou descortés ao longo destes anos, que espero e desexo teñan a bondade de aceptalas.

Moitas grazas por poder compartir con vós unha parte da miña vida e... un día tan especial coma hoxe.

Sorte e éxito no persoal e profesional, amigos e compañeiros.

Xesús Tallón Maceira

A Estrada, 8 de Outubro do 2010.

Discurso de Suso Palacios



Queridos compañeiros:

A pesar de que neste intre me vén á memoria a primeira clase que impartín, polo apuro que supón ser centro de atención, quérovos agradecer a vosa asistencia así como as mostras de cariño e agasallo recibido.

A vida seméllase bastante á traxectoria que segue un obxecto lanzado cunha certa inclinación, ten unha fase ascendente, unha altura máxima, limitada pola celeridade, e unha fase descendente. Nos comezos estariamos na fase ascendente, de crecemento, unha mellora día a día, o que conleva unha experiencia acumulativa que nos servirá no futuro. Así pasan os cursos, cada vez cunha maior celeridade, tamén con fases ascendentes e descendentes, ata chegar ao punto da traxectoria en que nos atopamos agora; trátase dun máis da traxectoria, nunha fase decrecente, é o punto da xubilación. Que ata agora, que eu saiba, nunca se explicou en Física.

É de retorno, iso non significa para nada o final da traxectoria vital, aínda que é indicativo, que está máis cerca. O MEU SOÑO É MORRER XOVE CUNHA IDADE MOI AVANZADA.

As súas coordenadas están definidas por seis compoñentes, as espazo-temporais mais a xubilosa e a leda ou alegre.

As espazo-temporais porque necesariamente tiña que atoparse en Ken Keirades e no ano 2010 que paradoxicamente tamén é xubilar. A xubilosa, porque deixo de exercer de xuíz-correxidor, tarefa tremendamente delicada ó depender dela o futuro dos nosos alumnos. Recordemos que o éxito do que ensina só pode definirse polo éxito do que aprende. A leda, porque ó ter un horario de noiva, pódome adicar a aquelas aficións que fun deixando por razóns xa coñecidas e que agora podo continuar, entre elas unha das que tiña Aristóteles.

Ogallá disfrute nesta nova etapa da miña traxectoria vital como disfrutei co voso trato e comprensión, día a día, avaliación a avaliación, ó longo destes anos no IES Manuel García Barros.

Grazas unha vez máis polo voso cariño e amizade.

Se a gratitude é a memoria do corazón, sabede que vós sempre permaneceredes no meu.

Jesús Palacios Ledo

A Estrada, 8 de Outubro do 2010.

P5050671.JPG